martes, 17 de abril de 2018

POEMAS DE MANUEL RODRÍGUEZ





O pasado 8 de marzo o Concello de Negreira adicaballe o Día da Muller Traballadora a Sofía Rodríguez, nun acto de homenaxe á muller que finou un mes antes de que se lle tributara tan merecido recoñecemento, a que pasou a súa vida educando aos máis pequenos. Case un mes despois finaba tamén a súa irmá Carmiña.

Ese día contabamos como todos os irmáns axudaban na labor docente da Escola da Revisora: Purita, José autor dos poemas que publicamos neste Blog hai agora un ano e Manuel, aquel mozo que polo verán nos ensinaba  Xeografía no mapa que debuxaba no campo e que xa ten superado as nove décadas dunha vida chea de fortalezas. Hoxe remitiume unha ducia de poemas do seu libro Anduriñas nos que reflicte a nostalxia de vivir lonxe da súa terra. Recollo eiquí un deles, en homenaxe a esta querida familia.





Nin chorando nin xemindo

Alexeime dos teus campos
dos teus ríos e das fontes,
de ise ceiño estrelado,
de isa quietude da noite;
de ises ventiños norteiros
que veñen afusquiñados,
coma fuxindo dos demos
para quedar no chan sagrado .

Das augas moinas que caen
e regan os teus encantos
docemente, aloumiñando
coma facendo o miragre,
que Deus elixiu o Ceio
rincón tan privilexiado,
que vos bendice e non sei
si quedas grorificado.

Pero si sei na saudade
recoñecer a virtude
para quererche máis e máis,
e sentir esa inquedume,
dos recordos que me afrixen
cada día e cada instante,
e soio unha espranza humilde
poidera ser que me salve.

Non escoito os paxariños
que ó xurdir como amapolas
aló, de mañá moi cedo
fan chirrio entre as follas
dos carballos e ameneiros;
intras xestas e toxales
de ises montes sempre cheos
de vida por todas partes.

Non vexo os campos cas frores
que aledan o meu esprito,
que se alcontra enfermo lonxe
de ises ventos solermiños
dos que me alexei un día
e vou chorando por vida.

Pra pior desgracia miña:
¡Que lonxe deles non viva!
Quixera ser coma o trono
que espertando ós máis durmidos,
levaran aos meus saloucos
para os deixar no chan querido.

Aliviar esta tormenta
de penas que levo dentro,
e que as nubes non alexan
nin chorando nin xemindo.


                                                 Manuel Rodríguez Rodríguez









No hay comentarios:

Publicar un comentario