Non se trata de escribir
un post en latín, que podería acabar como o rosario da aurora, o que se rezaba á saída do Sol. Falarlle a moitos mozos de
hoxe de rosarios e outras andrómenas pode soar mesmo a
épocas pasadas, algo así como ter que alumearse cuns camping-gas
para poder sacar esta fotografía, porque ese foi o caso. Ás veces as situacións
extremas levan a despregar as neuronas para buscarlle solucións as
cousas.
Era a primeira experiencia campamentística baixo a
iniciativa de Pepe Montes, a viaxe con tendas de campaña á praia en
Rianxo. A ledicia da chegada e o barullo xuvenil debeu cabrear a
Neptuno porque o vento e a choiva atacaron a traición nas primeiras
horas da noite levando todo polo aire o que obrigou a recoller os bártulos con presa baixo unha
tremenda chuvieira, buscando refuxio na fermosa localidade barbanzana
onde fomos acollidos con agarimo.
Alí comprobamos a
solidariedade dos veciños, prestándonos roupa interior e exterior
xa que a nosa estaba inutilizable. A sacristía da igrexa parroquial
foi o noso acubillo durante unha semana mentras un sol agarimoso que
lucía de novo foi mudando en vapor toda a auga que empapaba as nosas
pertenzas. Unha experiencia inesquecible da que recordo tamén a
visita do mocerío para comprobar o estado daqueles rapaces que
estiveran a piques de afogar e a convivencia coas imaxes dos santos, que alí
agardaban o día da festa para lucirse nos altares.
Daquelo quedou este
retrato do primeiro campamento. Entre
os ciriais que portan Toñito de Saturno e Juan Turnes, Moncho
Barbazán coa estola e a casulla, e arredor o resto dos “filigreses”: pola dereita Suso García, José Manuel, Manolo López, José Ramón López
e Carlos Rodríguez.
Logo, nos veráns que
chegaron despois, todo foi a mellor, as estacións estivais
volvéronse máis respetuosas co mocerío de terra adentro que se
achegaba ao mar para unhas semanas de leda convivencia.
Hai algún tempo que se
veñen xuntando anualmente medio cento de persoas que participaron
durante varios anos nos Campamentos Comarcais do Val de Barcala,
monitores e monitoras que todos os veráns levaron a máis dun
milleiro de rapaces e rapazas polas praias das Rías de Galicia para
desenvolver programas de convivencia que axudaron a formar cidadáns.
Para o seu arquivo, este modesto documento gráfico daquel primeiro intento campamentístico que naufragou nas praias de Rianxo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario