sábado, 15 de octubre de 2016

NIN TANTO NIN TAN POUCO





O xogador do Barcelona Neymar mosqueouse porque os seus contrincantes din que se sinten humillados cando xogan con el. O brasileiro fai co balón o que quere: súbeo, báixao, pousao na cabeza ou en calquera sitio do corpo. Fai o mesmo que as palilleiras de Camariñas cando trenzan o encaixe. O xogador é demasiado bo, e aínda cae peor por facer as súas estramonías cun sorriso de felicidade e iso fire. Os contrincantes mosquéanse e mázano. Maradona di que lle dan unhas duascentas couces en cada partido, ademáis doutros golpes cos brazos; debe ser por iso que a Neymar lle piden dende os xornais que se modere e xogue como o resto da tropa.

Algo parecido lle pasaba a Johan Cruyff nos seus tempos de gloria. Alá polo agosto do ano 1974 recén chegado ó Barcelona, veu xogar o trofeo Teresa Herrera ao estadio de Riazor. Era a semifinal contra o Peñarol de Montevideo e ao pouco de comezar, como os defensas no podían termar del, un deles guindouno ó chan. Cabreado, revolveuse e zorregoulle unha patada. Aqueles miles de espectadores comezaron a berrar na súa contra con todas as forzas e o árbitro amosoulle a tarxeta roxa, ante o pasmo do xogador que se negaba a sair do campo, entre tantos asubíos. Cando marchou, fíxose un silenzo sepulcral porque os milleiros de xiadeiros que pagaran as súas entradas para velo xogar, quedaron con cara de parvos.

O caso contrario aconteceulle a un veciño meu, que cando o levaron  xogar un partido de ascenso á Terceira División co equipo do pobo, púxose á sombra dun piñeiro e non houbo quen o fixera mover. O mozo ría cando encaixaban algún gol e dicía que a súa saúde non lle permitía coller unha insolación.

Onde Neymar non tería futuro sería na Política. Nesa actividade, desgraciadamente, hai que ter un peso específico cero; se alguén sobresae, córtanlle a cabeza e se é de moito peso vai ó fondo, por iso agora, o ideal na práctica desta disciplina é manterse a flote segundo vai subindo a auga de nivel, e non cansar ata chegar ó cumio.

Será o demo que aínda que me propoña o contrario acabo falando de política. Pero dicía un bo mestre que tiven:

-Mirade rapaces, si vou pola rúa e teño moitas, motísimas ganas de mexar, arrímome a un balado e fágoo. Entón loxicamente, virá o Garda Municipal e chamarame a atención: Teño que multalo, porque iso non se pode facer na vía pública!

-Pero si teño tantas ganas non podo aguantar e non hai mexadeiros públicos....con esa norma non estou dacordo, debera haber excepcións!

-Vedes, dicía, ata cando mexamos podemos estar meténdonos en política. Porque en realidade a política abarca todas as actividades da nosa vida e aínda que non nos metamos con ela, acaba ela meténdose con nós.






No hay comentarios:

Publicar un comentario