lunes, 24 de octubre de 2011

O DEREITO Á EDUCACIÓN : UN LONGO CAMIÑO

Os estudiantes chilenos reivindican o ensino público-Foto EL PAIS


             Os estudiantes chilenos están nun duro enfrontamento co seu goberno para reclamar unha educación pública e gratuita ante un sistema educativo privado, implantado pola ditadura  do Xeneral  Pinochet. O proceso inverso ó que se está a vivir en España, onde comeza o  desmantelamento do  actual sistema público.

          Na actualidade, a maioría dos países non teñen aínda un ensino básico obrigatorio que cubra as necesidades educativas dos nenos e as nenas. Os máis pequenos son empregados como man de obra das propias familias ou ben como asalariados. No Mundo hai 800 millóns de analfabetos e 121 millóns de nenos sen escolarizar. O ENSINO É O PRIVILEXIO DUNS POUCOS. Necesitaríanse 60.000 millóns de € en recursos adicionais para chegar á educación universal, algo menos da metade do que se leva gastado na guerra de Irak.

           O ensino en España  é un logro recente se o comparamos co resto dos países da Unión Europea e tivo que percorrer un longo e dificultoso camiño. O título do libro de Alicia Pascual sobre a escola nos pobos de Madrid no século XIX reflicte moi ben cal era a situación. No Regulamento de Escolas de 1825 non era obrigatorio que as mestras souberan ler e escribir pois debían ensinar ás alumnas os labores do fogar e a doutrina cristiana e A Lei Moyano (1857) só  recollía a obrigatoriedade da escolarización dos 6 aos 9 anos e a existencia de dúas escolas (nenos e nenas) por cada 500 habitantes; pero esta Lei nunca se chegou a cumprir pois nos primeiros anos do século XX o 67,2% da poboación de Galicia aínda era analfabeta e en 1927 faltaban 1.000 escolas para que se cumprira a lexislación.

          A despreocupación do Estado pola Educación levou aos nosos emigrantes en América a ter que aportar parte do seu salario para a construcción de escolas en Galicia. Só de Cuba, no ano 1933, levábanse construídos 75 colexios. Na nosa comarca de Barcala a sociedade Unión Barcalesa de La Habana creou tres(en Covas, Aro e Seoane), e outras dúas (Liñaio e A Baña) foron obra de outras sociedades do alén do mar, financiando tamén os salarios dos mestres e gastos de funcionamento dos centros.
.

       Foi coa chegada da primeira etapa democrática, coa proclamación da II Republica, cando a política educativa enche de ilusión ao Ensino: declarouse a  Primaria gratuita e obrigatoria e en dous anos creáronse máis de 10.000 escolas. Tamén se reformou o Plan de Estudos de Maxisterio de onde saíron os mestres mellor formados de toda a Historia de España. Aprobáronse os Dereitos dos Nenos, do Home e da Muller. Os intelectuais desprazábanse aos pobos nas Misións Pedagóxicas con teatro, cine e bibliotecas, porque unha xeración buscaba transformar o país a través da educación. Pero pagaríano moi caro. O  trunfo dos conservadores, nas eleccións de 1933, puxo fin a todo o labor educativo dos dous primeiros anos da República

      Cando a Fronte Popular de esquerdas gañou as eleccións do ano 1936, o resultado electoral derivou no golpe de estado dos conservadores: desmantelouse o sistema educativo erixido pola República: 500 mestres foron fusilados, 25.000 represaliados e o 10 % do Maxisterio inhabilitado, implantándose unha ditadura durante 40 anos, coas conseguintes repercusións políticas, sociais e educativas. María Antonia Iglesias, no seu libro Maestros de la República. Los otros santos, los otros mártires, elabora un sobrecolledor relato sobre a saña, a crueldade e a vileza  con que se levou a cabo a represión contra  o colectivo dos mestres republicanos que só quería gañar a guerra contra a incultura que asfixiaba á xente maís pobre e desfavorecida. Tamén o recolle  Manolo Rivas  en Que me queres amor?.
Escuela Nacional Mixta de Arzón -Negreira-1958


          O Franquismo foi a etapa máis negra da Historia da Educación en España. No período 1939-1953 (14 anos) creáronse 6.000 escolas, 4.000 menos ca nos dous primeiros anos da República. En 20 anos (1939-1959) seis institutos.

        Co desenvolvemento industrial da década dos  anos 70  e a necesidade de man de obra especializada e logo coa chegada da Democracia implantáronse o Ensino Primario Obrigatorio (EXB) e posteriormente a secundaria obligatoria (ESO) para todo o alumnado. A partir do 1988, ano no  que por primeira vez en España estivo escolarizado o 100 % do alumnado, a construcción de colexios e institutos supuxo o gran cambio do sistema educativo que por primeira vez facilitou o acceso ás universidades das clases tradicionalmente máis desfavorecidas e unha escolarización para todos.

         
Instituto Xulián Magariños-NEGREIRA
          Na actualidade estase comezando a desmontar o entramado educativo, tanto en Primaria como en Secundaria, coa supresión de milleiros de prazas de profesores (este ano en Galicia acadan xa as 5.800), tamén foi eliminada a gratuidade dos libros de texto, aumentaron un 38 % os recortes nos comedores escolares e moitos institutos víronse obrigados a suprimir as clases de reforzo, a atención ás bibliotecas, e algúns profesores a ter que dar clases de materias alleas á súa  especialidade.

          A precariedade a que se está levando o sistema público de ensino  responde máis a motivos ideolóxicos da dereita que a causas de tipo económico, como o demostra o feito    dos incentivos que a administración pública está a aprobar para apoiar ao ensino privado concertado e as descalificacións que estes políticos están a manifestar contra o profesorado do ensino público. Trátase da recuperación duns privilexios de clase que a socialdemocracia estendeu a todos os cidadáns.

A educación constitúe un instrumento indispensable para que a Humanidade poida progresar cara os ideais de paz, liberdade e xustiza social.  Está nas mans dos propios interesados conservar ou non este dereito.