miércoles, 30 de marzo de 2016

PANCHITO





                                                                                         Foto: José Alguero Penedo

Ao ver esta foto do Notario  nicrariense Alguero Penedo, xa o recoñecín. O negriño que tocaba o violín nas feiras e festas do verán, oficio daquela para os marxinados que ceibaban as historias sacadas da vida tráxica de algúns.

Ese día  puxérono  atrás, entre o que  remeda co seu parasol e o da pandeireta, cos señores da vila e as súas donas disfrutando dun xantar campestre, dándolle un aquel de exotismo  ó ambiente festeiro da romería.  E aí quedou.

Non sei cal foi a forza que o arrebatou daquel mundo de bananeiros e  palmeiras que movía a brisa do mar baixo o sol do Trópico. Nin quen foi o home rico que o trouxo na súa viaxe de volta  ao mundo da chuvia como aquel que trae unha  mona, un papagaio ou un fonógrafo… e logo cando morreu tivo que atopar o xeito de gañar o pan. Na aldea todos lle querían, polo axiña que aprendeu a falar con enxebreza, a bailar e botar os aturuxos.

Pouco a pouco fíxose mozo e un día emigrou, como tantos outros veciños, para Cuba. Por iso sei que cando Daniel R. Castelao escribiu a súa historia non falaba dun persoaxe imaxinario. Por el  souben que aos poucos anos tivo que voltar porque lle roían as soidades: Pobre e cun traxe branco, pero con moita fartura no corazón. Tamén cun sombreiro de palla. (1)



(1) Alfonso R. Castelao- Cousas.



viernes, 18 de marzo de 2016

PARTIRLLE A ALMA








Entereime onte pola prensa logo da chamada dun amigo que non saía do seu asombro: Unha cuarta parte do Pazo do Cotón vai ser subastada o 24 de abril na cidade de A Coruña segundo parece por unha dèbeda tributaria. O “lote” está formado pola casa, o xardín , os patios a capela coa vivenda anexa , ánrbores e fincas integradas neste fermoso conxunto histórico.

Para os funcionarios e outras administracións públicas alleos a esta bisbarra non é mais que unha propiedade catastral cun determinado valor económico. Pero O PAZO forma parte da esencia de Negreira, da súa orixe. Ademáis do monumento máis importante foi o edificio ao redor do que se constituiu este núcleo poboacional, que lle deu o seu nome: O Cotón. Alí estivo a primeira Casa Consistorial na vila, configurouse a través dos anos a historia social, política e cultural do pobo. Negreira non sería o que é sen este monumento.

A capela, cedida polos propietarios para que fixera as funcións de igrexa parroquial, hai xa unha morea de anos, restaurada coa aportación económica de moitos veciños é, alén das crenzas relixiosas de cada quen, o lugar onde se viñeron celebrando as festas máis importantes para a nosa comunidade, onde a maioría da nosa xente despide aos seus seres queridos cando se van e alí se celebran ademáis outras conmemoracións familiares. O pazo do Cotón forma parte tamén do patrimonio inmaterial de Negreira.


Varias familias detentaron a súa propiedade ó longo dos anos e no futuro, seguramente, seguirá pasando o mesmo, pero introducir outro copropietario alleo aos actuais, dificultará que algún día este insigne monumento pase a ser patrimonio público como ocorre nas sociedades máis desenvolvidas cos monumentos importantes.

Os procesos administrativos poden pararse ou modificarse cando o interese xeral así o require e sempre se lles pode buscar outras alternativas ás decisións adoptadas e este é un caso no que estaría sobradamente xustificado, porque o noso patriminio cultural e inmaterial non pode ser tratado como unha simple mercancía.

En Galicia, cando se lle fai un dano grave a alguén dise que se lle “partiu a alma” e iso é o que se pretende facer coa parte fundamental da memoria histórica do noso pobo.








sábado, 5 de marzo de 2016

ESTACIÓN MARÍTIMA






Este vaise e aquel vaise
e todos, todos se van.
Galicia sen homes quedas
que te podan traballar.
                       Rosalía Castro

Cando voltei de novo á cidade despois dalgúns anos atopeina mellorada. As flores e as prantas ocupaban rúas e prazas; a principal arteria comercial xa non tiña as fachadas emporcadas con grafitis, unha parella de gardas conversaba amablemente cuns mozos e ata os aparcamentos públicos cambiaran de aspecto tanto fóra coma dentro, onde unha melodía de Mozart flotaba no aire. O casco vello presentaba un aspecto limpo e mellorado e tamén os barrios tiñan outra cariz. Dende logo notábase que se ocuparan dela e deixara de ser aquel lugar invivible que anos atrás coñecera.

Vigo é o primeiro núcleo poboacional de Galicia polo número de habitantes e o máis industrializado. Polo seu porto saíron, durante décadas, milleiros de galegos cara a América na procura dunha vida digna. Unhas esculturas ubicadas na Estación Marítima lembran a triste despedida dos que se foron. Cando estaba facendo a foto unha moza de rasgos andinos e cunha mochila ao lombo ollaba sorrindo a escea, achegouse e botouma: Así, así era como ustedes partían para apoderarse de lo nuestro y luego no han querido que nosotros viniésemos, pero ya ve como dió la vuelta la tortilla, ahora les toca marcharse de nuevo. E douse de costas cunha expresión de amargura.

Agora cambiaron os destinos e os medios de transporte pero a situación repítese. Di o xornal que 70 mozos e mozas de entre 20 e 34 anos marchan cada día de Galicia para poder atopar un futuro, nunha sangría demográfica que afecta aos mais novos. Dos 166.800 postos de traballo destruídos nos últimos catro anos 149.100 estaban ocupados por menores de 35.Tan só no ano 2012 abandoaron a nosa terra 25.472 xóvenes.

A emigración é un preocupante problema social pero a crise demográfica é xa o máis grave porque a nosa sociedade pode deixar de existir a medio prazo. Galicia, cun crecemento vexetativo negativo, perdeu nos últimos dez anos 147.151 habitantes o que equivale á poboación das cidades de Ourense e Vilagarcía xuntas. O Instituto Nacional de Estatística prevé que a natalidade baixe un 26 % .
Co incremento do envellecemento dentro de dez anos haberá  dúas veces máis xubilados que menores de 16. Así no 2023 teremos 16.000 decesos máis que nacementos.

Esta coxuntura non é froito da fatalidade e urxe a súa correción inmediata con políticas económicas e sociais adecuadas.