viernes, 29 de enero de 2016

A CARRILANA



                                           A Carrilana      (Foto Carmen González)


Esta fotografía de finais do século XIX, deteriorada polo paso dos anos, corresponde á chegada a Negreira da carrilana que facía o traxecto Santiago-Noia. O acontecemento era ben celebrado polos viaxeiros, moídos polo sube e baixa daquel baúl con rodas, os xuramentos do “mayoral”, a suor provocada polo bafo dos animais cando subían a costa de Augapesada e a inquedanza que, ás veces, producía a sensación de que se cae e non caía. Tamén nas paradas, polas taberneiras que atendían no mostrador aos viaxeiros e polos rapazolos que agardaban o seu paso para ir uns metros pendurados do moderno vehículo que viña do descoñecido. Pero sobre todo polos veciños das vilas de destino.

A noticia do xornal de onte recollía que hai 130 anos os nicrarienses protestaban polo retraso da dilixencia, dado o mal estado do camiño e porque, malia terse anos antes anunciado que o Estado tiña planificada a construcción dunha estrada de Santiago a Camariñas por Negreira, e outra a Corcubión, nunca se materializaran. Os deteriorados camiños reais polos que se desprazaban a pé, e só os máis afortunados a cabalo, dificultaba enormemente as comunicacións co exterior.


Foi na década dos anos trinta do pasado século cando a construción de estradas sufriu o primeiro pulo e varias comarcas de Galicia conseguiron estar comunicadas por un servizo de coches de liña regular que facilitou o fluxo de pasaxeiros coas cidades máis achegadas. Ese novo transporte tamén facilitou o comercio local, pois os comerciantes recibián por el algunhas mercancías ou os suministros que os revisores facilitaban, cos encargos de cousas que se vendían nas cidades e das que no rural non se dispoñía .

A información de 1886 que onte publicaba La Voz de Galicia reflicte o atraso na construcciòn de infraestructuras que dificultou o desenvolvemento das comunidades menos industrializadas de España. A carencia de vías de comunicación axeitadas foi sempre un problema para Galicia. E aínda hoxe, a loita entre as diferentes cidades non debera dificultar a planificación no transporte ferroviario ou aéreo, pois o interese xeral debe superpoñerse sempre a calquera outro de tipo localista








No hay comentarios:

Publicar un comentario