miércoles, 19 de abril de 2017

AURELIO AURELIANO



                                                           Santa Eulalia de Logrosa                     (J.M.L.T.)     


Aurelio foi un persoaxe que viviu en Logrosa (Negreira) alá polo século IV. A agricultura debeu ser o seu medio de vida, traballo duro como correspondía aos estratos inferiores da sociedade, pois en Roma non todo era esplendor. Admiramos en Pompeia as domus e a forma de vida dos patricios, pero eran só unha minoría, o resto da sociedade vivía con moitos menos recursos.

Morreu Aurelius Aurelianus non moi novo, aos 36 anos. A esperanza de vida nesa altura era de trinta, debido ás condicións dos traballos e ás enfermidades que, segundo as invertigacións feitas sobre restos humanos atopados nas excavacións, eran maioritarias a artritis e o cancro de osos. Esa cifra  non se superou en España ata finais do século XIX.


A esperanza de vida é a idade media da morte,  non a da poboación máis lonxeva, condicionada pola alimentación, as epidemias ou os conflictos sociais. Na época romana víase disminuida pola intensa mortandade da poboación menor de quince anos. Tómase como un importante indicador do benestar social. A partires da Revolución Industrial aumentou de xeito espectacular pola mellora dos hábitos hixiénicos, como o lavado das mans, a depuración das augas e a rede de sumidoiros pero sobre todo pola evolución da Medicina e as campañas de vacunación. Na actualidade a media mundial está en 67 anos.

No libro A flor da figueira, falando dunha muller coetánea de Aurelianus que tamén morou en Logrosa, Aebura Cilena, contaba que as igrexas consagradas a Santa Eulalia, que foi vítima de martirio na capital da Lusitania, Emerita Augusta (Mérida), estaban situadas sobre antigos cimiterios romanos, por iso foi que no de Santa Eulalia de Logrosa foron atopadas varias estelas funerarias, entre elas a de Aurelius Aurelianus (1). O mesmo aconteceu coas tumbas de épocas posteriores, como un sarcófago medieval aparecido a finais da década dos cincuenta do pasado século, co gallo do acondicionamento da estrada de acceso á aldea. Ata alí nos desprazamos os veciños e o daquela alcalde, José Abeijón, para observar o achádego, que causara gran expectación.


A estela funeraria, como corresponde, está consagrada aos deuses Manes, que eran os protectores do defunto e da súa sepultura. A inscrición aínda permite ler: D (is) M (ani) b(us) Aureli (us) Aurelianus annorun XXXVI : (Consagrada) ós Deuses Manes (aquí xaz) Aurelius Aurelianus de 36 anos.

Que a terra lle sexa lixeira (STTL), como se decía no antigo Imperio, que equivale á locución cristiana“ Requiescat in pace” o que sería o actual DEP.




(1) Museo do Pobo Galego - Santiago de Compostela.





No hay comentarios:

Publicar un comentario