(Foto López Tuñas) |
Na Casa onde José Saramago pasou os últimos 18 anos da súa vida, o tempo está
conxelado porque así o decidiu; todos os reloxios marcaron sempre as
catro porque foi a hora na que coñeceu á súa muller.
Branca e ollando ao mar,
na súa entrada aquela pequena oliveira que trouxo nunha maceta nun
voo regular dende Portugal ,agora é grande, verde e vizosa. No se
pode pasar por Tías sen facerlle unha visita e de paso tomar
un café. Alí consérvanse os seus libros e as súas pertenzas máis
persoais, os cadros e todos os pequenos obxectos que el valoraba: as
pequenas pedras recollidas en moitos países do mundo, a súa
colección de cabaliños e os debuxos relacionados cos seus libros,
as plumas e as fermosas dependencias nas que o Premio Nóbel
meditaba, escribía, descansaba e recibía aos seus amigos. A súa
Biblioteca é inmensa coma un océano e contén obras de centos de
escritores de todo o mundo, tamén do noso : Castelao, Cunqueiro,
Suso de Toro, Freixanes ou Alfredo Conde, entre outros.
(Foto Luz Picos) |
" E eu pregunto..."
No coidado espazo do seu
estudo tamén se gardan os momentos que viviu cos máis achegados,
familiares e amigos, persoalidades do mundo da Política e da
Cultura. O fermoso xardín, con prantas canarias pero tamén “cun
olmo, tres oliveiras, un granado e o sol do membrillo”. As árbores
medraron e colocou unha cadeira de madeira no centro
para meditar e ollar o océano en tanto agardarba a chegada das
Musas, denantes de porse a escriber na sinxela mesa de madeira na
que materializou os seus dous derradeiros libros.
Sempre procurei separar a
obra dos autores da súa vida persoal ou do seu xeito de entender o
mundo, pero este no é o caso pois o legado liteario é inseparable
da persoalidade, a austeridade e o compromiso de José Saramago.
Na Casa é un rito a lectura en distintas linguas do texto de Almeida Garret :
“ E eu pregunto aos
economistas políticos, aos moralistas, si calcularon o número de
individuos que é necesario condenar á miseria, ao traballo
desproporcionado, á desmoralización, á infancia, á iñorancia
crapulosa, á desgracia invencible, á penuria absoluta, para producir
un rico”.
O mesmo que nos pobos, a
cociña era tamén lugar de encontro e convivencia: xantares e
conversas con importantes persoalidades da cultura contemporánea:
Bertolucci, José Luis Sampedro, Pedro Almodóvar, Carlos Fuentes ou
Sebastián Salgado entre outros. O intelectual segue presente na
cabeceira da mesa máis próxima á intimidade do fogar, que era o
lugar no que sentaba, por iso é alí onde se convida a café
portugués a todos os que visitan A Casa, nese lugar tan sinxelo e
tan cheo de vida.
"Unha casa feita de libros" ( Foto López Tuñas) |
Ao sair, o sol canario
peta forte e axiña hai que fuxir cara a costa na busca da brisa
gratificante. O xornal informa de que unha flota de balsas
hinchables cargadas de inmigrantes están a chegar dende África.
Fuxen da miseria. Os nosos tamén marchan para outros lugares. Todo é
unha fuxida; unha viaxe que, como ben dicía Saramago, non
acaba nunca.
(Foto López Tuñas) |
No hay comentarios:
Publicar un comentario