jueves, 18 de febrero de 2016

VIXILIA RESERVADA



                   (Foto López Tuñas)



Vai quedando atrás a fartura do Entroido cunha estela de filloas, orellas e outras larpeiradas como remate duns bos cocidos, que acompañan sempre esta milenaria celebración, antesala da penitencia e xaxún que eran  propios da Coresma.

Hai uns anos que me agasallaron, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela, un pequeno libriño de Picadillo, edición facsímil do editado en 1912 por este coñecido gastrónomo e político. Manuel María Puga y Parga que adoptou ese seudónimo cando comezou a escribir no xornal El Noroeste, ademáis dun home de peso (chegou a 275 Kg) tamén senador electo,  dende 1891 ata 1893, e máis tarde concelleiro e alcalde de A Coruña en 1915. O seu pai Luciano foi o defensor do poeta ManuelCurros Enríquez cando o enxuizaron polo seu libro Aires da Miña Terra, especialmente polo  poema Mirando ao chao.

No entanto a meirande sona acadouna como gastrónomo. Picadillo reivindicou a cociña popular galega coa incorporación ás súas recetas do bacallao, as sardiñas, o lacón con grelos ou a caldeirada, nunha época na que a cociña francesa arrasaba nas mesas máis selectas. La cocina práctica, de 1905 con prólogo de Emilia Pardo Bazán, un dos recetarios máis editados en España, foi unha das súas obras máis populares, adobada tamén  con algunhas rimas da sua colleita:

El labrego gallego en carnavales,
toma lacón para olvidar sus males
y en bailes y foliadas
lo digiere después a bofetadas.
Por eso los lacones
no producen jamás  indigestiones.


 Outras como 36 maneras de guisar el bacalao, El rancho de la tropa ou Pote aldeano tamén acadaron moita popularidade. Home moi apreciado e popular foi agasallado cunha homenaxe de 6.000 traballadores sindicados coa entrega dun pergameo asinado por 27 sociedades obreiras.


Manuel María Puga y Parga


Na Vigilia reservada publica Picadillo unha minuta para cada unha das comidas da vixilia ( dende o Mércores de Cinza ata o Sábado de Gloria)  explicando a maneira de elaborar os pratos. Pois di :

Todo el mundo, cuando llega esta época en que las cocineras tienen que exprimir el ingenio para servirles a los señoritos una comida sana y que además de sana sea de vigilia, acude a mi en demanda de recetas que le sienten bien a los pescados y mariscos, y en busca de combinaciones de platos para formar los menús en los días en que la Iglesia Católica tiene prohibido comer carne.

Entre as recetas recollidas: a sopa de navallas, as frituras de coliflor ou a ensalada de grelos, hai unha da que gardo bos recordos porque cada ano, nunhas datas entrañables, pasaba do libro ao noso padal:

                                           O bacallao á vizcaína

Desalado y cocido el bacalao, se le separan las espinas y los pellejos. En una sartén y en bastante cantidad de aceite se fríe un trozo de pan, que se deshace en el mortero cuando está dorado. En el mismo aceite se fríe gran cantidad de cebolla dividida en rajas y algunos dientes de ajo. Cuando la cebolla está tierna se pasa el guiso a una tartera, en donde se le incorpora el bacalao y el pan deshecho, sazonándolo con pimiento dulce y picante, azafrán, pimienta y un punto de canela. Se hace cocer a fuego lento, agitando de vez en cuando la tartera para que su contenido no se pegue en el fondo.

Como diría o meu amigo Chucho: Sabe que sanea!!!




Picadillo no Entroido






viernes, 29 de enero de 2016

A CARRILANA



           A Carrilana      (Foto Carmen González)


Esta fotografía de finais do século XIX, deteriorada polo paso dos anos, corresponde á chegada a Negreira da Carrilana que facía o traxecto Santiago-Noia co Alcalde Sr. Calviño no pescante. O acontecemento era ben celebrado polos viaxeiros, moídos polo sube e baixa daquel baúl con rodas, os xuramentos do “mayoral”, a suor provocada polo bafo dos animais cando subían a costa de Augapesada e a inquedanza que, ás veces, producía a sensación de que se cae e non caía. Tamén nas paradas, polas taberneiras que atendían no mostrador aos viaxeiros e polos rapazolos que agardaban o seu paso para ir uns metros pendurados do moderno vehículo que viña do descoñecido. Pero sobre todo polos veciños das vilas de destino.

