¿A ond´irá aquel romeiro,
meu romeiro a ond´ irá?
Camiño de Compostela,
non sei s´alí chegará.
Ten longas e brancas barbas,
ollos de doce mirar,
ollos gazos, leonados
verdes coma a auga do mar.
¿A onde ides, meu velliño?
¿A onde queredes chegar?
Camiño de Compostela
onde teño o meu fogar.
Compostela é miña terra,
deixeina sete anos hai,
relucente en sete soles,
brilante como un altar.
Cóllase a min , meu velliño,
imos xuntos camiñar
eu son trobeiro das trobas
da Virxe de Bonaval.
Eu chámome Don Gaiferos,
Gaiferos de Mormaltán,
se agora non teño forzas
meu Santiago más dará.
(Arturo Franco Taboada)
Chegaron a Compostela
e foron á Catedral
e desta maneira falou
Gaiferos de Mormaltán:
¡ Grazas, meu Señor Santiago !
aos vosos pés me tés xa,
si queres quitarme a vida
pódesma Señor quitar,
porque morerrei contento
nesta Santa Catedral.
E o vello de brancas barbas,
caeu tendido no chan,
pechou os seus ollos verdes
verdes coma a auga do mar.
E o obispo que esto viu
alí o mandou enterrar
e así morreu meus señores
Gaiferos de Mormaltán.
Este é un dos moitos milagros
que o Señor Santiago fai.
No hay comentarios:
Publicar un comentario