sábado, 19 de junio de 2021

OBSERVA-CUESTIONA-EXPERIMENTA...

 

                                        Maqueta da máquina voadora de Leonardo da Vinci

A estrea dunha serie sobre Leonardo da Vinci na primeira cadea da TVE foi precedida por unha interesante exposición sobre este xenio do Renacemento na cidade de A Coruña que foi visitada polo alumnado dos centros escolares ademáis de numeroso público que cada día puido disfrutar desta mostra audiovisual e interactiva, grazas á iniciativa do Concello da cidade herculina.

Leonardo da Vinci (1452-1519) que foi pintor, arquitecto, cintífico, escritor, escultor, en fin....home de Ciencia, é un dos máis importantes xenios universais que partindo da observación da Natureza aportou imnumerables coñecementos que deron lugar a numerosos inventos como o helicóptero, o submarino ou o automóvil. Leonardo foi o precursor de numerosos avances científicos que melloraron a forma de vida das persoas.

                                                               Leonardo da Vinci

A exposición audiovisual e interactiva foi complementada con grandes maquetas baseadas nos  debuxos de Da Vinci, como a máquina voadora inspirada na observación do voo das aves, que utiliza  pedais, poleas, cables e pancas para compensar a falta de forza dunha persoas en comparación coa forza natural dun paxaro, na que o piloto vai deitado sobre unha plancha e activa as ás flexibles cos pés. 

 O " Tornillo Aéreo" que poderíamos consideralo como un proxecto que pretende demostrar a densidade do aire e que un parafuso xiratorio podería atravesalo. No seu debuxo explica que se propón construir un modelo de cartón activado cun resorte metálico chamado "helicóptero" o que é unha exploración teórica sobre as posibilidades do parafuso de Arquímides. A máquina para impulsar os barcos mediante pás que substitúan aos remeiros ou o Home de Vitrubio sobre a perfección matemática do corpo humano. Todo acompañado das didácticas explicacións dunhas monitoras que transmitían as ideas e creacións deste importante persoeiro da cultura universal facendo moi agradable a visita a esta interesante exposición.


Tamén xunto á mesma outra sobre o Medio Ambiente e o Cambio Climático no que ademáis do coñecemento sobre a cidade transmitía a responsabilidade que todos temos que asumir para facer do medio no que vivimos un lugar respetuoso coa Natureza.

Os fermosos xardíns de Mendez Núñez que voltan a ser un exemplo de como se deben cuidar e conservar os espazos naturais, foron durante estes días- e están a ser- un lugar didáctico, educativo e de lecer para todos aqueles que queiran disfrutar do enorme patrimonio que esta fermosa cidade conserva.

Podo asegurarvos que dende o alto do monumento e apoiado na súa lira Curros Enríquez chiscoume un ollo como querendo dicir aquela frase dun mestre rural da súa época: "A Cultura é algo que abre os ollos da xente"



martes, 27 de abril de 2021

MANOLO E FIDEL

 

                                                            30 de xullo de 1984

O paso do tempo é unha sensación que os seres humanos sempre intentaron medir e ubicar de distinto xeito, dende a observancia de fenómenos naturais como a saída e posta do Sol ata os modernos aparellos que foron evolucionando ao longo da Historia. Para a maioría pode ser a presenza de persoas, monumentos, obxectos ou lembranzas o que abre as portas do pasado e nos fai viaxar por ese mundo das vivencias que estaban agochadas no subconsciente. 

A min ocórrome ao mergullarme nas augas mornas da piscina climatizada pois tráeme á memoria os tremores nas frías da balsa de Refoxos no río Negreira, onde os rapaces do meu tempo aprendemos a nadar no medio das troitas que ollaban aos intrusos que iamos perturbar a súa tranquilidade nas tardes de verán. As balsas, nese río había tres, tiñan a función de desviar as augas  cara os muíños de gran onde os veciños, por riguroso turno, ían triturar os grans de millo para facer a boroa. A do muíño de Refoxos co fondo de area e a facilidade de acceso era o lugar ideal para pasar as tardes na compaña dos amigos. Logo, os máis atrevidos, tamén  nadábamos na augas do Tambre como aquel día do verán de 1963.

