domingo, 19 de febrero de 2017

DE XÚBILO




Suso Andrade cos presidentes das federacións española e galega (Tino Castro)- Campionato de España de Futbol Sala de Seleccións Autonómicas. Categoría Infantil


Á idade en que os rapaces entrabamos na adolescencia e só pensabamos en divertirnos comenzou a súa vida laboral. Un tempo inxente de traballo arreo que rematou hai uns días logo de máis de cincuenta anos, fins de semana inscluidos e ás veces en xornada nocturna. Sempre cordial e con bo talante cara os demáis. O tempo de ocio dedicábao ás aficións e aos amigos. Tamén á práctica e ó apoio do Deporte. Na Sociedade Deportiva Negreira sabían ben do  bo facer de Suso, pois os domingos nos que libraba tamén os destinaba a promocionar o fútbol, a única actividade deportiva que daquela era asequible.

O ano 1987 cando un grupo de veciños acordou organizar unha nova candidatura para as eleccións municipais pensamos nel. Tocoume a min facerlle a proposta e a súa resposta foi que tiña que pensalo. Unhas semanas máis tarde volvemos falar e non me preguntou cal sería o posto que ocuparía na lista, só me dixo que en Pedra Mámoa había uns terreos municipais que eran axeitados para unhas instalacións destinadas á promoción deportiva para os mozos e os maiores.

-Ben, pero habería que facer un anteproxecto e pensar o que se pode ubicar nese lugar, comenteille.
-Non hai problema, respostoume, falo con Pancho Leis e fainos un deseño coas instalacións que precisemos. Aos dous meses estaba exposto nun escaparate da Vila.

1989- Presentación das Escolas deportivas Municipais . Suso con Eliseo Ferreño e o Delegado Provincial de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, Jano Leis

Cando o presidente da Deputación asistiu ao mitin no Bar Mezquita para presentar a candidatura, ao entrar veu nun trípode o plano a cores e preguntou estrañado : Que fermoso.., pero quen vai pagar todo isto? A miña resposta foi instantánea: Vós!.. A cara de asombro fixo que Suso e os demáis compañeiros ríran cara a min. Cando se inaugurou o novo campo de fútbol, a terceira das novas instalacións, Salvador comentaba esta anécdota aos asistentes.

Que satisfactorio é, cando se ten a responsabilidade dun cargo público, rodearse de persoas eficientes nas distintas áreas de goberno, pensaba estes días ao presenciar algunha actuación dos protagonistas do que agora chaman nova política, que xa comezan a vida orgánica non dubidando en apartar aos que poideran poñer en perigo o seu posto. Suso facía propostas, revisaba proxectos e rodeouse na súa área de persoas como Eliseo Ferreño, un mestre con gran experiencia no eido deportivo.

A Suso débese a creación e posta en marcha das Escolas Deportivas Municipais que hoxe acollen a centos de persoas de todas as idades, a promoción da Carreira Popular e tanto organizaba campionatos de España no novo Pavillón como impulsaba outras actividades. Tamén novas instalacións deportivas e mellora das xa existentes. Sempre co seu traballo a punto e nos momentos difíciles, que non faltan en toda xestión pública, sabía prantarse e resolver dun xeito discreto.

Comenzo da Zona Deportiva de Pedra Mámoa


Suso Andrade foi sempre un home pragmático, unha persoa de firmes conviccións sociais, un destes amigos cos que gusta compartir as horas e disfrutar de momentos agradables. Onte  erguemos as nosas copas para desexarlle unha feliz prolongación do acontecer diario, agora sí con tempo  para dedicarse ó que lle gusta, porque a xubilación non é máis que prescindir do horario laboral para que a vida siga fluíndo.





No hay comentarios:

Publicar un comentario