jueves, 11 de noviembre de 2021

AZUCRE

 

El Morro- La Habana

                                                                                              
Y un faro que en alta mar
iluminaba la pena
se cruzaba con los barcos
que acunaban la pobreza .

                               M.Rosell


 En Galicia o 1853 coñécese como o Ano da Fame, as choivas de agosto, setembro e outubro do ano anterior arruinan as colleitas e impiden sementar.  A fame é estarrecente, en moitas bisbarras  aldeas enteiras foron abandoadas polos seus habitantes fuxindo dunha morte certa para refuxiarse nas poboacións en demanda da caridade pública. Os concellos diríxense aos gobernadores civís solicitando axuda para paliar a desgracia que afecta a milleiros de familias. Mulleres e homes que nunca saíran das súas aldea botáronse aos camiños a pedir polas portas para os seus fillos que non tiñan que comer. A epidemia de cólera tamén empeza a facer estragos entre a poboación.

A crise económica acabou afectando a outros sectores que tamén sufriron as consecuencias.

A escritora coruñesa Bibiana Candia recolle nun impresionante relato a auténtica historia de mil setecentos xóvenes galegos que viaxaron a Cuba para traballar e acabaron vendidos como escravos por un galego asentado na illa, Urbano Feijoo de Sotomayor, que aproveitando a situación de necesidade dos seus compatriotas promoveu unha campaña de colonización branca e sustituación da man de obra africana.


-¿Como te llamas rapaz?
-Orestes Veiga
-¿No traes fardo? No señor. Mejor, así caminas más ligero.

Orestes, O Tísico, O Rañeta, Trasdelrío, O Comido, Tomás da Coruña e moitos outros rapaces que queren un futuro mellor para eles e as súas familias deixan os seus fogares para marchar a Cuba e gañar a vida nas plantacións de cana de azucre, pero esa viaxe tíñalles reservado un calvario que a súa inxenuidade xamáis podería imaxinar.

As fermosas e estremecedoras páxinas sacan á luz a historia dando voz ás víctimas deste terrible suceso tan silenciado e que no seu momento foi un auténtico escándalo, pois o deputado galego Ramón de la Sagra levou o caso ao Parlamento porque lle fixeron chegar as cartas dos seus compatriotas pedindo axuda, por eso figura nas actas do Congreso dos Deputados e foi considerado  o maior escándalo desa década.

Hai anos que non lía un libro como este. Encadenando pequenos episodios e cunha prosa atractiva a autora desta impresionante testemuña impide que se poda apartar a atención do que alí se conta ata rematar co último parágrafo. Este relato ben merece estar presente en todas as bibliotecas, tanto pola súa calidade literaria como polo contido histórico que reflicte as consecuencias dunha das etapas máis duras do século XIX en Galicia.


                                     " En el Archivo del Congreso de los Diputados y bajo acceso restringido están las cartas enviadas desde Cuba pidiendo ayuda. Ellas son el único testimonio auténtico de boca de sus protagonistas"

                                                        Bibiana Candia




lunes, 1 de noviembre de 2021

RÚA DO CARMEN Nº 10






Cada vez que paso por este lugar venme á memoria a imaxe que nos deixou o notario, escritor,fotógrafo e músico José Alguero, sentado diante da súa oficina na Rúa do Carmen na compaña do Alcalde Manuel Caamaño Ferreiro e o cura párroco de Negreira. E todo grazas aos propietarios deste edificio que souberon manter a fachada coa súa estructura orixinal.

Este intelectual que ademàis de residir, casou e traballou na nosa vila, antes de trasladarse a Betanzos deixou, como é sabido, un importante legado fotográfico que recolle a vida cotiá daquela época.

A rúa debe o seu nome á capela da Virxe do Carmen, creada en 1715 polo propietario do Pazo do Cotón D. Gregorio de Luaces nese lugar e a poucos metros da escena, e foi a segunda en importancia despois da Carreira de San Mauro. Alí, case enfronte da instantánea que recolle a foto estaba o edificio do Cárcere do partido Xudicial de Negreira ( Ames, A Baña, Brión, Negreira e Santa Comba) e o Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción que hoxe é a Casa do Concello.

Nesa Notaría redactáronse milleiros de documentos que ademáis da súa fermosa caligrafía, polo seu contido son unha fonte de información moi importante para coñecer a nosa Historia. Pero a Historia dos pobos e cidades está tamén nas súas rúas, prazas e edificios, de aí a importancia de manter e conservar aqueles que pola súa antiguidade ou estilo arquitectónico deben ser protexidos, restaurados e mantidos para ter sempre viva a traxectoria vital dunha comunidade que foi formando a súa persoalidade ao longo dos séculos, intentando mantelos ao marxe da especulación urbanística. Países veciños como Portugal ou Francia son un bo exemplo de respeto ao seu patrimonio.

Porque o estudio dunha localidade é imposible de abordar baixo un so aspecto. Tal como recolle Fernando Chueca Goitia na súa Breve Historia do Urbanismo pódese facer dende infinitos ángulos: Dende a Historia, a Xeografía (a Natureza prepara o sitio e o home organízao de tal xeito que satisfaga as súas necesidades e desexos),dende a Economía (en ningunha civilización a vida cidadá desenvolveuse ao marxe do comercio ou a industria), dende a Política, a Socioloxía, o Arte ou a Arquitectura ( a grandeza da Arquitectura está unida á da cidade) e a solidez das súas institucións pode medirse pola imaxe que unha comunidade trasmite a través do seu patrimonio.

Os rapaces que a finais dos anos cincoenta do pasado século xogábamos ao balón na Rúa do Carmen, pois daquela non había  automóviles de abondo que nos molestaran, identificábamos o edificio da fotografía coa zapatería de Florentino. Foi logo José Alguero quen co seu documento gráfico nos lembra a importancia administrativa que tivo este lugar no que exercía como Notario para que máis de cen anos despois ao pasar por alí, como por outros edificios da Vila, poidamos reproducir na memoria unha parte importante do noso pasado.