                                                         1963- No Río Tambre

Cando atopei a fotografía de Manolo e Fidel  lembreime do que significou durante anos a actividade destes dous monitores de natación que viñan dende A Coruña para ensinar a nadar aos meniños e meniñas. O primeiro de xullo concentrábanse todos na entrada da Piscina Municipal de O Coto para recibir aos dous mozos que coa súa simpatía e bo facer mergullábanse con eles para dar comenzo aos cursiños que organizaba o Concello. Os dous  pertenceran ao Club Natación Coruña e durante o estío ao longo de seis anos consecutivos conseguiron que centos de rapaces (plural xenérico) dominaran á perfección a natación, ademáis de disfrutar da súa agradable compaña.

Ese día da clausura, o 30 de xullo do ano 1984, data na que se entregaron os diplomas aos participantes, eles tamén recibiron un agasallo do alumnado como lembranza dos agradables días que os máis pequenos pasaran na súa compaña, sempre coa presencia imprescindible de Honorio, o encargado do coidado e mantemento da Piscina Municipal. O número de asistentes superou os douscentos, en diversos grupos, pois por primeira vez o Concello desprazou aos rapaces das parroquias que se apuntaron para aprender a practicar este deporte. Tamén  houbo unha selección dos mellores nadadores que participarían no Campeonato cos de Brión e A Baña.

Agora todo resulta moito máis cómodo, xa  non hai que agardar ao verán e en calquera época do ano pódese dar un ralaxante baño ou practicar no ximnasio aínda que, de seguro, algún de vós ao ler esta pequena lembranza é quen de navegar pola memoria e rememorar os momentos agradables que cada ano Manolo e Fidel facían pasar aos máis pequenos mentras aprendían a manterse a flote ou a mellorar a súa técnica deportiva. 

 


                                               Piscina Climatizada de Negreira







jueves, 15 de abril de 2021

NA PONTE NEGREIRA

 

 

 O hórreo de tipo barcalés que aínda se conserva nese lugar axúdanos a situar a escena da procesión cruzando a Ponte Negreira de cara á igrexa parroquial. A fotografía de comenzos do pasado século tomada polo notario José Alguero constitúe un interesante documento etnográfico sobre a vida social de Galicia a comenzos do século XX.

A imaxe non foi retocada malia o deterioro de algunha das súas partes que para nada altera a escea que o fotógrafo quiso reflectir para aposteridade, pois é unha mostra da fraxilidade das placas de vidro que recollían a foto en negativo e logo tiñan que ser reveladas. A súa utilización era habitual antes do uso da película e estaban impregnadas dunha sustancia sensible á luz.

A escena recolle nun primeiro plano a típica vestimenta feminina das mulleres rurais co uso do pano na cabeza levando neste acto cadanseu escapulario, algo que xa se impoñía ás rapazas dende moi novas, tamén o papel social que nos actos relixiosos lles correspondía.

O muro da esquerda foi derrubado na seguinte década, como consecuencia dos importantes cambios que os núcleos poboacionais foron experimentando ao longo dos anos, pola construcción da estrada de Negreira ao Marco do Cornado, a primeira que cruzou o concello de Oeste a Leste e que supuxo un adianto na comunicación de parte das parroquias coa vila na que se atopaba o centro de decisión, o Concello. Daquela camiñar a pé, da cabalo ou en burro era o máis frecuente e así baixaban os parroquianos para asistir ás feiras, o lugar de intercambio e venda de produtos agrarios nunha economía de subsistencia.

Na parte dereita da foto evidénciase a ubicación da Taberna do Ribeirán, unha das máis importantes da parte baixa da Vila, onde os parroquianos se concentraban os domingos de feira para degustar o zume fermentado das cepas do río Avia e, pola semana, os homes que se xuntaban diante dunha cunca para comentar o acontecer diario da vila e os pormenores do traballo de cada quen.

As crónicas gráficas de José Alguero, Aquilino Pintos e o Médico Rubira son un elemento fundamental para coñecer a vida social da Comarca de Barcala na primeira netade do século XX.

 

 

 

domingo, 11 de abril de 2021

ROMANCE DE DON GAIFEROS

 

¿A ond´irá aquel romeiro,

meu romeiro a ond´ irá?

Camiño de Compostela,

non sei s´alí chegará. 

Ten longas e brancas barbas,

ollos de doce mirar,

ollos gazos, leonados

verdes coma a auga do mar.

¿A onde ides, meu velliño? 

¿A onde queredes chegar? 

Camiño de Compostela 

onde teño o meu fogar.

Compostela é miña terra,

deixeina sete anos hai,

relucente en sete soles,

brilante como un altar.

Cóllase a min , meu velliño,

imos xuntos camiñar

eu son trobeiro das trobas 

da Virxe de Bonaval.

Eu chámome Don Gaiferos,

Gaiferos de Mormaltán,

se agora non teño forzas

meu Santiago más dará. 

 

                                                                                       (Arturo Franco Taboada)
 

Chegaron a Compostela

e foron á Catedral 

e desta maneira falou 

Gaiferos de Mormaltán:

¡ Grazas, meu Señor Santiago !

aos vosos pés me tés xa,

 si queres quitarme a vida

pódesma Señor quitar,

 porque morerrei contento 

nesta Santa Catedral.


E o vello de brancas barbas,

caeu tendido no chan,

pechou os seus ollos verdes

verdes coma a auga do mar.

E o obispo que esto viu

alí o mandou enterrar

e así morreu meus señores 

Gaiferos de Mormaltán.


Este é un dos moitos milagros

que o Señor Santiago fai.

 

 

 

sábado, 20 de marzo de 2021

NA COCIÑA

 A visita á casa dos avós era motivo de ledicia, sobre todo nas tardes dos domingos onde, sentados na horta á sombra dunha nogueira, platicában dos aconteceres familiares tanto dos presentes como dos ausentes. Logo do xantar, ás veces aproveitaba para botarlle unha man á avoa María, coller o xabrón e a roupa branca para lavala no pozo porque ademáis do cotiá ela tamén facía pan.


Daquelas lembranzas quedou esta fermosa foto na cociña da casa. Coa sella, o vertedeiro e a lareira e así explicarlle aos máis novos o esforzo de poder vivir sen grifo, lavavaixelas e cociña, o mesmo que outras modernidades das que se carecía.

- Pero a auga...

-Cunha roldana e un caldeiro sacábase do pozo para a sella, levábase na cabeza ata a cociña e co cazo que ves ahí pendurado enchíase o vaso..

- Vaia...!!

- E a de lavar os pratos saía polo buraco do vertedeiro e alimentaba as cornetas brancas, tamén as miñocas que logo levaba Severo para ir pescar ao río e de cando en vez traerlle unhas boas troitas ao avó Juan, colgadas polas agallas nunha ramiña de abeneiro.

-Pero deso debe facer moito, non?

- Pois é do ano 1953...bota conta.

- A ver, ensíname máis fotos desas antiguas porque me parece moi interesante...!




lunes, 8 de marzo de 2021

PRAZA DE FERREIRO

 

                                                                                     (Foto David Moreno López)

A Praza de Ferreiro en Negreira situada ao pé do Pazo do Cotón é un dos lugares máis senlleiros desta localidade e o seu nome está estreitamente ligado a unha das persoas máis importantes da Comarca de Barcala durante o século XIX.

D. Roque Ferreiro y Hermida, Notario de profesión e Administrador do Pazo no que residía, foi membro do Partido Progresista e a súa traxectoria estivo ligada aos vaievén da política española durante todo o século XIX. Promoveu o cambio da capitalidade municipal de Aro ao Cotón, antigo nome da Vila, e aínda que se mudou en repetidas ocasións, quedou definitivamente consolidado o Concello de Negreira e as dependencias na súa vivenda durante moitos anos. Foi un firme defensor do Partido Xudicial radicado neste término.

O 13 de setembro de 1866 adqueriu por 14.000 escudos o Pazo do Cotón a D. Nicanor Manso de Zúñiga Ezpeleta, VII Conde de Hervías, último propietario membro da Nobleza que o herdara da súa tía en quinto grao Dna. Francisca de Paula de Luaces e Saavedra que non tivo descendencia do seu casamento con D. José Mariño de Lobeira.

A REVOLUCIÓN DE 1868

Coa chamada Revolución de 1868 que provocou a renuncia da Raíña Isabel II e foi o primeiro intento de instaurar un réxime democrático, D. Roque Ferreiro presidiu a Xunta Revolucionaria de Negreira para nomear a nova corporación que sustituiu ao goberno conservador, na que ocupou o cargo de Síndico, que tiña como función garantir o funcionamento da institución e defender os dereitos dos administrados. Promoveuse logo a recuperación do Partido Xudicial de Negreira suprimido en 1867 coa indiferencia dos anteriores munícipes, pasando o Concello de Ames a depender do xulgado de Santiago, os de Brión e Negreira a Padrón e o de Santa Comba e A Baña, do de Carballo, e convocouse unha asemblea con representantes dos demáis concellos para solicitar a reposición do mesmo dado o perxuicio que causaba tanto á economía da Comarca como aos dereitos xudiciais dos residentes.

