Hai uns anos que se presentou no Teatro Principal de Santiago de Compostela a obra El Florido Pensil, adaptación ó galego do libro do mesmo título de Andrés Sopeña Monsalve que foi un gran éxito de ventas .
Tanto no libro como na representación teatral reflíctese o que foi a educación de varias xeracións durante o réxime franquista en clave nacional católica, tanto a través da Escola, base de operacións fundamental para a transmisión do ideario fascista, como do cine, a radio e os tebeos.
O termo pensil fai referencia a un xardin delicioso, que era o xeito co que se intentaba facer concebir a vida, o mundo e a sociedade a través de todos os medios: Fuiste de glorias florido pensil decía a letra do Himno Nacional na Enciclopedia Álvarez. Coa ironía, o humor e a análise cómica dos libros de texto, o cine dos domingos, os tebeos de Roberto Alcázar e Pedrín e o Yon Güén matando indios arreo, Sopeña ridiculiza aquela deseducación que deu lugar a posteriori a toda esta reserva espiritual das tramas, recortes e sentencias xudiciais.
A miudo, cando nos xuntamos un grupo de compañeiros da Escola, as gargalladas escoitanse na redonda pois a memoria é selectiva e sempre procuramos lembrar as anécdotas e o esperpento vivido. Porque un pensil é un xardín delicioso, pero aquelo era como Intereconomía pero con obleas.
Falar galego era cousa de brutos e o ser zurdo un perigo, porque a teima de escribir coa man esquerda considerábase todo unha provocación de consecuencias estridentes.
Falar galego era cousa de brutos e o ser zurdo un perigo, porque a teima de escribir coa man esquerda considerábase todo unha provocación de consecuencias estridentes.
As verdades eran como eran e non tiñan volta. Se o Catecismo respondía á pregunta ¿Eres cristiano? con Soy cristiano por la gracias de Dios, se decías simplemente SI señor, como lle aconteceu a Victoriano da Carreca, caíache unha trompada pola dereita e se para salvar o físico rectificabas cun No señor, alá che caía outra pola esquerda. Todo diante do tremor dos presentes e baixo a mirada grave, dende os seus retratos, de D. José Antonio Primo de Rivera e D. Francisco Franco Bahamonde que Deus os teña alá moitos anos.
E todo esto sen entrar xa na táboa de multiplicar ou na lectura do Quixote. Eu tiven a sorte de ir dende ben pequeno á Escola da Señora Francisca,“A Revisora”, a quen chamaban así porque o seu home era o revisor dos autobuses da Empresa Celta. A súa filla Sofía foi a que me ensinou a ler e a escribir; logo á de Marita, o que me deu certa ventaxa cando desembarquei na Escola Nacional.
Os escolantes de D. Marcelino López éramos envexados por algúns outros, que cando na súa escola lles tocaba a lectura do Quixote, en ringleira diante da mesa do Mestre, soaban as labazadas coma un concerto de xilófono. A aula estaba nos baixos da Casa Consistorial, o edificio que hoxe acolle a Casa da Cultura. Era un bo mestre, amable, correcto e bo ensinante; moitos dos seus alumnos pasaban directamente a traballar en diversos despachos e oficinas de Negreira.
No libros de lectura España es Así, de Agustín Serrano, ensinábase que España era unha bendición de Deus que conseguira humanizar aos romanos, pero como se portaron mal, o Señor castigounos e mandoulles aos bárbaros, que de contado tamén civilizamos. Xa no século VII España era a nación máis católica, máis culta e civilizada de Europa, pero chegaron os mouros, que ademáis eran amigos dos xudeos, e non querían converterse. Afortunadamente O Cid Campeador puxo orde ata que os Reis Católicos amañaron por fin o desaguisado e montaron o Imperio.
Alí todo estaba relacionado: Numancia co Alcázar de Toledo, os mouros cos roxos, O Cid con Francisco Franco, Carlos V co Xeneral Moscardó e os Comuneros de Castela cos comunistas.
A formación do noso espìritu completábase ás veces coa asistencia obrigada a algúns actos patrióticos, como La Misa por los Caídos. Eu non lograba entender quenes foran os que caeran ou como serían as feridas para adicarlles unha misa, o que se complicou bastante cando á saída da igrexa toda a xente, as autoridades coas camisas e garabatas iguais, se puxeron a cantar cara unha lápida na parede da igrexa e co brazo estirado. Logo explicoumo meu pai na casa. Tamén me dixo que non todos os que cantaban co brazo ergueito eran falanxistas, que algún era simplemente parvo.
Di no libro de Andrés Sopeña que para liberarnos desta herdanza o mellor é asumila sen complexos e aprender a rirnos dela, para poder aspirar a ser persoas casi normais, polo que nada mellor que botar man do seu divertido libro que foi popularizado polo espectáculo teatral que a compañía Eme 2 representou con gran éxito nas principais cidades galegas.
O humor e as gargalladas están garantidas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario