Os barcaleses residentes na capital cubana, coa asistencia de 220 asociados e familiares, celebraron o pasado luns o 104 Aniversario da Sociedade Unión Barcalesa de La Habana cun xantar amenizado con diversas actuacións que fixeron máis agradable a festa destes 104 anos de vida asociativa da que debemos sentirnos todos moi orgullosos.
O Presidente, Rolando Perez Palmero, presentou o acto no que se entregou un diploma a Rita María Vázquez Suárez por participar durante cincuenta anos na vida da Sociedade. Rita é neta de Jesús Suárez, emigrante da parroquia de Lueiro, no concello de Negreira, quen emigrou a Cuba a comezos do século XX, tamén avó da Secretaria, Conchita Suárez. Ademáis fíxoselle entrega doutro diploma a Aida Morera polos seus 25 anos de vida asociativa.
O Secretario da Sociedade, Manolo Rodríguez, cóntanos que a celebración foi todo un éxito. O amigo Manolo infórmanos a miúdo das distintas actividades que se veñen organizando durante o ano, ó igual que Rolando e Conchita, Presidente e Secretaria, que logo de tanto tempo seguen a manter xunguida á colonia barcalesa na Habana nas distintas actividades que a modesta economía da Sociedade lles está a permitir.
Asistentes ó xantar do 104 Aniversario |
No ano 2007 unha expedición de 60 veciños da nosa Comarca acompañados polos alcaldes de Negreira, A Baña e Val do Dubra, amais dos directivos da Asociación para a Solidariedade Alén Mar, acudimos ós actos que no Centro Galego tiveron lugar para celebrar os primeiros cen anos da entidade. O Salón principal quedouse pequeno para acoller a toda a concurrencia e a solemnidade do acontecemento aínda segue na memoria de todos.
O Presidente, Rolando Pérez Palmero, a Secretaria Conchita Suárez e o Vicepresidente Manolo Rodríguez xunto cos demáis membros da Xunta Directiva envían unha aperta moi forte para todos os amigos e veciños de Barcala que moi especialmente nese día estiveron na memoria de todos os asistentes ó acto de aniversario.
O Presidente con asociados de Barcala |