martes, 16 de mayo de 2017

TODOS OS 17 DE MAIO




Suso Vaamonde coas alumnas do C.P. de Santa Comba


Dende o ano 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares Galegos de Rosalía Castro, cada 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas. É a festa da Lingua e da Cultura que este ano está adicada ao escritor Carlos Casares.

O 17 de maio de 1978 os membros da Asociación Cultural Afonso Eáns celebramos en Negreira a entrega de premios do Concurso de Contos en galego, no Cine Gran Vía. Participaban alumnos e profesores dos colexios públicos da contorna, co patrocinio da Obra Cultural de Caixa Galicia.

Daquela, o galego non formaba parte do Ensino pero no Coléxio Público de Santa Comba xa se puxera en marcha un programa escolar na lingua nai que presentamos, xunto co mestre Xabier Garrote, á Inspeccción Técnica de Educación e que, logo da súa aprobación foi apoiado polo Director do centro e os demáis mestres compañeiros. O galego era a língua materna e nela empezaron a ser escolarizados dous grupos de rapaces. Cunha programación innovadora que incluía entre outras disciplinas a Música (Javier foi o fundador da Escola de Gaitas de Ortigueira e do Festival do Mundo Celta) e a Educación Sexual con todo o material didáctico elaborado por nós. Unha experiencia moi enriquecedora para todos.

Aquel ano acudimos ó festival de Negreira en varios autocares para presenciar a actuación do cantante Suso Vaamonde. As nosas alumnas subiron ao escenario acómpañándoo nas súas cancións, mentres os que estaban entre o público facían coro, porque as sabían todas, todiñas...: dende “Galicia docemente está ollando ao mar “ ata O Cuco , pasando polas que tiñan as letras de Rosalía, Curros ou Añón. Na clase de Música aprendían a entoar con elas. Anos despois nunha viaxe en avión dende Madrid coincidín no asento á beira de Suso Vaamonde, quen me lembraba con moito agarimo aquela actuación e a sorpresa de que os nenos souberan as súas cancións.

Na fotografía están cantando na compaña da Secretaria da A. Cultural, Maria Rosa Silva, e entre o público centos de rapaces coas bandeiriñas galegas feitas de papel.

Hoxe aqueles nenos e nenas xa teñen fillos e algunhas netos, pero estou seguro que aínda se lembran con agarimo daquel fermoso Día das Letras Galegas no que tanto disfrutamos. 


Cine Gran Vía- NEGREIRA. 17 de maio de 1978










No hay comentarios:

Publicar un comentario