domingo, 30 de abril de 2017

REFOXOS


                                                                                                                 Foto: López Tuñas



Os recordos compartidos son un elemento vivencial aos que o río da vida dalles un aire nostálxico que nos conmove. Onte camiñaba de vagariño pola beira do río e pareime na Balsa de Refoxos, a nosa, onde de novos disfrutábamos do sol do verán e convivíamos apaciblemente. Nese tramo fluvial había tres muros que atravesaban o cauce embalsando a auga para desviala polas canles dos muíños que logo facían mover os rodicios: O de Garrido, que se conserva intacto e podemos admirar pola súa fermosa cascada; o de Vilachán e o de Refoxos, xa parcialmente esbarroncado, que tamén desviaba a auga para outro que había na marxe dereita do cauce e que está en ruinas. Os tres levaban o nome dos respectivos muíños.

Naquel lugar apacible de auga embalsada aprendemos a nadar e a convivir por nós mesmos, ollando como facían os mellores e pelexar contra a auga, tragando a que fose preciso, ata que, pouco a pouco, te mantiñas a flote entre os berros de ánimo dos amigos. Que pracer bucear nas augas xélidas ante o silenzo das troitas, paradas sobre os seixos e as areas do fondo, que ollaban con pasmo aos intrusos que ousaban entrar no seu mundo! Malia os centos de rapaces que durante xeracións aprenderon a nadar naquelas augas, non se recorda percance algún, pois a prudencia era o acordo implícito da confianza dos pais, que acompañaban a nosa autonomía dende lonxe. Logo os máis atrevidos pasaron a facelo no Tambre.

Pero foi coa chegada da modernidade e o nomeamento dun alcalde, Antonio García Abeijón, cando no seu mandato foi construida a Piscina Municipal no que era Coto Escolar. A instalación estaba dotada incluso de trampolíns dende onde os máis arriscados lucían a súa valentía mergullándose de cabezas ou do que cadrase. A partires daquela a Balsa de Refoxos foi quedando pouco a pouco no esquecemento, vivindo na memoria dos menos novos.

Daquela liberdade de xogos da que gozabamos os rapaces pasouse a unha sobreprotección física e psicolóxica que chegou até o alfombrado do chan nalgúns lugares  para que os meniños non se magoen cando caen e sempre coas nais e os pais pegados a eles, por se os precisan defender do empurrón doutro. O mesmo acontece coa sinrazón de darlles sempre por bo todo o que fan, non contradecilos ou dificultarlle a relación cos compañeiros.

A integración dos nenos na escola é o primeiro paso para aprender a convivir en sociedade e transformarse en adultos que saiban vivir en libertade, para empezar a socializarse e entender que os dereitos das persoas acaban onde comenzan os dos demáis. Os alumnos non se escolarizan só para instruirse nas materias curriculares, pois os centros educativos, como o seu nome indica, teñen tamén outra importante función que é a de educar a través da convivencia e da adquisición de coñecementos.

Agora o río é un lugar de paseo, esparcimento e de evocación de recordos das historias xuveniles na Balsa de Refoxos. Tamén  a posibilidade de disfrutar  da frondosa contorna pola que discorre o paseo fluvial.







No hay comentarios:

Publicar un comentario