O deus Pan coa ninfa Siringa |
Prepara os coitelos,
María Leonor,
que se escoita o pito
do afiador.
María Leonor,
que se escoita o pito
do afiador.
Seguro que algúns vos
decatástedes de que ao mediodía o “tirulirulirí..” dun
chifre repenicou contra as paredes das rúas, bateu nas ponlas das
árbores, rebentou as nubes e fixo sair o sol. ¡Chegou o afiador!
estoupaba o altofalante “afío texouras, coitelas de
cortacéspede...”.Dun novo xeito, pero regresaba un dos máis
tradicionais oficios de Galicia.
Hai séculos, homes rexos
e decididos abandoaban as montañas do norte da provincia de Ourense e
rachaban as fronteiras na compaña do chifre e a roda de afiar.
Cruzaban países e continentes, chegaban ás Américas e ata D.
Vivente Blasco Ibáñez na súa obra A volta ao Mundo dun
novelista, sobre o periplo que
no 1920 realizou no Franconia, recolle como se atopou, creo que en
Singapur, cun afiador ourensá. A roda
e o chifre ou apito
foron durante séculos os sinais de identidade destes artesáns
oriundos de Nogueira de Ramuín e arredores, heroes anónimos de
centos e centos de historias non escritas.
Roda de afiador-Museo do Pobo Galego |
O
lucense Pablo Carpintero Arias recolle na súa fermosa publicación
Os instrumentos musicais na tradición galega,
que foi agasallado co XXV
Premio Antón Losada Dieguez da investigación e ensaio,
un amplo apartado sobre o chifre; dende os primeiros, feitos con
tubos de cana ata os de madeira. Chámanse tamén xiringas,
nome grego na honra da naiade
Siringa, a ninfa da que se namorou o semideus Pan e foi convertida en
cana. Hai anos os rapaces facíanas con sete anacos de cana de
foguete, de distinto longo, tapados por un extremo e amarrados co
cordel dos tutos. Ou coas que se cortaban nos caneiros. Segue a ser o
instrumento dos afiadores que tamén as fabricaban en táboa de buxo.
O barallete é a lingua ou xerga que crearon para transmitirse a
información e os seus segredos, a fala propia só coñecida por
eles na que tamén tiñan denominacións xeográficas de seu: Ancha,
era Castela; Arrica, América; Biqueque, Portugal e Cuca, Cuba. Queicoa tamén a utilizaban para nomear aos afiadores máis veteranos e trotamundos. No
Museo do Pobo Galego
teñen unha sá adicada a este popular e tradicional oficio. Cando
dispoñades dalgún día axeitado, se aínda non o fixéstes,
suxírovos visitar este fermoso museo de Santiago de Compostela. É
como viaxar no tempo para coñecer os oficios tradicionais da nosa
Galicia dun xeito didáctico e fermoso: os latoeiros, os ferreiros,
alfareiros ou zoqueiros...
O
ano 2013 agasallounos co documental EL ÚLTIMO VIAJE DEL AFILADOR de Aitor Rei. O concerto de chifre de hoxe é
como unha premonición, ou un anuncio da volta a outros tempos que
aínda non son tan lonxanos?
No hay comentarios:
Publicar un comentario