A noticia do xornal  recollía que hai 130 anos os nicrarienses protestaban polo retraso da dilixencia, dado o mal estado do camiño e porque, malia terse anos antes anunciado que o Estado tiña planificada a construcción dunha estrada de Santiago a Camariñas por Negreira, e outra a Corcubión, nunca se materializaran. Os deteriorados camiños reais polos que se desprazaban a pé, e só os máis afortunados a cabalo, dificultaba enormemente as comunicacións co exterior.


Foi na década dos anos trinta do pasado século cando a construción de estradas sufriu o primeiro pulo e varias comarcas de Galicia conseguiron estar comunicadas por un servizo de coches de liña regular que facilitou o fluxo de pasaxeiros coas cidades máis achegadas. Ese novo transporte tamén facilitou o comercio local, pois os comerciantes recibián por el algunhas mercancías ou os suministros que os revisores facilitaban, cos encargos de cousas que se vendían nas cidades e das que no rural non se dispoñía .

A información de 1886 que publicaba La Voz de Galicia reflicte o atraso na construcciòn de infraestructuras que dificultou o desenvolvemento das comunidades menos industrializadas de España. A carencia de vías de comunicación axeitadas foi sempre un problema para Galicia. E aínda hoxe, a loita entre as diferentes cidades non debera dificultar a planificación no transporte ferroviario ou aéreo, pois o interese xeral debe superpoñerse sempre a calquera outro de tipo localista








viernes, 15 de enero de 2016

O TAXI DO EMBAJADOR





Envoltos no ruido dos motores, o repinique das campás da Capela do Cotón e o estoupido dos foguetes subían en segunda a Carreira de San Mauro, detrás do taxi que portaba a imaxe do San Cristobo apoiado no bastón e co neno ás costas. Máis atrás, os primeiros veciños que saíran da misa.

A fotografía ten escrita no dorso con primorosa caligrafía: Día de San Cristóbal. Julio 10 de 1962. Era daquela cando percorrer os 22 Km de distancia entre Negreira e Santiago de Compostela levaba máis tempo que ir en avión dende Lavacolla ata Madrid. A estrada era unha sucesión de curvas de diferente apertura, por iso as escasas rectas do traxecto gozaban de merecida sona, como a do Portanxil ou  a de Roxos.

A cousa complicábase se era no coche da liña, porque á dificultade da estrada engadíase as numerosas paradas que cada 2 km tiña que facer para recoller viaxeiros, subir e baixar bultos e se coincidía diante dunha taberna aproveitar para tomar unha copa de caña ou coñac, que tanto tiña. Esa dilatación no tempo deu lugar ó primeiro taxi,  o de Vicente da Botica, e devagariño foise incrementando o seu número para as viaxes máis urxentes.

Falando da dificultade das estradas, Pepe da Pachanga dixo un día que, en Galicia, para facelas, ceibaban un burro e detrás ían os obreiros abrindo a explanada. Como un preguntou que pasaba cando non dispoñían do animal, contestou de seguido Pepe de Xan: “Pois logo contratan un enxeñeiro”, entra as gargalladas dos demáis compañeiros da Parada.

Os taxistas eran sempre os encargados de organizar a festa do seu patrono, o San Cristobo. Chegou a ser un gremio moi numeroso e na década dos anos 80 do pasado século había máis de cen licenzas de autotaxi. Cando Lisardo chegou co seu flamante coche americano todos o arrodearon, sentándose algúns no asento do condutor, comprobando o funcionamento da palanca de marchas ou prendendo a radio. Ata O Casanova comentou : Menudo luxo... ¡parece o coche dun embajador!

Dende aquel día chamábanlle “ Embajador” e sempre desfilaba de primeiro na procesión de San Cristóbal.

TAXISTAS


Pepe de Xan-Antonio-Marcelino-Lolo Ruso-Milín-Manolo de Seilán-Lisardo-Vilas-O Jayo-Cordeiro









lunes, 4 de enero de 2016

HOMIÑOS DE CEMENTO




Cen anos antes de Jesucristo os romanos comezaron a utilizar o “caementum” nas obras públicas, unha mezcla de cinza volcánica procedente do Vesubio e cal viva. O Panteón de Roma construido por Adriano, coa súa cúpula de 44 metros toda de formigón cun só lucernario na parte superior e hoxe utilizado como igrexa, é unha das numerosas obras importantes do mundo clásico que nos quedou en herdanza.

