martes, 12 de mayo de 2015

O ACARREXO



                                                                   Luis Seoane


Lembro que foi en Pesadoira, unha das localidades máis afastadas da capitalidade municipal, na zona alta, rodeada de carballeiras e verdes pradarías que facilitan que a xente viva da cría do gando e de algún pequeno comercio: dúas panaderías e unha ferraxaría. Nas eleccións xerais de 1993, diante da escola, onde estaba ubicada a mesa electoral, parouse un Seat 1500 do que baixaron tres señoras maiores, vestidas de negro e cun pano da mesma cor na cabeza. Unha delas, a do bastón na man esquerda, curvada polos anos ou polo duro traballo no campo, achegóusenos:

-Bos días nos dea Deus! E logo... seica andan percorrendo as mesas das votacións... 

-Bos días! Si señora, por se hai algunha incidencia, pero todo está normal. 

-Pois eu veño votar. Tróuxonos ese e tamén deunos o sobre coa papeleta; pero vouno foder, que a boa lévoa na teta!

Quedamos mirando como, apoiada no seu bastón, se achegaba á mesa de votación. Diante da urna abriu a carteira para sacar o DNI e, mentres esmagaba o sobre que levaba na man entre os dedos de muller traballadora, sacaba outro do escote que lle entregou ao Presidente.

Dando media volta, moi devagar, foise achegando á porta do coche que lle abría o condutor e, antes de sentarse, volveuse cara a nós e chiscounos un ollo.








No hay comentarios:

Publicar un comentario