Coas deficientes vías de comunicación e as dificultades para desprazarse, alegaban, a maioría non tiña medios económicos para levar os testigos aos xuicios nin pagarlle xornal durante os días que levase a viaxe de máis de seis leguas que había aos novos xulgados, creando así unha indefensión nos denunciados, poñendo o exemplo dun veciño de Negreira que fora encarcerado na Prisión da Coruña por unha acusación da que non tivo posibilidade de defenderse.

En dita xuntanza procederon ao nomeamento de Xuiz, funcionarios e Secretario do Xulgado aínda que a reposición oficial demorouse catro anos.

Dirixiu a vida política local durante a segunda metade do século XIX e á súa morte en 1888 herdou o Pazo o seu fillo Ramón Ferreiro Varela que casou coa súa curmán Teresa Caamaño Varela quen á morte deste contraiu novo matrimonio co médico local Victoriano Fabeiro García. A filla deste matrimonio, Teresa Fabeiro Caamaño, ten adicada unha rúa na localidade nicrariense.

    1951

A Praza de Ferreiro sufriu diversos cambios ao longo do tempo, en 1951 pavimentouse, pechouse e dotouse da fonte actual e no 1988 foi remodelada de novo e axardinada co aspecto que hoxe presenta. Na vivenda máis anterga aínda se conserva borroso o nome que fai referencia ao insigne Roque Ferreiro y Hermida, Cabaleiro da Orden de Carlos III e propietario do Pazo do Cotón .

 

1988

 

 

 


lunes, 22 de febrero de 2021

ANTONIO MACHADO:22 de Febrero de 1939



Sus cantares llevan

agua de remanso,

que parece quieta.

Y que no lo está;

más no tiene prisa

por ir a la mar.

 

ANTONIO MACHADO

Sevilla, 26 de julio de 1875

Colliure-Francia , 22 de febrero de 1939

 


martes, 19 de enero de 2021

AUTOXESTIÓN FUTBOLÍSTICA



Chicho Vázquez, Fadeville, José Ramón, Paco Freire, Manolito Giraut e Rafaelito  .Diante: José Victor, Chacho do Fogueteiro, Andrés, Freire de Negreiroa, Xoan e Pepito. 

Esa tarde xogaban no campo de Futbol de San Mamede no veciño concello de A Baña contra unha selección da parroquia, foron camiñando dende a vila e así de decididos posaron para a fotografía. De vez en cando e a través de algún coñecido acordaban outro encontro contra os de fóra. Dime José Ramón que a alineación facíase por “selección natural” é dicir, os peores xa sabían que tiñan que deixarlle o posto aos que mellor xogaban e esperar a ocasión de ir participando pouco a pouco.

Ás veces decidían xogar en lugares máis alonxados nos municipios veciños: Seoane ou aínda máis lonxe, Brión ou Ames por iso trataban a viaxe con Pepe de Patiño para que os levara na furgoneta:

-¿Cantos sodes?

-!Trece! 

-Vale. Poñedes tres pesetas cada un e lévovos, espero que acabedes e logo tráiovos.

Así era, aprendendo a convivir e resolver de común acordo. Tiñan doce anos e os pais atendían aos seus traballos, que bastante era; non ían, dende logo, a ocuparse do xogo dos nenos.

Pouco despois Pepe Montes comezou a organizar o Trofeo da Amistade, entre equipos das parroquias do municipio, desplazándose os rapaces nas bicicletas ou como podían. Nunha ocasión, xogando en Liñaio contra os desa parroquia foron no coche con Suso García, no Seat 1500 que lle prestou seu pai, aínda que naquela altura era menor de idade xa sabía conducir. Subíronse todos pero á volta foi máis complicada porque o campo era todo de terra e acabaron negros da cabeza aos pés. Tiveron que ir camiñando ata Barbazán e bañarse na fervenza do río, así evitaron estragar os asentos do coche.

O futbol era a súa afección e igual que os maiores organizábanse  entre eles, cos amigos da escola e co resto dos veciños que pola semana se xuntaban a entrenar na Praza do Cotón. Xuntarse e organizarse e resolver os problemas que poideran xurdir era o cotiá, por iso foron madurando e aprenderon a asumir as súas responsabilidades. Na vida familiar, na laboral e nas relacións sociais. Algúns xa non están e otros xa atenden aos seus netos.

Ás veces coméntase o exceso de proteccionismo que algúns pais adoptan na educación dos fillos e do dano que lles producen para o seu desenrolo educativo, velaí o importante que é dende pequenos empezar a ser responsables, un valor que se adquire e constrúe a base das experiencias e das relacións sociais.