Na actualidade a obsesión pola utilización das cimentacións fai que os seus brazos se estendan  polas urbes e pobos cubrindo espazos naturais, carballeiras, parques e sendas coma unha gran ameba que ameaza con ocupalo todo, transformando as zonas urbanas en xunglas cimentadas onde a natureza queda relegada a un simple soporte de materiais e edificacións.

ISAAC CORDAL é un artista pontevedrés que combina a escultura e a fotografía dun xeito impactante, pequenas figuras humanas de cemento que vai colocando en rúas ou prazas das máis importantes cidades europeas ou nas salas de exposicións, cargadas de crítica e melancolía  que fan reflexionar sobre a situación á que está sometido o ser humano na nosa sociedade e tamén unha chamada de atención ao noso comportamento como masa social.


Agardando o cambio climático

Os homes da serie Cement Eclise con traxe, gravata e maletín, como se fosen traballar nunha oficina, en actitude pensante ou melancólica, cubriron xa espazos urbanos de Londres, Berlín, Nantes e importantes cidades de Suecia, Rusia, Colombia ou México e pretenden ser unha chamada de atención cara o que considera as vítimas da nosa sociedade.

A súa formación artística comezou nunha escola de canteiros e completouse logo na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e a súa obra destaca pola orixinalidade e as composicións que fai coa fotografía. Vive en Londres.












lunes, 21 de diciembre de 2015

TIBIA ESTAMPA DO NADAL







Cando os emigrantes voltaban nos invernos cansados
traendo nos ollos longos confíns de sombra,
era toda a luz da terra aberta,
e as brétemas eran amadas,
e había fumes íntimos en mornuras de aromas,
e unha fonda dozura vexetal de estameñas
nas lindes das mañás incendiadas.

Cando os emigrantes chegaban nos solpores
de días grises de fríos estremecidos,
traían nas maletas as consignas de Marsella ou Hannover,
e o corazón latexante de tenruras,
e cálidos xoguetes de harmonía
para os meniños de rostos alampados.

Cando os emigrantes falaban nos bares da noitiña,
a súa voz ateigábase de almibre e resoancias,
e abríase unha cor musical de belezas
e arelanzas de soños imposibeis.

No nacemento docísimo do inverno,
árdoras de paz recóndita
eran a transparencia das noites serenadas.

Cando os emigrantes voltaban.


                               O MATIZ ESMERALDA DA SOMBRA
                                 Xosé-M. López Gómez “ ARDEIRO”
                                                          1991

                            

                               - No 8º aniversario do seu pasamento-







jueves, 17 de diciembre de 2015

AS FIGUEIRAS TEÑEN FLOR


                                 Portada Xosé Cobas


Na vida das persoas hai momentos nos que se intúe que o mundo pode ser outro, que a utopía pode facerse realidade “


Foi moi agradable presentar un libro rodeado de tantos amigos, veciños e persoas coñecidas, moitas delas protagonistas que ao longo do tempo traballaron na nosa comarca polo desenvolvemento social, cultural e conómico. A flor da figueira, de Edicións do Cumio, é a crónica dun tempo longo que mediante as personaxes e os idearios reflectidos trascende a xeografía local adentrándose nun universo co que calquera lector pode sentirse identificado.

Este libro destaca polo protagonismo dos persoaxes e os feitos achéganse ao lector a través de distintas etapas históricas, utilizando recordos propios do autor, fontes orais e fontes documentais acumuladas ao longo do tempo. Pero son as persoas, sinxelas ou importantes, as que fixeron posible o que se narra. Nel, pretende transmitirse que son elas as que coas súas accións ou decisións protagonizan o acontecer social, cultural e político das comunidades ata convertirse en cidadáns conscientes do seu futuro e da realidade que os rodea.

O título, refírese a que a figueira, modesta como as persoas realmente importantes, na primavera non precisa facer gala da súa beleza, por iso a oculta. A súa flor medra cara a dentro agochada nun receptáculo en forma de pera cunha pequena abertura. Son flores pequeniñas que xeran unhas sementes rodeadas dun mesocarpo carnoso e que son os verdadeiros frutos xa que os figos non o son.

