sábado, 19 de septiembre de 2015

I - O CRUCEIRO DE BEALO





Hai un certo tempo que me agasallaron esta fotografía, sabedores da importancia que teñen ás imaxes como documento social, pois a sùa información é tan valiosa como a de algúns documentos escritos. No reverso, con primorosa caligrafía, pon: “Villancico en el Crucero de Bealo en la procesión del Corpus del año 1902, dedicado al tío y primos de Negreira. Su sobrino Valentín Lens Fabeiro”

Arredor do cruceiro os sacerdotes baixo palio, rodeados de ciriales, pendón e estandarte, homes e mulleres, coa atenta mirada dos santos dende as andas, ofrendan un sahumerio ao “Santísimo Sacramento”. Os cruceiros ubicáronse tradicionalmente nos cruces de camiños, por ser unha cristianización do culto aos deuses Viales.

O historiador José Carlos Bermejo Barrera, no seu libro “La sociedad en la Galicia castreña” recolle o carácter máxico que dende a época prerromana se lle atribuiu ás encrucilladas e, coa penetración e implantación da relixión romana, as antiguas divinidades célticas toman o nome de Lares Viales  quedando reducidas á categoría de deidades propias dunha cultura “folk”.
Segundo J. Taboada Chivite os cruces de camiños no folklore galego tiñan un carácter funerario porque era o lugar onde se enterraban aos nenos sen bautizar, por non consideralos ben integrados no mundo dos mortos. Demoníaco, porque era o punto de unión sexual co demo e alí cúranse enfermidades como o tangaraño (raquitismo). Máxico, pois tamén se cura o aire de gato, cortando cun coitelo a corda,  posta nas mans e os pés do neno. Valor social, porque se utilizaba como punto de integración e separación dos membros do grupo. Nas encrucilladas tiñan lugar os recibimentos colectivos de emigrantes e as despedidas dos que ían cumprir co servizo militar.

O cruceiro é un dos máis importantes monumentos relixiosos do mundo rural galego e, practicamente, non existe unha parroquia que non teña unha destas fermosas manifestacións da arte dos canteiros.


Cruceiro de A Pena

 No noso concello temos 19 fermosas mostras destes sinxelos monumentos tradicionais, a maioría de estilo gótico e tamén nos cruces de camiños, algún coa mesa de pedra ou pousadoiro, onde se colocaban os cadaleitos cando os veciños os levaban ao cemiterio. Antonte comentábame Paulino que un dos dous que ten a parroquía de Bugallido foi cambiado de lugar e que ó campo da festa aínda lle chaman  Campo da Cruz.

Os cruceiros forman parte do Patrimonio Cultural de Galicia, están protexidos por Lei e non se pode facer ningúnha intervención neles sen as autorizacións correspondentes.







No hay comentarios:

Publicar un comentario