martes, 23 de septiembre de 2014

.......E LOGO CHEGOU A EXB


E un mal día tallaron os soños infantís e comezaron a destruír todo un mundo de fábula: o refuxio na fermosa pradaría cuberta de carballos que eran o acubillo das nosas fantasías.

                                                 ( Foto: Galicia Máxica)
Primeiro o da beira do camiño, no que Joseíto quedou colgado pola man no burato do niño de peto ao non poder sacala cando ía  coller os oviños, logo os demáis: o máis alto de todos “El Águila del Caribe” onde no bico das pólas situábamos os vixías para avisar dos ataques dos piratas como nos contos de El Cachorro, despois os que acollían nas súas copas aos que lataban (“facer a gata “ decíamos daquela) para fuxir das labazadas que acompañaban as leccións do Catecismo e da táboa de multiplicar. E o de máis alá, no que agochado no alto estreei, unha tarde de Xoves Santo, a filarmónica que me trouxera meu pai e que, segundo me ameazou o frade, ía condearme para toda a eternidade. Un por un foron eliminando todos os da “Robleda” e diante da nosa tristura.

Logo foi a Canteira Grande, cuberta de xuncos, ramallos e pozas polo inverno, por onde trotaban os imaxinarios cabalos dos vaqueiros do Oeste; os camións foron recheando día tras día a gran fondeira ata facela desaparecer. Decían que alí ían construír uns colexios para acoller as escolas que estaban desperdigadas pola vila, case todas en locales de aluguer.

E para rematar, a presa, a Presa do Coto poboada de xuncos, libélulas, rás e cagudos, na que polo verán saíamos de pesca e onde decían os maiores que se podía, ás veces, cazar serpes. Foi coma se, de súpeto, quixeran arramplar coa nosa infancia.

Colexios de Negreira

De contado empezaron a erguerse os novos colexios que con sorna chamábamos do “Plan Viruta”, porque estaban feitos dunha mestura de cemento con viruta de madeira, unha modernidade que viña de Madrid pero que os máis ousados descubriron axiña que cun pau afiado podían facerse buracos nas paredes. Acabaron por impermeabilizalos con alcatrán para frear as pingueiras do inverno e reforzalos con vigas de ferro, grazas ás protestas do mestre D. Marcelino, que foi ameazado por meterse, disque, en algo que non lle competía. Máis adiante fóronse mellorando e remataron acollendo as novas escolas graduadas, nas que os alumnos estaban distribuídos por aulas segundo a idade, o que non acontecía nas anteriores, de nenos e nenas.

O certo é que foi un avance importante no caduco sistema educativo e tamén unha posibilidade de abrir unha nova zona de crecemento urbanístico, pois os donos do Pazo estaban dispostos a urbanizar todos os terreos entre o casco urbán e os novos colexios. Chamáronlle a Zona Nova e foi algo así como a chegada da modernidade. E cando lle fixeron a escalinata de acceso e colocaron o busto de D. Victoriano todos empezamos a ollalos de lonxe e a decir que quedaba ben.

Por eles pasaron xeracións de rapaces e rapazas, mestres e mestras que aínda viven no recordo.

Co paso dos anos foron derrubadas para construír o novo Colexio do Coto ao que xa se incorporaría todo o alumnado do termo municipal.

Era a chegada da EXB.



No hay comentarios:

Publicar un comentario