Non se trata de escribir
un post en latín, porque podería acabar coma o rosario da aurora. Falarlle
aos mozos de hoxe de rosarios e outras andrómenas do pasado pode
soar arcaico, como ter que alumearse cun camping gas para facer esta
fotografía. Ás veces as situacións extremas obrigan ás neuronas a
buscarlle solucións ás cousas.
A primeira experiencia
campamentística, a iniciativa de Pepe Montes, foi a viaxe
coas tendas de campaña á praia de Rianxo. A ledicia da chegada e o
balbordo xuvenil deberon anoxar a Neptuno porque o vento e a choiva
atacaron a traición xa a primeira noite, levando todo polo aire e acabando mollados coma pitos, coa equipaxe incluida.
Alí comprobamos a
solidariedade dos veciños, que prestaron a roupa mentres secaban as prendas e as tendas no
adro. Unha semán na sacristía da igrexa parroquial, experiencia inesquecible que recibía, de cando en vez, a visita do
mocerío local que viñan comprobar o estado daqueles rapaces a
piques de afogar. A convivencia cos santos que agardaban o día da
festa para sair aos altares deu para todo, tamén para escenificar
liturxias e outras andrómenas.
Daquelo ademáis do recordo quedou este retrato feito á luz dunha lámpara de butano. Entre os ciriales que portan Toñito Sanmartín e Juan Turnes,
Moncho Barbazán coa estola e a casulla e arredor os demáis: Suso García,
José Manuel, Manolo e José Ramón López e Carlos Rodríguez.
Ó ano seguinte repetiuse
a acampada e sucesivamente durante décadas. Hai pouco tempo
xuntáronse de novo máis de medio cento de persoas que participaron
durante anos nos Campamentos Comarcais do Val de Barcala,
monitores e monitoras que durante os veráns levaron a máis dun
milleiro de nenos polas praias das rías de Galicia para
desenvolver programas de convivencia que axudaron a formar cidadáns.
Para todos eles vai adicado este documento gráfico daquel primeiro campamento que naufragou na praia de Rianxo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario