Cando remata unha ditadura, xorden sempre os enterradores da memoria e pola contra investigadores e investigadoras que desenterran esa parte do pasado e da nosa Historia que permaneciu oculta polos anos de esquecemento e polo medo.
|
Aurora Marco |
Aurora Marco López é catedrática de Didáctica da Lingua e Literatura Galega na Facultade de CC da Educación da Universidade de Santiago, membro dos consellos de redacción de diversas revistas especializadas e ten no seu haber máis de vinte libros publicados, moitos deles sobre o papel da muller en diversos ámbitos da sociedade como Mujer, Lengua y Literatura; Mulleres e Educación en Galiza. Vidas de Mestras; Diccionario de Mulleres Galegas e estes días acaba de sair do prelo MULLERES NA GUERRILLA ANTIFRANQUISTA GALEGA, que será presentado o vindeiro mércores día 14, ás 8 da noite, na Livraría Couceiro en Santiago de Compostela.
Este traballo, que requeriu anos de investigación e viaxes, recolle o destacado papel-até o de agora oculto- da muller galega na guerrilla. Tomei contacto con Aurora Marco na súa visita a Negreira para coñecer por boca dos afectados os acontecementos vividos na parroquia de Zas no ano 1949, data na que tivo lugar un enfrontamento coa Garda Civil que causou a morte de dúas mulleres (Carmen Temprano Salorio e Manuela Teiga) guerrilleira e enlace respectivamente, así como doutros tres compañeiros e unha dura represión que levou á cadea a máis dunha ducia de persoas. A través dela coñecín a importancia e o valor das nosas mulleres na defensa da democracia e a liberdade
A presentación deste interesante traballo coincide coa noticia da concesión do Premio “Memoria i Justícia Universal” no III Festival Internacional de Derechos Humanos de Santa Coloma de Gramenet á película realizada polo seu fillo, Pablo Ces, “ As Silenciadas” sobre a mesma temática e da que Aurora Marco é guionista e que será proxectada neste acto.
O mércores poderemos ter acceso a esas importantes testemuñas, que nos descubrirán páxinas importantes do pasado da comarca de Barcala e de Galicia, até o de agora decoñecidas, grazas ao esforzo investigador da profesora Aurora Marco que segue a ser un exemplo vivo do compromiso da muller galega coa súa terra e as súas xentes.