viernes, 22 de septiembre de 2017

A TÍA DOLORES



                                                                                      Carlos Maside
  

Daquela, cando os pobres andaban a pedir polas portas, unha mañá apareceu  nas rúas cun saqueto de tea. Ía vestida con moitas saias, unhas encima doutras, e unha chaqueta de home na que penduraban a modo de condecoracións unha chea de medallas relixiosas. Todo o mundo se sorprendía porque polo seu porte non semellaba ás outras persoas que andaban á esmola. Comezaba nas casas pola mañá e chegando o mediodía sacaba a cunca de barro do saqueto para que llela encheran de caldo e sentaba fóra, a xantar.

Pouco a pouco foi facéndose familiar a súa presenza e ó sair os rapaces da escola xuntábanse a parolar con ela. De cando en vez, cando algún se propasaba, agarraba o pau ameazándolle: “Rapás que che bato!!”, entre as gargalladas de todos. Ás veces saía correndo detrás do grupo pola Rúa do Carmen ata a Costa de Villar, facendo como que quería mallalos pero todos sabían que era un xogo. Polas noites durmía embaixo dos arcos do Pazo do Cotón e cando o frío apretaba disque nun pallal de Campos. A xente acabou por chamarlle a Tía Dolores e a tratala con familiaridade.

Así foi durante moitos meses ata que un bo día desapareceu. Todos preguntaban por ela e algúnha veciña foi mesmo a pedir no concello que a buscaran pois non era normal unha ausencia tan repentina. Aquelas semanas non houbo outra conversa nas casas pois a xente afixerase  á súa presenza,  mais non se volveu a saber dela.

Ao cabo de tempo a noticia correu como un regueiro de pólvora, o xornal recollía que falecera nun pobo da provincia, paréceme que era Arzúa, e dicía que ao seu enterro asistira o alcalde con moitísimos veciños pois a Tía Dolores tamén era alí unha persoa moi querida por todo o vecindario. Disque había  anos que non se venderan tantos xornais na vila.

Hoxe de mañá espertei cunha canción na radio que ten a letra do poema de Ramón Cabanillas “Pobriña da tola”:

Non teño parentes amores nin chouza.
Aldea en aldea,parroquia en parroquia,
ando polo mundo ¡arredada e soia!
Xanto cando atopo cunha almiña boa
que polos seus mortos bótame de esmola
a cunca do caldo e o anaco de broa.
Durmo nos camiños érgome coa aurora,
lávome nas fontes de crara auga morna,
e as noites que a lúa loce briladora,
como nun suspiro paso as horas mortas
mirando para ela cantándolle copras:

…........

Cando camiñando paso polas hortas
a tempo que a xente turra da espiocha
ou cava patacas ou pranta cebolas
sempre hai un que diga:- A onde vas Rosa?
E eu que non quero andar en parolas
nin que naide naide sepa as miñas cousas,
nin de min se bulre nin veña con cholas ,
sin faltar á crianza mándoo faguer moitas:
-¡Demo de xudío! ¿A ti que che importa?
¿Tes ganas de leria? ¡pois chama por outra!
E, sin máis palique vírome de costas;
mais ben me percato facéndome a xorda,
que queda decindo: ¡Pobriña da tola!

..........

E non é verdade, ¡Abofé que estou corda!
¡Si a xente soupera que vivo na groria!
¡Si dos meus segredos caíran na conta!

.....

Por eso me río cando ¡meigas fora!
A xente do mundo que di que está corda
marmura ó toparme¡Probiña da tola!


Por eso me lembrei da Tía Dolores da que nunca poidemos saber que vivencias se agochaban na súa alma que a levaron a andar polo mundo de porta en porta.





domingo, 17 de septiembre de 2017

ITE MISA EST !....





Non se trata de escribir un post en latín, que podería acabar como o rosario da aurora, o que se rezaba á saída do Sol. Falarlle a moitos mozos de hoxe de rosarios e outras andrómenas pode soar mesmo  a épocas pasadas, algo así como ter que alumearse cuns camping-gas para poder sacar esta fotografía, porque ese foi o caso. Ás veces as situacións extremas levan a despregar as neuronas para buscarlle solucións as cousas. 

Era a primeira experiencia campamentística baixo a iniciativa de Pepe Montes, a viaxe con tendas de campaña á praia en Rianxo. A ledicia da chegada e o barullo xuvenil debeu cabrear a Neptuno porque o vento e a choiva atacaron a traición nas primeiras horas da noite levando todo polo aire o que obrigou a recoller os bártulos con presa baixo unha tremenda chuvieira, buscando refuxio na fermosa localidade barbanzana onde fomos acollidos con agarimo.

Alí comprobamos a solidariedade dos veciños, prestándonos roupa interior e exterior xa que a nosa estaba inutilizable. A sacristía da igrexa parroquial foi o noso acubillo durante unha semana mentras un sol agarimoso que lucía de novo foi mudando en vapor toda a auga que empapaba as nosas pertenzas. Unha experiencia inesqueciblede da que recordo tamén a visita do mocerío para comprobar o estado daqueles rapaces que estiveran a piques de afogar e a convivencia coas imaxes dos santos, que alí agardaban o día da festa para lucirse nos altares.

Daquelo quedou este retrato do primeiro campamento. Entre os ciriais que portan Toñito de Saturno e Juan Turnes, Moncho Barbazán coa estola e a casulla, e arredor o resto dos “filigreses”: pola dereita Suso García, José Manuel, Manolo López, José Ramón López e Carlos Rodríguez.

Logo, nos veráns que chegaron despois, todo foi a mellor, as estacións estivais volvéronse máis respetuosas co mocerío de terra adentro que se achegaba ao mar para unhas semanas de leda convivencia.

Hai algún tempo que se veñen xuntando anualmente medio cento de persoas que participaron durante varios anos nos Campamentos Comarcais do Val de Barcala, monitores e monitoras que todos os veráns levaron a máis dun milleiro de rapaces e rapazas polas praias das Rías de Galicia para desenvolver programas de convivencia que axudaron a formar cidadáns. Para o seu arquivo, este modesto documento gráfico daquel primeiro intento campamentístico que naufragou nas praias de Rianxo.





jueves, 7 de septiembre de 2017

A FILLA DE LINARES RIVAS

                                                           Foto: J.M.L.T.




Aquela tarde de primavera do ano 1894 as escasas rúas de O Cotón quedaron estreitas para acoller á multitude de veciños e forasteiros que acudiron a despedir a Sofía, a moza de vinte anos que finara despois dunha longa enfermidade producida pola tuberculosis, a praga infecciosa que dende séculos, viña causando unha gran mortalidade na poboación sen reparar na idade nin condición social, pois no 1885 tamén o rei Alfonso XII morría pola mesma causa aos 28 anos. Só os queixumes das campás da igrexa parroquial rachaban dende o alto o silenzo do pobo. O alcalde de Negreira, Francisco Calviño Nalla, xunto coa corporación municipal, acudía ao domicilio familiar na rúa do Carme para acompañar á familia.

Sofía Linares Astray era filla de Aureliano Linares Rivas e neta do avogado santiagués José Astray Caneda. A súa chegada a Negreira produciuse logo do casamento con Tomás Rodríguez Garzón que se instalara na Vila para exercer como letrado no Xulgado de Primeira Instancia. Os xornais da época xa recolleran a nova dous anos antes. De sociedad: El domingo se verificó en Santiago el enlace de la bella señorita Sofía Linares Astray con el joven y culto abogado señor Garzón. Fue padrino de la boda D. Manuel Linares Astray, diputado por Órdenes y en su representación D. Eulogio Terrazo, Secretario de la Junta Provincial de Beneficencia y madrina la madre de la novia que estaba elegantísima.(1)



A chegada á pequena vila duns 200 habitantes foi sen dúbida un cambio na vida social de Sofía animada polas escasas reunións de sociedade e polas cartas da familia que lle informaban dos acontecementos políticos e culturais mais recentes. Tamén pola visitas da súa nai, Adela, moito máis frecuentes dende que se agravara a enfermidade que a volvía máis pálida e melancólica. Ás veces chegaban noticias ledas, como a exitosa estrea en Madrid das primeiras obras de teatro do seu irmán Manuel: El camino de la Gloria e La ciencia de los hombres, destacadas pola prensa da capital polo seu gran éxito de público, iniciaban a súa traxectoria literaria con 46 obras de teatro e catro novelas.

A vida tranquila só se vía alterada os primerios e terceiros domingos de cada mes pola cantidade de xente que acudía ás feiras e transformaban, ocasionalmente, o relaxado ambiente vilego. Pero nin os coidados do seu médico e amigo persoal, D.Victor García Ferreiro, profesor na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela, nin dos seus familiares impediron a mala nova: Después de penosa y cruel enfermedad, dejó de existir en la Villa de Negreira la joven y virtuosa señorita doña Sofía Linares Astray, de Rodríguez Garzón, hija del exministro de la Corona, Don Aureliano Linares Rivas. Los esfuerzos de la ciencia y los esmerados cuidados de su amante esposo y desventurada madre, Doña Adela Astray-Caneda fueron estériles para arrebatar a la muerte persona tan querida (2). Sófía finou no seu domicilio da Rúa do Carmen o día 27 de marzo de 1894 ás oito da mañán. (3)

O AVÓ JOSÉ

O escritor e xornalista Fernando Salgado recolle no seu libro Los surcos y la simiente que o avogado José Astray-Caneda Calvelo, propietario de extenso patrimonio e perceptor de rentas en Negreira era un dos máis ricos de Santiago de Compostela a mediados do século XIX. Militaba nas filas do progesismo liberal e foi nomeado alcalde de Santiago en xuño de 1835 pola raíña rexente María Cristina. Casou coa aristócrata asturiana María Álvarez Builla e era coñecido como “O avogado dos pobres”. En xullo de 1864 participou no Congreso Agrícola Gallego, xunto co que logo sería o seu xenro Linares Rivas, en contra da suspensión do sistema foral, propoñendo retoques para modificar os sucesivos subforos que sometían económicamente ao campesiñado galego, pero considerando inoportuno suprimilo, como importante perceptor que era. O seu pai foi durante 42 anos secretario da corporación compostelana.




LINARES RIVAS


A Coruña a Linares Rivas


Aureliano Linares Rivas, pai de Sofía, era natural tamén de Santiago de Compostela, Ministro de Xustiza durante o reinado de Alfonso XII e de Fomento durante a rexencia de María Cristina de Habsburgo. Licenciado en Dereito e deputado pola Coruña en 1872 e en 1876 ata 1898. Senador por “dereito propio”. Os outros fillos Manuel e Emilio foron tamén avogados. Foi un dos políticos de máis sona na provincia da Coruña, cidade  na que se lle erexiron varios monumentos.

Sofía Linares Astray recibiu sepultura no panteón da familia Astray-Caneda que aínda se conserva no cemiterio parroquial de San Julián de Negreira, deixando unha filla de curta idade, María de las Dolores Rodríguez Linares, e en ningunha das biografías do seu pai aparece citada xunto cos seus irmáns Manuel e Emilio, ben pola súa morte prematura, por ser muller ou por calquera outro motivo que se coñeza.





1-2. La Voz de Galicia 20-7-1892 e 3-4-1894
3. Rexistro Civil de Negreira 27-3-1894