sábado, 4 de noviembre de 2017

BENDITO MES


Novembro era o mes noveno para os romanos velaquí a orixe do seu nome, daquela o ano principiaba en marzo. Foi no 46 a. C. cando Xulio César promulgou, por razóns administrativas, a reforma que trasladaba o Ano Novo ao 1 de xaneiro pasando a ser sustancialmente o mesmo calendario que utilizamos na actualidade, con meses de trinta e trinta e un días e un ano bisiesto cada catro.

O tempo pasa, os días sucédense ás noites e as estacións unhas a outras coas súas características, as prantas xerminan e medran e diante dunha explicación científica, os romanos consideraban todos os procesos sobrenaturais e crían que os diferentes deuses eran os encargados da función particular de cada actividade. A saúde, a guerra, as colleitas ou o comercio e ata a felicidade das persoas dependían da divinidade e incluso os lugares máis agradables: os bosques ou as fontes, considerábanse tamén a súa morada. Cada un tiña libertade para crer no que quixera porque a súa relixión era tolerante e non tiña dogmas, o fundamental era a búsqueda da intervención divina para dar satisfacción ás necesidades de cada quen. Para asegurar o seu culto foron situadas nos distintos meses do calendario.

Novembro era un mes insignificante pois só tiña a festa de Xúpiter nos Idus, os días 13 e 15 de cada mes que correspondían á lúa chea. (1)


POLO SAN MARTIÑO


Coa instauración do Cristianismo, aínda que é unha relixión monoteista, antes do desenvolvemento científico os santos pasaron a ter a mesma función que os deuses romanos, foron situados no calendario e fóiselles atribuindo a cada un a súa función e o seu día. En Galicia tamén se lle chama a este mes o San Martiño.
Nas comunidades agrarias as actividades máis importantes eran de especial significado e motivo de celebración. En novembro tiña lugar a matanza do porco que era o xeito de garantir o aprovisonamento de carne para todo o ano. Un ritual no que participaba toda a familia, distribuíase a “proba”entre os veciños máis achegados e invitábase aos familiares a participar no xantar dos rinchóns. Así foi pasando ao ideario popular co refrán: Polo S. Martiño hai que matar o porquiño.

                              Foto: Arquivo Barcala


Nos lugares onde se cultiva a vide hai que abillar o viño. Saído dos pipotes ten lugar a cata e degustación dos primeiros grolos froito da fermentación das uvas. E os máis pequenos, que ían mudando os seus xogos segundo as estacións do ano, xa non podían andar polas silveiras ou os carballos aos niños dos paxaros, nin correr detrás do aro. Era o intre de mudar de actividade, botar man dos trompos e as charretas e sacalos aos camiños.


Polo S. Martiño hai que abillar o viño!


Un cambio sustancial na vida cotiá e cunha repercusión para o resto do ano por eso se dicía: Bendito mes, que empeza con Todos os Santos e remata con S. Andrés!



BIBLIOGRAFÍA:

(1)- Los romanos y sus dioses- Roberto M. Ogilvie. Alianza Editorial- 1995







No hay comentarios:

Publicar un comentario