lunes, 3 de abril de 2017

TRES, ERAN TRES...




                                           Foto Emilio Forján (La Voz de Galicia)


A preocupación da Unión Europea pola depuración das augas residuais trouxo millóns de euros para que as cidades e as vilas mantiveran o medio natural limpo de contaminación, dotanto incluso aos pequenos pobos dos medios adecuados para que o mar e os ríos mantivesen puras as súas augas e non se vira aínda más alterado o ecosistema. En moitos casos estes fondos foron administrados de xeito inadecuado, como pasou en algunhas poboación da provincia de Ourense, onde se instalaron depuradoras de barcos que nunca chegaron a funcionar.

En Negreira acaba de ser instalada unha estación dotada, ao parecer, dos máis modernos medios para depositar no río as augas fecais unha vez purificadas, cun investimento de algo máis de seis millóns de euros, con fin de resolver definitivamente os problemas de depuración “creados” pola derruba da estación que ata o de agora veu funcionando e que, construida en 1997, tantos quebradeiros de cabeza xenerou a parte do vecindario e tamén á administración municipal.

Situada no casco urbano contou, dende o principio, coa oposición dos veciños da parte baixa do pobo, afectadas as súas vivendas pola instalación, que non estaban dispostos a soportar as molestias do cheiro, e temerosos de que o arrecendo rematara tamén cos seus pequenos negocios e  coa saúde dos seus.

Os problemas comezaran cando o proxecto foi presentado ao Pleno da Corporación Municipal para a súa aprobación e os concelleiros socialistas, daquela na oposición, descubriron que figuraba nos planos ubicada nos terreos do campo da feira, colindantes co río. As autoridades municipais respostaron que era un erro do proxecto e que sería ubicada nos terreos de recheo fluvial, como logo fixeron. Pero a Comisión Provincial de Patrimonio comezou a poñer impedimentos debido a que non se gardaban as distancias reglamentarias co último vestixio do Pazo do Cotón, que era un muro de pedra ao outro lado da estrada. Resolveron o problema derrubando o citado muro e deixando o vestixio máis lonxe. Os informes técnicos foran maioritariamente negativos, pois a súa ubicación estaba prevista na zona de protección de Augas de Galicia.

Cansos de loitar sen ser escoitados, os veciños afectados recorreron ao daquela Presidente da Xunta que, segundo eles, manifestoulles que “a persoa que máis entende en todo o mundo de depuradoras son eu, e esa non vai cheirar, punto !” E así se construíu a tristemente famosa depuradora. A veciña propietaria da vivenda máis próxima a ese espazo recurriu á Xustiza pois, ademáis de ser a máis perxudicada, a estrada de acceso á súa casa foi ocupada por parte das instalación e o seu pozo contaminado. 

Anos máis tarde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditaminou que a depuradora debía ser derrubada por incumprir cos trámites legais e estar construída en chan non urbanizable de especial protección patrimonial. Os recursos presentados polo Concello non serviron de nada e así se dilapidou un millón de euros. Onte, un dos veciños dicía que, malia todo, a desgraza non fora tan grande como coa a anterior, pois nese mesmo lugar estivera tamén outra máis antiga.



Primeira Depuradora



Na década dos cincuenta do pasado século, Negreira foi un dos primeiros pobos de Galicia en contar cunha depuradora, malia non ter funcionado nunca, pois as autoridades municipais desa altura acordaran que o seu custo de mantemento era inasumible para as arcas municipais. O gran vaso de formigón chantado no chan e cruzado por unha pasarela metálica era o lugar onde os rapaces ían tirar pedras contra os batracios que nadaban nas augas da choiva do inverno que enchía o recipente. Os máis atrevidos ata chegaron a entrar para ver a maquinaria oxidada que durante anos estivo pechada na caseta de cemento dun lateral.

A desgraza fixo que unha noite de domingo, Emilio, un veciño da Chancela de Abaixo caera no vaso da depuradora. Logo de non retornar á súa casa, ó día seguinte, a familia e os amigos organizaron unha intensa búsqueda do home que apareciu morto na instalación. Aos poucos días un camión con volquete enchiuno de terra, tapándoo para sempre.







No hay comentarios:

Publicar un comentario