Envoltos no ruido dos
motores, o repinique das campás da Capela do Cotón e o estoupido
dos foguetes subían en segunda a Carreira de San Mauro, detrás do
taxi que portaba a imaxe do San Cristobo apoiado no bastón e co neno
ás costas. Máis atrás, os primeiros veciños que saíran da misa.
A fotografía ten escrita
no dorso con primorosa caligrafía: Día de San Cristóbal.
Julio 10 de 1962. Era daquela cando percorrer os 22 Km de
distancia entre Negreira e Santiago de Compostela levaba máis tempo
que ir en avión dende Lavacolla ata Madrid. A estrada era unha
sucesión de curvas de diferente apertura, por iso as escasas rectas
do traxecto gozaban de merecida sona, como a do Portanxil ou a de Roxos.
A cousa complicábase se
era no coche da liña, porque á dificultade da estrada engadíase as
numerosas paradas que cada 2 km tiña que facer para recoller
viaxeiros, subir e baixar bultos e se coincidía diante dunha taberna
aproveitar para tomar unha copa de caña ou coñac, que tanto tiña.
Esa dilatación no tempo deu lugar ó primeiro taxi, o de
Vicente da Botica, e devagariño foise incrementando o seu número
para as viaxes máis urxentes.
Falando da dificultade
das estradas, Pepe da Pachanga dixo un día que, en Galicia,
para facelas, ceibaban un burro e detrás ían os obreiros abrindo
a explanada. Como un preguntou que pasaba cando non dispoñían do
animal, contestou de seguido Pepe de Xan: “Pois logo
contratan un enxeñeiro”, entra as gargalladas dos demáis
compañeiros da Parada.
Os taxistas eran sempre
os encargados de organizar a festa do seu patrono, o San Cristobo.
Chegou a ser un gremio moi numeroso e na década dos anos 80 do
pasado século había máis de cen licenzas de autotaxi. Cando
Lisardo chegou co seu flamante coche americano todos o
arrodearon, sentándose algúns no asento do condutor, comprobando o
funcionamento da palanca de marchas ou prendendo a radio. Ata O
Casanova comentou : Menudo luxo... ¡parece o coche dun
embajador!
Dende
aquel día chamábanlle “ Embajador” e sempre
desfilaba de primeiro na procesión de San Cristóbal.
TAXISTAS
Pepe de Xan-Antonio-Marcelino-Lolo Ruso-Milín-Manolo de Seilán-Lisardo-Vilas-O Jayo-Cordeiro |
Manolo , todos sabemos que xa fai uns anos se puso de moda o de usar o claxon na procesion , pero non sei si sabes unha curiosa anecdota do seu orixen. Un ano celebrandose esta procesión en estricto silencio , como era o habitual , un grupo de taxis viñan algo "quentes " de Xian en Covas do bar do Peto , e o unirse o evento , empezaron co uso da bocina , causando naquel entonces , todo un insulto e ofensa a celebración , e un grupo do pobo chamados xente con poder , enfadaronse , e un en concreto Creo que Carlos Leiro , dixo " esto no se la perdono " , esto foi a diante , xenerando unhas multas para os causantes . Gracias o parroco don Retituto que entercedeu no tema , e consegueu reducir o valor das multas .
ResponderEliminarAlgo sóname...pero creo que a orixe estivo en que o Concello cambiou a data de San Cristóbal e houbo un pequeno enfrontamento cos claxons. Vou preguntarlle a Guillermo, a ver si se acorda e me facilita máis detalles. Grazas, amigo Fernando!!!
ResponderEliminar