domingo, 6 de noviembre de 2016

BONSAIS

Carballeira bonsai


Entre as gafas e o horizonte esténdese todo un mundo tanxible de obxectos, seres vivos ou inertes, vehículos en movemento e auga do mar, todo cortado por ringleiras de árbores que ollan vixiantes a paisaxe que os importuna. Onte contábame Mario que as árbores son os seres máis modestos que coñece porque cando a brisa os acariña soltan un par de follas lánguidas e cando o temporal os agrede con forza as súas ramas póñense tensas e o seu tronco desafiante, facendo que teña que fuxir coa chuvia de vencido.

As árbores conviven pacificamente unhas coas outras mandándose mensaxes a través dos paxaros que voan dunha copa a outra e que non podemos entender porque non comprendemos a súa linguaxe. Eles tampouco a nosa. Alguns só teñen follas pero outros cúbrense de flores e as veces tamén nos agariman con froitos sabedores. As persoas, en xeral, sentimos moito respeto por eles.

Hai quen levado pola admiración quere telos na casa, controlar de perto como medran, configuralos, alimentalos e darlle formas o que sería imposible conservando o seu tamaño por iso redúcenos como xoguetes xa que doutro xeito sería imposible gardalos. Dende pequenos limitan o seu crecemento e transfórmanos en especies ananas pero conservando as características dos seus devanceiros. É decir, un bonsai.





Aínda que a verba quere decir en xaponés “cultivado en maceta” a súa orixe  ven de China onde hai bastante máis de mil anos empezaron a aplicarlle esta técnica reduccionista para frearlle o crecemento dende moi novos, limitando as raíces, podando as ramas e configurándoas con aramio de cobre dándoselle así aforma que se queira. Arte que confire xeitos fermosos e espectaculares a estas árbores en miniatura. Nalgúns lugares os afeccionados agrúpanse en asociacións intercambiándose experiencias e compartindo admiración polos seus  exemplares.

O bonsai é un exemplo da domesticación dos seres vivos, máis que prantas son mascotas que precisan coidado e atención permanente, estar pendentes deles, alimentalos, sacalos ao aire libre cando o demanden e prestarlle axuda cando o precisen.







No hay comentarios:

Publicar un comentario