miércoles, 27 de marzo de 2013

TEOLOXÍA CAMPESTRE




Logo do Curso de Deslocalización Semántica acabo de rematar o último exemplar correspondente ao Master en Teoloxía Campestre para novos emprendedores. Mentres o primeiro axuda a interpretar correctamente as informacións dos medios de comunicación o Master serve para entender a realidade baseada na observación e a experiencia.


Estes días as conversas na rúa, ademáis de polo que xa sabedes, non deixan de preocuparse pola choiva e o tempo que entraron na primaveira con cara de invernía. Todo se volve protestar e aparcar a diario diante das televisións para levar unha boa regadura, logo dos atracos regulamentarios dos que informan de cotío. Como se o home ou a señorita do tempo fosen quen de mandar para un lado ou outro ás borrascas do demo.

O Mentireiro Verdadeiro, calendario para o ano 2013, que se define como chusqueiro, escotolido, galego-castelán, profético, enxebre, noticioso, artimañeiro e tamén barato recolle ben ás craras que marzal e un mes avizorado, atolado, tarabelo, abuleiro e viradeiro e faga o tempo que faga que ninguén se escalde con galistradas. No mes de marzal o que non comenzou ben remata mal. A Lúa mingua o día 4 ás 22,54 e chea o 27 ás 10,30. Tamén recolle o santoral que comeza con Rosendo, Albino e Roán e remata o 31, o domingo de Pascua, con Santa Balbina, Acacio, Benxamín e Amos.

O Gaiteiro de Lugo e O Mentireiro Verdadeiro son os dous calendarios agrícolas máis populares dos que se levan publicados en Galicia, ademáis do Almanaque Agrícola ZZ da Empresa Zeltia Agraria.

O decano de todos eles, O GAITEIRO DE LUGO, que se define como relixioso, profético, astronómico, recreativo, patriótico, popular e barato, ten máis de 150 anos e chamouse nun principio Calendario de Galicia e logo Calendario Gallego, pasando a chamarse como na actualidade en 1927. Publicouse en lingua galega dende 1936 grazas a Xosé Figueira Valverde e dende 1996 edítao a Deputación Provincial de Lugo. Foi a única publicación que utilizou o galego durante o franquismo e daquela chegou a editar 50.000 exemplares. Contou coa colaboración de escritores como Noriega Varela, Álvaro Cunqueiro e Uxío Novoneira entre outros.

Ademáis das lúas, a previsión do tempo e o santoral reflicte na actualidade unha escolma de poesía popular e culta, debuxos e gravados de autores galegos, festas e feiras tradicionais de Galicia, táboa das mareas e outras curiosidades.

O MENTIREIRO VERDADEIRO editouse por primeira vez en 1960 polo sacerdote de Palas de Rei D. José Regadío e nun tempo en que se deixou de publicar O Gaiteiro chegou a distribuir entre doce e quince mil exemplares. O barcalés Avelino Pousa Antelo publicou nel algunhas colaboracións. Na actualidade, ademáis do calendario litúrxico, a previsión do tempo e as lúas explica distintas técnicas agrícolas como diversos tipos de poda, refráns e ditos populares.

Foron durante anos as únicas publicacións que chegaban á xente das aldeas de Galicia e unha axuda inestimable no campo das prediccións. Lede logo as que o Gaiteiro de Lugo do ano pasado facía para o 2013.
                                                                  ........
Non teño esperanza
tampouco este ano
que traerá recortes
e mais desenganos.

Recortes nos soldos
e nos prezos non,
vidiña moi negra
pra o traballador.

Recortes no Ensino
e na Sanidade
isto non é conto
que é boa verdade.

Subida de xuros
tamén de trabucos,
lamento dicilo,
veñen tempos duros.

Se queres eu sigo,
dame algún reparo,
dicindo que isto
non che ten amaño.

Pero penso, amigo,
que será mellor
afinar a gaita
e ir enchendo o fol.






No hay comentarios:

Publicar un comentario