domingo, 17 de septiembre de 2017

ITE MISA EST !....





Non se trata de escribir un post en latín, que podería acabar como o rosario da aurora, o que se rezaba á saída do Sol. Falarlle a moitos mozos de hoxe de rosarios e outras andrómenas pode soar mesmo  a épocas pasadas, algo así como ter que alumearse cuns camping-gas para poder sacar esta fotografía, porque ese foi o caso. Ás veces as situacións extremas levan a despregar as neuronas para buscarlle solucións as cousas. 

Era a primeira experiencia campamentística baixo a iniciativa de Pepe Montes, a viaxe con tendas de campaña á praia en Rianxo. A ledicia da chegada e o barullo xuvenil debeu cabrear a Neptuno porque o vento e a choiva atacaron a traición nas primeiras horas da noite levando todo polo aire o que obrigou a recoller os bártulos con presa baixo unha tremenda chuvieira, buscando refuxio na fermosa localidade barbanzana onde fomos acollidos con agarimo.

Alí comprobamos a solidariedade dos veciños, prestándonos roupa interior e exterior xa que a nosa estaba inutilizable. A sacristía da igrexa parroquial foi o noso acubillo durante unha semana mentras un sol agarimoso que lucía de novo foi mudando en vapor toda a auga que empapaba as nosas pertenzas. Unha experiencia inesqueciblede da que recordo tamén a visita do mocerío para comprobar o estado daqueles rapaces que estiveran a piques de afogar e a convivencia coas imaxes dos santos, que alí agardaban o día da festa para lucirse nos altares.

Daquelo quedou este retrato do primeiro campamento. Entre os ciriais que portan Toñito de Saturno e Juan Turnes, Moncho Barbazán coa estola e a casulla, e arredor o resto dos “filigreses”: pola dereita Suso García, José Manuel, Manolo, José Ramón López e Carlos Rodríguez.

Logo, nos veráns que chegaron despois, todo foi a mellor, as estacións estivais volvéronse máis respetuosas co mocerío de terra adentro que se achegaba ao mar para unhas semanas de leda convivencia.

Hai algún tempo que se veñen xuntando anualmente medio cento de persoas que participaron durante varios anos nos Campamentos Comarcais do Val de Barcala, monitores e monitoras que todos os veráns levaron a máis dun milleiro de rapaces e rapazas polas praias das Rías de Galicia para desenvolver programas de convivencia que axudaron a formar cidadáns. Para o seu arquivo, este modesto documento gráfico daquel primeiro intento campamentístico que naufragou nas praias de Rianxo.





No hay comentarios:

Publicar un comentario