O pasamento de Conchita
encheu de tristura a todos os que tivemos a honra de coñecela.
Concepción Suárez Morilla foi durante corenta anos a Secretaria da
Sociedade Cultural y Benéfica “Unión Barcalesa” da Habana, e xunto ao seu home Rolando Pérez Palmero, presidente xa falecido, mantivo vivo o espíritu da nosa terra e aglutinaron na
centenaria asociación aos que alí quedaron e aos seus
descendentes.
O actual presidente,
Manuel Rodríguez Barreiro, comunicábanos a triste noticia e como até os
derradeiros intres da súa vida, malia os problemas de saúde, seguía
fiel ó seu compromiso coa Sociedade, da que formou parte dende o ano
1959:
Desde el año 1975
ocupo el puesto de Secretaria de la Junta Directiva hasta el día de
hoy , escribía o
14 de setembro de 1914 , en todo este tiempo he llevado
toda la información que genera el actuar diario de la sociedad, los
libros, el control de los recibos, las actas y la documentación, el
libro de registro del Panteón...
O
seu pai tivera que marchar, como tantos outros a comenzos do pasado
século, na búsqueda de oportunidades que esta terra lle negaba,
dende a aldea de Lueiro (Negreira) integrándose
cos seus paisanos para contribuiren a crear as escolas que non había
na súa terra natal. Dende o ano 1920 formou parte da Unión
Barcalesa ocupando diversos cargos na Directiva, da que chegou a ser
Presidente. Casou cunha moza sevillana e soubo
inculcarlle á súa filla máis nova dende pequena os valores da solidariedade, o
respeto pola súa cultura de orixe e a necesidade de continuar co
labor que os nosos emigrantes comezaran no ano 1907.
Conchita e Rolando |
Cando
no ano 1993 se iniciou o envío de axuda que os veciños dos
concellos de Negreira, A Baña e Brión e logo a Asociación Alén
Mar entregaron á Sociedade foi ela, xunto co seu home Rolando Pérez
os que, coa colaboración do resto da Directiva, procederon dun xeito
exemplar a recepcionar as toneladas de alimentos, medicamentos e
material escolar, entregando equitativamente aos socios a parte
correspondente, elaborando os documentos da recepción da cantidade
entregada a cada un e remitindo copia ás entidades municipais e
asociativa. O domicilio de Conchita e Rolando transformouse nunha
farmacia á que acudían os barcaleses coa correspondente receta para
retirar os medicamentos que foran enviados polos farmaceúticos da
comarca.
Conchita era todo un
exemplo de vitalidade, eficiencia e honradez. Na primeira visita a
Barcala, acompañada do seu home, onde foron agasallados polos
concellos, asociacións e veciños, fixeron efectivo o acordo de
entregar os edificios das escolas de Aro, Cobas e Seoane pois,
dicían, eso se ha hecho con el trabajo y la aportación de
nuestros emigrantes y a Barcala debe volver, pasando así
a formar parte do inventario dos concellos de Negreira e A Baña,
cedendo este último, o edificio da de Seoane, á Asociación
Barcalesa de esa parroquia. Daquela Conchita pediume que a leváramos
a Lueiro, a pequena aldea que dende as ladeiras da marxe dereita do
río Tambre mírase no espello do embalse Barrié de la Maza, para
visitar a que fora casa de seu pai. Alí, diante da
lareira, pediu que a deixáramos soa e durante tempo permaneceu
seguramente falando coa memoria de seu pai e cumprindo o que ela dixo
que fora sempre a súa maior ilusión, poder regresar algún día á
casa dos seus ancestros.
O seu pasamento é un
acontecemento moi triste, como xa o fora o de Rolando, para a súa
familia e para os barcalesas da Habana e Barcala que tivemos a sorte
de coñecela e sempre recordaremos con cariño a esa Conchita tan
activa e solidaria que se mantivo fiel á memoria dos seus
antepasados e os valores que lle souberon transmitir. Agora repousa
xa no panteón do Cemiterio de Colón da capital cubana, na compaña
dos centos de barcaleses e os seus descendentes que non puideron
retornar á terra pero que seguirán presentes na nosa memoria.
Repartindo solidariedade |
Recebemento a Conchita e Rolando na escola de Seoane-A Baña |
No hay comentarios:
Publicar un comentario