viernes, 24 de abril de 2015

AS FLORES E OS LIBROS








Existe un lugar no mundo onde celebran a súa festa agasallando rosas e libros e tamén gustan de bailar nas prazas collidos da man. Son xente cunha gran autoestima, polo que son percibidos por algúns como familiares incómodos dentro da gran comunidade.

Non ten nada de particular, nas mellores familias hai xente diversa, con distintas afeccións, ideas e personalidades. Ás veces, cando un se sinte adulto e económicamente sobrado, pretende facer a súa propia casa, agás que se sinta a gusto, cómodo e respetado polos máis. Un día escoitei a un membro da miña, falando para si diante da tele e mentres visualizaba un programa sobre os máis novos que marchaban da casa paterna: pois sonche ben imbéciles, co a gusto que se está na casiña ! Por iso temos que facer que todos nos sintamos ben, entendendo e respetando as particularidades dos que son diferentes.

Imprenta de Gutenberg
Cando as comunidades se constitúen á machada, quero decir pola forza, e se descoñece a historia de cada quen, xorden as incomprensións e os recelos mútuos que tardan séculos en superarse. Conversando cun amigo catalán, cóntame como na súa terra a historia dos libros ten máis de seiscentos anos porque cando se inventou a imprenta xa empezaron a desprazarse polos pobos e cidades con elas en carros, imprimindo folletos e libriños. Hoxe, unha das súas editoriais é o grupo de comunicación máis grande de España, con xornais, revistas e cadeas de televisión propias. O profesor da Universidade de Vic, Manuel Llanas i Pont, doctor en filoloxía, leva recollido en sete volumes toda a historia do libro en Cataluña.

De mozo, non conseguía entender como os andaluces celebran as súas festas engaiolados en distintas casetas para bailar, cantar e beber, cando en Galicia o campo da festa ten que ser grande e aberto, para xuntar canta máis xente mellor e o xantar familiar un elemento imprescindible en cada celebración. A Historia explica o por qué de cada cousa. Decíalle aos meus alumnos, cando convivía con eles nas aulas, que é algo semellante ao historial que utilizan os médicos na súa consulta, sen el non poderían saber con exactitude cal é o noso estado de saúde e diagnosticar a orixe dos nosos males con fiabilidade.

Hoxe a multiculturalidade témola nas casas, nas rúas e nas redes sociais, xa se fai comicidade no cinema sobre a intransixencia na convivencia entre persoas de distintas comunidades, sexan vascos ou andaluces ou de países e culturas tan diversas como a chinesa, a xudea ou a de calquera pais africano.

Atrás queda a rivalidade infantil entre os da parte de arriba e de abaixo do meu pobo, cos correspondentes equipos de fútbol e as batallas semanais a pedradas ou espadazos. Tamén aquelas historias de   desfacer foliadas a bastonazos,cando os mozos doutras parroquias viñan sacar a bailar ás mozas da propia. Pero queda moito por facer, a miúdo son outro tipo de intereses os que se mesturan para envelenar a convivencia.






domingo, 12 de abril de 2015

CANDO O TENIS É PARA TODOS






O Club de Tenis Negreira acaba de cumprir 25 anos de vida deportiva, aniversario que celebraron con diversas actividades nos últimos meses: o recoñecemento a súa labor na Gala do Deporte do Concello, unha exposición na Casa da Cultura que recolle a historia do Clube dende a súa fundación e, onte, un agradable xantar na Área Recreativa de Cobas invitando aos rexidores municipais durante ese tempo.

Hai trinta anos, cando o Concello solicitaba unha axuda institucional para construír unha cancha de tenis, esa solicitude era recibida case como unha frivolidade e, se era para dúas, a resposta no tardaba: Este home está un pouco pasado! O tenis era considerado un deporte de élite para ver na televisión ou practicado en determinados círculos urbanos. Na actualidade funcionan tres canchas a pleno rendimento e estase construíndo unha de pádel.

É un agasallo para a nosa comunidade que un grupo de afeccionados constituisen un clube, se responsabilizaran de organizar competicións, de preparar aos máis novos e de xestionar a entidade dun xeito exemplar durante 25 anos, paseando os seus triunfos polas cidades e pobos máis importantes de Galicia. O Club de Tenis, falabamos no xantar, fomenta uns valores imprescindibles na nosa sociedade que non deben quedar escurecidos polos éxitos deportivos: a cultura do esforzo, o respeto ao cumprimento dunhas normas e regras, o aprendizaxe de saber gañar e perder, tan importante na vida, e o respeto aos rivais. É tamén unha sociedade educativa.

A festa de onte foi unha agradable xornada na que se palpou o extraordinario ambiente que se vive no clube e a importancia que teñen para as entidades as persoas que as dirixen. O Alcalde e exalcaldes fomos agasallados cun fermoso recordo e, pola miña parte, o agradecemento é dobre pois cando se leva vinte anos alonxado da responsabilidade municipal, este tipo de recoñecementos non adoitan ser  habituais. É a eles a quen lle temos que agradecer ese labor que están a facer.

O Club de Tenis Negreira merece, como pouco, a continuidade da súa andaina durante 25 anos máis e con moitos éxitos. O tenis no noso pobo xa é un deporte popular e o mérito é deles.

Parabéns e agradecemento polo voso traballo e bo facer!



Canchas de Tenis de Pedra Mámoa