domingo, 23 de septiembre de 2012

VOANDO NO QUADS



Cada sábado pola mañá no Camiño Vello,  se o tempo acompaña, séntase no seu quad e abre a súa noveliña. A xente pasa e mira unha semana tras outra. É unha imaxe pouco común,  todo o máis camiñar polas rúas cun ollo no xornal e outro nas farolas,  por aquelo da integridade física pero así, na biblioteca ambulante, non é algo moi visto. Non o digo polo quads, senón por aquelo de ler. Na nosa terra parece que as afeccións son outras.

Onte pareime a falarlle. Juan vive en Corneira, do concello de A Baña, e mentres agarda, as horas voan sobre a máquina e a imaxinanción percorre o deserto de Nevada ou o escenario que toque nesa xeira. As súas afeccións son a lectura e o fútbol. Atopeino pola estrada algún domingo no seu catriciclo, dí que é socio do Negreira e mais do Xallas de Santa Comba, que non perde un partido. Tamén falamos da miña familia, pois na súa terra de adopción naceron os meus antepasados maternos e alí teño parentes. É un home serio e bo conversador, e moi amable. Non puxo reparos a que lle tirara este retrato: “ E por min... non me importa!”

Falamos e falamos do pracer da lectura. É  unha mágoa que o exemplo non sexa o do común. Cando lemos, a nosa imaxinación vaise da man do que escribe, viaxamos por outras realidades, maxinamos outros universos ou profundizamos no propio. Un libro é coma unha conversa interesante de alguén que ten algo que contarnos e que, xeralmente, faino dun xeito pracenteiro. Cando vai bo tempo aproveitamos para sair á rúa e deixamos os nosos libros esquecidos nos seus cárceres. Habería que prantexarse sacalos das bibliotecas, airealos, que lles dea o sol, achegalos á xente e deixalos facer o seu labor.

Juan teno claro, onde vai o quads vai o libro.Coa súa máquina non pode andar a moita velocidade, pero cando colle o libro a  imaxinación voa.



sábado, 8 de septiembre de 2012

AUGAS MAINAS


                                                                                                          Foto López Tuñas


Aquí onde o río Barcala recibe ao Albariña, que baixa dos altos de Freixeiro, nas tardiñas de verán transfórmanse as augas nun espello onde se miran os abeneiros. Logo o noso río camiña mansamente acariñando á vila de Negreira botándose máis abaixo no Tambre.

O Barcala é o río que da nome á nosa comarca; dende o monte Cornado cruza o Val ó longo de 19 Km recollendo as augas dunha cunca de 98,5 Km2.e aportando un caudal de 4,2 m3/sg na súa  desembocadura

Eu gusto de camiñar á tardiña polas súas beiras, onde se xunta co seu gregario o Albariña, ollando como a Natureza se mergulla e as mellores troitas pasman, porque este río grazas as súas augas claras e transparentes é troiteiro por excelencia. Tamén xeneroso, pois durante séculos a forza das súas augas sacudiu os rodicios dos muiños que vixían as súas márxes.
Balsa dos Garrido

En Galicia os muiños de auga foron dende a Idade Media fonte de riqueza das xentes do campo, porque están relacionados co pan. O gran que os nosos campos ofrecián á suor dos labregos transformábase en fariña ó run-run da muiñeira. Nos últimos catro quilómetros da súa desembocadura, aínda se conservan varias destas construccións caraterísticas. Pero o que máis chama a atención son as balsas que desviaban a auga cara eles. A de Refoxo, que foi aula de aprendizaxe para nadadores, a de Vilachán e a dos Garrido. Son todo unha reliquia que debera arranxarse. O muiño está directamente relacionado coa vida social e labrega de antano.

Pero se esto non fora dabondo o Barcala, xa na súa desembocadura co Tambre, acolleu hai tempo unha minicentral eléctrica que xeraba enerxía para a vila de Negreira; aínda hoxe, cando as augas baixan no verán, os rapaces percorren a balsa de Patiño que desviaba a auga para as turbinas. Toda unha fonte de riqueza que saía deste cauce.

Muíño dos Castros
Os ríos son un tesouro para Galicia e débense preservar e poñer en valor. En setembro do 2010 o alcalde de Negreira Jorge Tuñas, inauguraba un fermoso paseo de 2.200 m de longo que dende o fondo da Vila bordea o cauce ata a Área Recreativa de Cobas. O uso social para a xente de todas as idades fan deste lugar un remanso de paz que permite disfrutar cada día deste agasallo e que hai anos era patrimonio exclusivo dos pescadores que se atrevían a patear as marxes ou meterse polas augas craras.

Onte, sentadas nun dos bancos da ribeira, dúas señoras comentaban: “Que Deus llelo pague a quen nos permitiu disfrutar desta regalía”.

Agora debérase continuar a obra iniciada coa restauración das balsas e os muiños, a limpeza periódica do cauce e a reposición da vella Pontella dos Castros.

O noso patrimonio natural e cultural ben o merece.



BIBLIOGRAFÍA

(1) OS RÍOS GALEGOS -Francisco Javier Río Barja e Francisco Rodríguez Lestegás-Consello da Cultura Galega