jueves, 7 de septiembre de 2017

A FILLA DE LINARES RIVAS



                                                           Foto: J.M.L.T.


Aquela tarde de primavera do ano 1894 as escasas rúas de O Cotón quedaron estreitas para acoller á multitude de veciños e forasteiros que acudiron a despedir a Sofía, a moza de vinte anos que finara despois dunha longa enfermidade producida pola tuberculosis, a praga infecciosa que dende séculos, viña causando unha gran mortalidade na poboación sen reparar na idade nin condición social, pois no 1885 tamén o rei Alfonso XII morría pola mesma causa aos 28 anos. Só os queixumes das campás da igrexa parroquial rachaban dende o alto o silenzo do pobo. O alcalde de Negreira, Francisco Calviño Nalla, xunto coa corporación municipal, acudía ao domicilio familiar na rúa do Carme para acompañar á familia.

Sofía Linares Astray era filla de Aureliano Linares Rivas e neta do avogado santiagués José Astray Caneda. A súa chegada a Negreira produciuse logo do casamento con Tomás Rodríguez Garzón que se instalara na Vila para exercer como letrado no Xulgado de Primeira Instancia. Os xornais da época xa recolleran a nova dous anos antes. De sociedad: El domingo se verificó en Santiago el enlace de la bella señorita Sofía Linares Astray con el joven y culto abogado señor Garzón. Fue padrino de la boda D. Manuel Linares Astray, diputado por Órdenes y en su representación D. Eulogio Terrazo, Secretario de la Junta Provincial de Beneficencia y madrina la madre de la novia que estaba elegantísima.(1)



A chegada á pequena vila duns 200 habitantes foi sen dúbida un cambio na vida social de Sofía animada polas escasas reunións de sociedade e polas cartas da familia que lle informaban dos acontecementos políticos e culturais mais recentes. Tamén pola visitas da súa nai, Adela, moito máis frecuentes dende que se agravara a enfermidade que a volvía máis pálida e melancólica. Ás veces chegaban noticias ledas, como a exitosa estrea en Madrid das primeiras obras de teatro do seu irmán Manuel: El camino de la Gloria e La ciencia de los hombres, destacadas pola prensa da capital polo seu gran éxito de público, iniciaban a súa traxectoria literaria con 46 obras de teatro e catro novelas.

A vida tranquila só se vía alterada os primerios e terceiros domingos de cada mes pola cantidade de xente que acudía ás feiras e transformaban, ocasionalmente, o relaxado ambiente vilego. Pero nin os coidados do seu médico e amigo persoal, D.Victor García Ferreiro, profesor na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela, nin dos seus familiares impediron a mala nova: Después de penosa y cruel enfermedad, dejó de existir en la Villa de Negreira la joven y virtuosa señorita doña Sofía Linares Astray, de Rodríguez Garzón, hija del exministro de la Corona, Don Aureliano Linares Rivas. Los esfuerzos de la ciencia y los esmerados cuidados de su amante esposo y desventurada madre, Doña Adela Astray-Caneda fueron estériles para arrebatar a la muerte persona tan querida (2). Sófía finou no seu domicilio da Rúa do Carmen o día 27 de marzo de 1894 ás oito da mañán. (3)

O AVÓ JOSÉ

O escritor e xornalista Fernando Salgado recolle no seu libro Los surcos y la simiente que o avogado José Astray-Caneda Calvelo, propietario de extenso patrimonio e perceptor de rentas en Negreira era un dos máis ricos de Santiago de Compostela a mediados do século XIX. Militaba nas filas do progesismo liberal e foi nomeado alcalde de Santiago en xuño de 1835 pola raíña rexente María Cristina. Casou coa aristócrata asturiana María Álvarez Builla e era coñecido como “O avogado dos pobres”. En xullo de 1864 participou no Congreso Agrícola Gallego, xunto co que logo sería o seu xenro Linares Rivas, en contra da suspensión do sistema foral, propoñendo retoques para modificar os sucesivos subforos que sometían económicamente ao campesiñado galego, pero considerando inoportuno suprimilo, como importante perceptor que era. O seu pai foi durante 42 anos secretario da corporación compostelana.




LINARES RIVAS


A Coruña a Linares Rivas


Aureliano Linares Rivas, pai de Sofía, era natural tamén de Santiago de Compostela, Ministro de Xustiza durante o reinado de Alfonso XII e de Fomento durante a rexencia de María Cristina de Habsburgo. Licenciado en Dereito e deputado pola Coruña en 1872 e en 1876 ata 1898. Senador por “dereito propio”. Os outros fillos Manuel e Emilio foron tamén avogados. Foi un dos políticos de máis sona na provincia da Coruña, cidade  na que se lle erexiron varios monumentos.

Sofía Linares Astray recibiu sepultura no panteón da familia Astray-Caneda que aínda se conserva no cemiterio parroquial de San Julián de Negreira, deixando unha filla de curta idade, María de las Dolores Rodríguez Linares, e en ningunha das biografías do seu pai aparece citada xunto cos seus irmáns Manuel e Emilio, ben pola súa morte prematura, por ser muller ou por calquera outro motivo que se coñeza.





1-2. La Voz de Galicia 20-7-1892 e 3-4-1894
3. Rexistro Civil de Negreira 27-3-1894




No hay comentarios:

Publicar un comentario