sábado, 19 de noviembre de 2016

INFINITO CADUCO




As estrelas na auga reflicten a sebedoría do tempo- Denís Estévez



Os ríos, esa regalía que foron o xermolo de civilizacións, cidades e culturas transfórmanse ás veces en espellos nos que se reflicte a Natureza e todo o espazo exterior transfórmase en poesía. Só décimas de segundo no que os espíritus máis sensibles son capaces de captar e amosárnolo en forma de obras de arte. Dende os alicerces da nosa cultura cóntanos a Mitoloxía como Narciso acabou namorado da súa imaxe reflectida no espello dunha fonte. Tal é a maxia das augas que muda no máis sublime a simple imaxe mortal.

Denís Estévez, pintor e fotógrafo, foi quen de camiñar  polas beiras dos ríos como o Tambre, ou o Negreira agardando polas horas do solpor nos que as augas se transforman en espellos para fotografar ese intre en que as estrelas do ceo ou o reflexo das plantas se miran nela e xogan coas imáxes para presentarnos un mundo cromático ou actuando coma un prisma óptico que as descompón dándolle un sentido máxico e colorista.

INFINITO CADUCO e o nome da excelente exposición fotográfica coa que nos agasalla na galería Luisa Pita, na Rúa Cardenal Payá 9 en Santiago de Compostela. Estes días e ata o 12 de decembro é a cita para todos aqueles que se acheguen a esta orixinal mostra na que se reflicte nidiamente que a fotografía tamén pode ser poesía, outra maneira de expresar a beleza e as emocións a través da imaxe.

A Natureza, di o autor, o espazo exterior que semella todopoderoso e o mesmo tempo impotente ante o noso embate, engloba e artella case por completo a exposición, como reflexo e peza dun xogo na gran partida do tempo. Na súa grandeza reside a antítese que dá nome ó conxunto de obras onde o inabarcable infinito do percorrido dun río vese fracturado co devir das augas.

As imaxes que se realizaron para esta exposición xa despareceron, foron segundos de beleza recollidas pola cámara e impresas no papel para así inmortalizalas.

É  unha exposición que merece visitarse e que a ninguén deixa indiferente.



Infinito caduco








No hay comentarios:

Publicar un comentario