viernes, 11 de mayo de 2012

FLORENCIA



Praza da Signoria-Palacio Vecquio (Foto López Tuñas)

Florencia non se pode contar. É coma unha mañá de Reis na que os soños se fan realidade e vas de agasallo en agasallo sen saber con cal quedar, mentres as sensacións te desbordan. É para gozala e entendela, un chute sensorial que te enche.

É a presenza viva da arte e a exaltación do ser humano a través da beleza, exteriorizada no mármore e o bronce, da arquitectura, da escultura e a pintura. O berce do Renacemento. A cidade na que se constata que son as ideas as que moven o Mundo e o lugar no que un grupo de homes excepcionais rachan as tebras medievais e colocan ó ser humano, dotado da capacidade de razoar, no centro da vida.

Aquí agromou unha nova época, un vasto movemento que pouco a pouco se foi estendendo por toda Europa introducindo profundos cambios na vida artística, cultural, política e literaria. Os Humanistas: escritores, pintores, escultores, científicos, abren as portas a unha nova era. A cidade dos Médicis, mecenas dos grandes creadores. O desenvolvemento económico e político da burguesía como nova clase social, motor da cidade.
O David - Miguel Anxo ( Foto López Tuñas)

Nas súas rúas seguen presentes Dante e Petrarca, Miguel Anxo, Donatello e Brunellesqui e ata a bella Simonetta que namorou a Giuliano de Médicis e ó mesmo Botticelli, quen a inmortalizou no seu cadro O nacemento de Venus que se garda na Galería degli Uffizi.

No centro de Florencia hai unha templo que mais parece unha fortaleza, é a igrexa-pazo dos gremios: Orsanmichele, que está exactamente entre o centro de poder relixioso da cidade, onde se ubica a catedral de Santa María dei Fiore, e a sé do poder politico, a Praza da Signoria, como se quixera reivindicar a independencia, a liberdade e a dignidade do mundo do traballo. Nas súas fachadas atópanse as estatuas dos santos protectores das artes.

Paseando por esta cidade, que foi a capital de Italia dende 1865 a 1871 e sede do primeiro Parlamento, intúese o contraste entre unha civilización que pon o seu diñeiro a prol do progreso da cultura, da sociedade e sobre todo das persoas, fronte á caricatura dun capitalismo depredador, representado simbolicamente por un grupo de escolares xaponeses que se retratan cun poster de Miky Mousse diante dunha tenda de Disney, a poucos metros da Praza da Signoria.


ALBUM


 Catedral de Santa María dei Fiore ( Foto López Tuñas)











(Foto López Tuñas)







Porta do Baptisterio. Lorenzo Ghiberti traballou 25 anos nesta xoia de bronce, chamada por Miguel Anxo a Porta do Paraíso


                                                                           (Foto L.T.)




  
                                          
               

Fonte de Neptuno na Praza da Signoria    ( Foto L.T)
As antigas tendas de Ponte Vecquio foron transformadas en xoierías ( Foto L.T.)



                                         ( Foto L.T.)






PERSEO  de Benvenuto Cellini na Praza da Signoria. Este bronce é un dos máis alabados do Renacemento polas súas dimensións.












No hay comentarios:

Publicar un comentario