martes, 4 de octubre de 2016

O CAN DE BASILISA





Cando cumpría o servicio militar nun centro de instrucción de reclutas, aínda quedaban dúas mulas que se empregaban para transportar nun carro os caldeiros da basoira ata o lugar onde os camións recollían os desperdicios. O encargado de coidar aos animais era un veterano da Coruña, a súa función consistía en alimentalos, limpalos e telos sempre en estado de revista, como alí se dicía.

Unha tarde, cando un tenente pasou por diante do establo viu como o noso paisano bouraba cun pau no lombo dunha delas, dándolle semellante tunda que os golpes estalaban coma se fosen foguetes. O oficial, espantado, mandou cadrar ao soldado e ameazouno co calabozo durante todo o ano se volvía a comportarse dese xeito tan salvaxe. A resposta deste foi inmediata: ¡Mi teniente, empezó ella primero!

Co paso dos anos e a evidente mellora do nivel cultural o respeto polos animais comezou a notarse, é o caso dos cans. Hai tempo estes animais eran moradores case exclusivos das aldeas e as zonas rurais. Coa excepción dos de caza, que gozaban dun estatus superior, o can de palleiro foi sempre o servidor máis fiel da casa labrega: nela facía de vixiante da vivenda, saíndo escopetado ante a presenza de calquera visitante, avisando cos seus ladridos aos donos do casal; tamén tornaba do gando e acompañaba aos seus donos, todo a cambio da comida e dun trato que facía bo aquel dito de “levar unha vida de cans”.

Hoxe pasaron a ser urbanitas e nalgunhas cidades de existir un censo de seguro que acadarían case a metade da pobación residente. Os paseos pola rúa confirman esa realidade, centos de persoas se entrecruzan tirando pola correa dos seus animais, ás veces dous ou tres, ata con abrigo no inverno. É admirable a delicadeza con que os cidadáns van recollendo as cagallas e depositándoas nas papeleiras ben envolvidas nas bolsiñas de plástico. O desfile de razas é variado, dende os pequenos chihuahuas ou caniches, ás veces no regazo dos donos, ata as especies máis grandes ou perigosas, como os Boxer, Pitbull ou Dobermáns. Seguramente existe un tipo de can para cada dono.

Hai tempo que a miña veciña Basilisa pasea polas mañáns co seu canciño da correa: pequeniño, peludo e marrón, con cara de chino. Hai uns anos, cando ía para o meu traballo, parámonos a falar como outras veces e, ao comenzo da conversa.. Zas! chantoume os dentes nun nocelo e quedóuseme mirando. A reprimenda que levou da súa dona non foi pequena. Cando cheguei ó centro de traballo pasei polo botiquín a desinfectar os catro buratiños que me deixou de recordo. Dende aquel día o cativo cada vez que nos cruzabamos, parábase, poñía xesto de buldog e rosmaba cara a min, sen entender o motivo polo que o día de autos non o puxen en órbita para dar máis voltas á Terra que a cadela Laika, que os soviéticos mandaron no Sputnik.

É un problema de algúns animais afeitos a convivir co home en calidade de compañía, xa o din os adestradores nos cursos de comportamento para caninos: unha cousa é tratalos como seres da natureza merecedores de respeto e outra cousa moi distinta manter con eles unha relación entre iguais sen coñecer as súas limitacións ou necesidades.



No hay comentarios:

Publicar un comentario