domingo, 19 de enero de 2014

QUEICOA




O deus Pan coa ninfa Siringa



Prepara os coitelos,
María Leonor,
que se escoita o pito
do afiador.



Seguro que algúns vos decatástedes de que  ao mediodía o “tirulirulirí..” dun chifre repenicou contra as paredes das rúas, bateu nas ponlas das árbores, rebentou as nubes e fixo sair o sol. ¡Chegou o afiador! estoupaba o altofalante “afío texouras, coitelas de cortacéspede...”.Dun novo xeito, pero regresaba un dos máis tradicionais oficios de Galicia.

Hai séculos, homes rexos e decididos abandoaban as montañas do norte da provincia de Ourense e rachaban as fronteiras na compaña do chifre e a roda de afiar. Cruzaban países e continentes, chegaban ás Américas e ata D. Vivente Blasco Ibáñez na súa obra A volta ao Mundo dun novelista, sobre o periplo que no 1920 realizou no Franconia, recolle como se atopou, creo que en Singapur, cun afiador ourensá. A roda e o chifre ou apito foron durante séculos os sinais de identidade destes artesáns oriundos de Nogueira de Ramuín e arredores, heroes anónimos de centos e centos de historias non escritas.
Roda de afiador-Museo do Pobo Galego

O lucense Pablo Carpintero Arias recolle na súa fermosa publicación Os instrumentos musicais na tradición galega, que foi agasallado co XXV Premio Antón Losada Dieguez da investigación e ensaio, un amplo apartado sobre o chifre; dende os primeiros, feitos con tubos de cana ata os de madeira. Chámanse tamén xiringas, nome grego na honra da naiade Siringa, a ninfa da que se namorou o semideus Pan e foi convertida en cana. Hai anos os rapaces facíanas con sete anacos de cana de foguete, de distinto longo, tapados por un extremo e amarrados co cordel dos tutos. Ou coas que se cortaban nos caneiros. Segue a ser o instrumento dos afiadores que tamén as fabricaban en táboa de buxo.

O barallete é a lingua ou xerga que crearon para transmitirse a información e os seus segredos, a fala propia só coñecida por eles na que tamén tiñan denominacións xeográficas de seu: Ancha, era Castela; Arrica, América; Biqueque, Portugal e Cuca, Cuba. Queicoa tamén a utilizaban para nomear aos afiadores máis veteranos e trotamundos. No Museo do Pobo Galego teñen unha sá adicada a este popular e tradicional oficio. Cando dispoñades dalgún día axeitado, se aínda non o fixéstes, suxírovos visitar este fermoso museo de Santiago de Compostela. É como viaxar no tempo para coñecer os oficios tradicionais da nosa Galicia dun xeito didáctico e fermoso: os latoeiros, os ferreiros, alfareiros ou zoqueiros...

O ano 2013 agasallounos co documental  EL ÚLTIMO VIAJE DEL AFILADOR  de Aitor Rei. O concerto de chifre de hoxe é como unha premonición, ou un anuncio da volta a outros tempos que aínda non son tan lonxanos?