sábado, 10 de septiembre de 2016

MUXÍA A DAS ALTAS PENAS





Romería da Barca
 

Hoxe ten un porto moderno onde as embarcacións se protexen dos fortes ventos que no inverno baten con forza no mar e nas penas e peneiran  ás gaivotas que fuxen  buscando refuxio nas rochas do Corpiño. O moderno malecòn luce un fermoso paseo e ata as embarcacións deportivas teñen alì acougo.

Daquela cando se aproximaba a treboada os barcos fuxían cara  dentro da ría para refuxiarse na Ponte do Porto ata que os ventos amainaban. A vida dos mariñeiros era moi dura e as mulleres vestían de negro, eran unha excepción as que non perderan alguén nas profundidades do Canto, onde se dirixían a botar as redes para buscar o sustento. Alguns días as familias agardaban no peirao baixo a chuva cos nenos pequenos ao abrigo dos mantelos mentres as embarcacións subían e baixaban sobre as augas traendo a ledicia aos seus, que comprobaban  que atracaban sen novidade.

Aquela noite o temporal chegou sen avisar, como tantas veces, e os barcos víronse obrigados a quedar no porto. Pola mañá era difícil camiñar polas rúas, o vento impedía avanzar e a auga caía como se a botaran cun xarro. Dende a fiestra da Escola que estaba no Malecón, na primeira pranta dun edificio  onde agora hai unha perruquería, vimos o barco, o máis grande de todos, sobre as rochas do Campo da Cruz. Romperan as amarras e foino levando o mar cara ese lugar. Polo nome soubemos que era o de Canducho. E agora, dicíamos, como farán para poder sacalo...! Pouco a pouco o mar comezou a batelo contra as pedras, unha e outra vez coma se fose de papel. Primeiro foi o casco de madeira o que empezou a esnaquizarse, logo virou sobre o lado de babor e a forza das olas continuou o machaque da ponte e dos mástiles ata que o esnaquizou de todo.

Foi unha gran perda, para o seu dono e os mariñeiros que formaban parte da tripulación, unha máis para o pobo de Muxía.

Estes días celebran a festa da Virxen da Barca e os romeiros, a maioría mozos, disfrutarán das verbenas na explanada que xa foi deseñada para  abrigar as casas do temporal. Milleiros de persoas chegan ao santuario nas beiras do mar bravío a mover a pedra de abalar, hoxe mutilada polo último temporal, pasar a pedra dos cadrís ou disfrutar da forza do mar que segue a puir as rochas convertindo a auga en milleiros de burbullas brancas cruzadas polas gaivotas.


Canta xente...canta xente
Por camiños e por veigas!
Canta polo mar abaixo
Ven camiño da ribeira!!

.................
Xa Rosalía de Castro en Cantares Gallegos (1863 )  adicaba un poema á Virxen da Barca e en fermosas estrofas loubaba a beleza das mulleres que dende os máis diversos lugares de Galicia  acudían á festa para das as grazas ou buscar a protección da santa.

Ramo de frores parece
Muxía a das altas penas
Con tanta rosa epallada
N ´aquela branca ribeira...
...............

Cando se coñece a dura vida dos homes do mar e as desesperadas situacións nas que parece que todo se acaba, enténdese que ata os máis fortes sintan que só unha forza sobrenatural poda rescatalos. Os exvotos colgados na basílica da Barca son refrexo de situacións extremas vividas polos mariñeiros.



Exvoto no santuario




 

No hay comentarios:

Publicar un comentario