As fotografías que acompañan aos textos son un complemento gráfico das distintas etapas nas que transcurren os feitos que se narran e van acompañadas dunha descripción das características históricas de cada un dos momentos dos acontecementos que se reflicten.

A flor da figueira é un libro que fala do pasado, do presente e tamén do futuro.


GALERÍA



Xerardo Estévez-arquitecto, Pablo Vaamonde-médico e escritor, Jorge Tuñas -Alcalde de Negreira, Cándido Meixide-editor, X.Manuel López -autor



Auditorio da Casa de Cultura de Negreira


















sábado, 21 de noviembre de 2015

O CAQUI





Rímonos ben cando o noso amigo Manolo Iglesias nos contou a súa primeira experiencia escolar:
Cuantos años tienes?
-Teño 6
-Cuando naciste ?
-O tres do San Martiño. 
-San Martiño no es un mes, entiendes? Tu naciste en noviembre..... Plaf! 

Pero dicía a verdade, en Galicia sempre foi o San Martiño o mes máis significado do ano, para ben e para mal.

A época da matanza do porco e de abillar os primeiros pipotes da casa, acontecementos que se gardaron no refraneiro deste outonal mes: Polo San Martiño hai que matar o porquiño … ou hai que abillar o viño. Pero tamén o intre de entregar as rendas polas terras, que por outra banda baleiraban os celeiros dos labregos do pouco que se podía almacenar ao longo do ano.

Na Crónica General de España dirixida polo académico da Historia D. Cayetano Rosell no ano 1867, na referida á provincia da Coruña que redactou D. Fernando Fulgosio di:

Cada pequeña hacienda pertenece al labrador por contratos de diverso género. Arriendos, censos, foros, subforos, misas de aniversario, cuartos y quintos, rentas frumentarias, empeños o ventas con pacto de recobro, son otras tantas plagas llovidas sobre el mísero labrador, á la par de innumerables derechos comunes, servidumbres de senda, de camino, de carrera, fijas o alternadas y demás. No son menos singulares las diversas maneras de pagar la renta, lo cual se verifica en dinero, trigo, centeno, maiz, cebada, avena, vino, cerdos, carneros, cabritos, gallinas, capones, cera, miel, manteca, quesos, anguilas, salmones y hasta herraduras y clavos; pagados por valor de ocho maravedises; la décima parte de una gallina, la vigésima de un carnero, media cuartilla de trigo ó centeno, etc, etc. todo lo cual cobran, no una, sino infinitas personas.

Pero eso pasaba a finais do século XIX que é coma decir onte; a nosa sociedade saltou da infancia á idade adulta sen seguir un proceso evolutivo normal. Agora estamos vivindo nun mundo globalizado e tecnolóxico que fai que pasemos do real ao virtual. Todas as árbores chámanse árbores, as prantas son todas prantas e tengo muchos niños y no puedo dedicarme al suyo, queixábase onte unha nai do que lle dixo unha mestra.


Novembro chega coa caída da folla, as árbores íspense e algunhas identificámolas polos seus froitos. Quen me iba decir que esa tan fermosa que está perto da miña casa é un caqui.  





jueves, 22 de octubre de 2015

1909 – NUNCA TAL SE VIU.... !



       Peregrinación de Barcala  ( Foto Carmen González)

Son ás veces as cousas máis pequenas as que agochan o maior tesouro porque acubillan dentro delas recordos e sensacións, momentos inesquecibles que forman parte, xa para sempre, das nosas vivencias. Por iso  gardámolas coma se fosen unha regalía da que non queremos separarnos, para que eses recordos perduren como un agasallo .


Coa anela gastada polo rozamento da cadea, atopei nun caixón unha medalla conmemorativa do Ano Santo Compostelano de 1909, lembro que sempre a levou como reliquía a miña tía avoa Florentina. Ese Ano Santo, ademáis do primeiro do século XX, a anterior celebración fora en 1897, tiña unha significación especial pois o cardeal arcebispo de Santiago de Compostela, Martín Herrera, promove as primeiras peregrinación organizadas e tamén un monarca español, Alfonso XIII, presenta a ofrenda ao Apóstolo Santiago. É o comezo do repunte  xacobeo.

