jueves, 17 de abril de 2014

NIN CHORANDO NIN XEMENDO





O pasado 8 de marzo o Concello de Negreira adicaballe o Día da Muller Traballadora a Sofía Rodríguez, nun acto de homenaxe á muller que finou un mes antes de que se lle tributara tan merecido recoñecemento, a que pasou a súa vida educando aos máis pequenos. Case un mes despois finaba tamén a súa irmá Carmiña.

Ese día contabamos como todos os irmáns axudaban na labor docente da Escola da Revisora: Purita, José autor dos poemas que publicamos neste Blog hai agora un ano e Manuel, aquel mozo que polo verán nos ensinaba  Xeografía no mapa que debuxaba no campo e que xa ten superado as nove décadas dunha vida chea de fortalezas. Hoxe remitiume unha ducia de poemas do seu libro Anduriñas nos que reflicte a nostalxia de vivir lonxe da súa terra. Recollo eiquí un deles, en homenaxe a esta querida familia.





Nin chorando nin xemindo

Alexeime dos teus campos
dos teus ríos e das fontes,
de ise ceiño estrelado,
de isa quietude da noite;
de ises ventiños norteiros
que veñen afusquiñados,
coma fuxindo dos demos
para quedar no chan sagrado .

Das augas moinas que caen
e regan os teus encantos
docemente, aloumiñando
coma facendo o miragre,
que Deus elixiu o Ceio
rincón tan privilexiado,
que vos bendice e non sei
si quedas grorificado.

Pero si sei na saudade
recoñecer a virtude
para quererche máis e máis,
e sentir esa inquedume,
dos recordos que me afrixen
cada día e cada instante,
e soio unha espranza humilde
poidera ser que me salve.

Non escoito os paxariños
que ó xurdir como amapolas
aló, de mañá moi cedo
fan chirrio entre as follas
dos carballos e ameneiros;
intras xestas e toxales
de ises montes sempre cheos
de vida por todas partes.

Non vexo os campos cas frores
que aledan o meu esprito,
que se alcontra enfermo lonxe
de ises ventos solermiños
dos que me alexei un día
e vou chorando por vida.

Pra pior desgracia miña:
¡Que lonxe deles non viva!
Quixera ser coma o trono
que espertando ós máis durmidos,
levaran aos meus saloucos
para os deixar no chan querido.

Aliviar esta tormenta
de penas que levo dentro,
e que as nubes non alexan
nin chorando nin xemindo.


                                                 Manuel Rodríguez Rodríguez









jueves, 3 de abril de 2014

PEDRO ARMESTRE





                                                                  San Fermín                                     (Pedro Armestre) 

A fotografía, que xa forma parte da nosa vida cotiá, pode ser tamén un importante documento social ademais dunha arte.

O galego Pedro Armestre acaba de ser galardoado co Premio de Xornalismo Ortega y Gasset na modalidade de xornalismo gráfico pola súa fotografía sobre o San Fermín do pasado ano. Tamén con anterioridade a mesma foto recibiu o Premio Internacional Rey de España.


Este documentalista gráfico de Verín comezou traballando para a axencia de noticias Europa Press en 1993 e na actualidade, despois de colaborar en diversos medios informativos, tamén o fai para a axencia France Press. Distínguese por adicarse a amosarnos a través da cámara os distintos aspectos da nosa sociedade que merecen ser destacados, de aí que os premios recibidos proceden tamén das ONG coas que colabora como Greenpeace ou Manos Unidas que o agasallou o pasado ano polo seu traballo de xornalismo social e solidario.

Así mesmo foi galardoado co Premio A Imaxe de Galicia do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e Novagalicia Banco, pola de un brigadista nun incendio forestal. As súas reportaxes sobre o drama dos incendios foron publicadas por diversos medios españoles e internacionais.

A Imaxe de Galicia-2013

O traballo de Pedro Armestre non é froito da improvisación, como bo profesional planifica as súas tomas e busca a perfección; a foto agasallada este ano xa fora realizada no 2011 pero, segundo declarou a EL PAÍS, era moi plana e agardou ata xullo de 2013 a que as condicións de luz foran as adecuadas para repetila. Tamén o ano pasado tivo que ser hospitalizado ao recibir unha cornada cando realizaba unha reportaxe sobre El toro de la Vega. As súas reportaxes fotográficas son publicadas a miudo en xornais de todo o mundo.

É unha regalía que teñamos profesionais da comunicación audiovisual coa calidade técnica, o compromiso e a profesionalidade de Pedro Armestre 







El Toro de la Vega


Incendio no Empurdá





martes, 1 de abril de 2014

GOETHE




                                                                                     Foto: Sebastián Salgado


"Goethe"

Aquil señor burgués condecorado,
usía ou escelencia ben cebado,
que ronca con pracer na noite longa,
e ten muller feliz, de teta oblonga,
con dous fillos petisos, deportistas,
un pouco libertinos e "juerguistas",
idiotas pola nai, polo pai, grosos;
pondo dentes de can que venta os ósos,
ponse a rosmar e morde:
"Eu prefiro a inxusticia ao desorde".

                                     Celso Emilio Ferreiro
                                     Longa noite de pedra
                                  1962