O Arciprestazgo de Barcala, como tantos outros, comeza as mobilizacións parroquiais e despraza a Compostela en longa camiñata centos de crentes que cos seus estandartes entran pola Porta da Mahía, presenciando por primeira vez na súa vida a magnificencia de Compostela, camiño da Praza do Obradoiro entre as fortes badaladas das campás da catedral. Logo, antes de entrar no templo santo, o retrato que inmortalizará ese intre solemne do xubileo. Non se pode discribir a sensación que debía provocar nas nosas xentes a entrada na Catedral entre a música do órgano e a maxestuosidade do templo, pero de seguro que se sentiron transportados a un mundo de ilusión.




Ao rematar, a visita ao maior acontecemento da época, a Grande Exposición Rexional Galega inaugurada polo Rei o 24 de xullo no Pavillón Central, acompañado do presidente do goberno Antonio Maura, o político galego Eugenio Montero Ríos e outras autoridades: Trinta mil metros cadrados  na Alameda de Santiago onde hoxe queda en pé o fermoso edificio modernista adicado agora a escola infantil, obra do arquitecto galego Antonio Palacios. A visita ao Pavillón de Industrias, o do Centro Galego da Habana, que causou unha gran admiración, querendo reproducir o que se está a facer na capital cubana coa aportación dos nosos emigrantes, o do Ministerio de Fomento, o de Recreo Artístico e Industrial ou o Pavillón de Eléctricas Galegas.

Durante anos non houbo outra conversa en toda a comarca, foron acontecementos extraordinarios, algo que nunca  se vira.


Pavillón do Recreo Artístico e Industrial de Antonio Palacios


Escalinata de acceso á Alameda



O escalatorres Puertollano no alto da Berenguela



BIBLIOGRAFÍA : Santiago 1909- Henrique Alvarellos-Xunta de Galicia






domingo, 11 de octubre de 2015

O CEO EN PONTE MACEIRA



                                                                                                        Foto : Jesús Manuel Rodríguez Casabiell



As veces os ríos unen e non separan, como en Ponte Maceira. As dúas marxes do Tambre conforman un dos núcleos  máis fermoso de Galicia. Aí concéntranse elementos singulares da nosa terra como a ponte e os muíños; o pazo, a igrexa, os hórreos e os pombais; as vivendas rurais convivindo coas casas blasonadas. Non hai peregrino ou visitante que non pretenda recoller tanta fermosura para perpetuar o seu recordo.

Unha noite saíron as estrelas a mirarse no espello do río e alí estaba Jesús Manuel Rodríguez Casabiell coa súa cámara para recoller esta fermosa imaxe da Vía Láctea, a nosa galaxia, sobre o pazo de Baladrón.

Máis de 100.000 millóns de estrelas que en tantos lugares asóciase a camiños: na cultura vikinga crían que levaba a valhalla, destino das almas dos mortos, para os celtas ao castelo da raíña das fadas e en España chamámoslle tamén  O Camiño de Santiago, guía dos peregrinos que veñen a Compostela e, por Ponte Maceira, seguen ata Fisterra.

A fermosa imaxe do estupendo fotógrafo nicrariense lémbranos que nas noites craras de verán tamén o ceo forma parte deste lugar de ilusión.





sábado, 3 de octubre de 2015

DEPENDE






La idea que tenemos de las cosas depende del lugar desde donde se miren. Por eso la propaganda presenta siempre la cara más conveniente de la moneda. El hijo de un comerciante vecino le preguntaba un día cuantos gramos tenía un kilo y constestó de inmediato: Depende, para el tendero novecientos y para el cliente mil cien !

Si miramos el edificio de la fotografía desde tierra veremos una casa de una sola planta, en consonancia quizá con el entorno y medida la distancia en vertical, cuela. Uno más de tantos que ocupan parte de la superficie de Gran Canaria. Ahora bien, si lo observas desde el mar el panorama cambia, se transforma en lo que se ve, como un lego colocado en los terrenos de Neptuno, del Estado, o de todos, que más da. Pero ahí queda, con toda la chulería.

En esos días, a la señora Josefa Hernández que vive en Fuerteventura, casi al lado, la habían encerrado en prisión porque tuvo la osadía de ampliar la casa de su familia en una zona que al parecer también, lo mismo que la costa, está protegida. Ha sido necesario el apoyo de miles de personas que han elevado su voz en las instituciones, los periódicos y las televisiones para que la pobre mujer haya podido regresar de nuevo con su familia.

Es la otra cara de la moneda.