Foto: J.M.L.T. |
Aquela
tarde de primavera do ano 1894 as escasas rúas de O Cotón quedaron
estreitas para acoller á multitude de veciños e forasteiros que
acudiron a despedir a Sofía, a moza de vinte anos que finara
despois dunha longa enfermidade producida pola tuberculosis, a praga
infecciosa que dende séculos, viña causando unha gran mortalidade
na poboación sen reparar na idade nin condición social, pois no 1885 tamén o rei Alfonso XII morría pola mesma causa aos 28 anos. Só os queixumes das campás da
igrexa parroquial rachaban dende o alto o silenzo do pobo. O alcalde
de Negreira, Francisco Calviño Nalla, xunto coa corporación
municipal, acudía ao domicilio familiar na rúa do Carme para
acompañar á familia.
Sofía
Linares Astray era filla de Aureliano Linares Rivas e neta do avogado
santiagués José Astray Caneda. A súa chegada a Negreira produciuse
logo do casamento con Tomás Rodríguez Garzón que se instalara na
Vila para exercer como letrado no Xulgado de Primeira Instancia. Os
xornais da época xa recolleran a nova dous anos antes. De
sociedad: El domingo se verificó en Santiago el enlace de la
bella señorita Sofía Linares Astray con el joven y culto abogado
señor Garzón. Fue padrino de la boda D. Manuel Linares Astray,
diputado por Órdenes y en su representación D. Eulogio Terrazo,
Secretario de la Junta Provincial de Beneficencia y madrina la madre
de la novia que estaba elegantísima.(1)
A
chegada á pequena vila duns 200 habitantes foi sen dúbida
un cambio na vida social de Sofía animada polas escasas reunións de
sociedade e polas cartas da familia que lle informaban dos
acontecementos políticos e culturais mais recentes. Tamén pola
visitas da súa nai, Adela, moito máis frecuentes dende que se
agravara a enfermidade que a volvía máis pálida e melancólica. Ás
veces chegaban noticias ledas, como a exitosa estrea en Madrid
das primeiras obras de teatro do seu irmán Manuel: El
camino de la Gloria e La
ciencia de los hombres,
destacadas pola prensa da capital polo seu gran éxito de público,
iniciaban a súa traxectoria literaria con 46 obras de teatro e catro
novelas.
A
vida tranquila só se vía alterada os primerios e terceiros domingos
de cada mes pola cantidade de xente que acudía ás feiras e transformaban, ocasionalmente, o relaxado ambiente vilego. Pero nin
os coidados do seu médico e amigo persoal, D.Victor García
Ferreiro, profesor na Facultade de Medicina de Santiago de
Compostela, nin dos seus familiares impediron a mala nova: Después
de penosa y cruel enfermedad, dejó de existir en la Villa de
Negreira la joven y virtuosa señorita doña Sofía Linares Astray,
de Rodríguez Garzón, hija del exministro de la Corona, Don
Aureliano Linares Rivas. Los esfuerzos de la ciencia y los esmerados
cuidados de su amante esposo y desventurada madre, Doña Adela Astray-Caneda fueron estériles para arrebatar a la muerte persona tan
querida (2). Sófía finou no
seu domicilio da Rúa do Carmen o día 27 de marzo de 1894 ás oito
da mañán. (3)
O
AVÓ JOSÉ
O
escritor e xornalista Fernando Salgado recolle no seu libro Los
surcos y la simiente que o
avogado José Astray-Caneda Calvelo, propietario de
extenso patrimonio e perceptor de rentas en Negreira era un dos máis
ricos de Santiago de Compostela a mediados do século XIX. Militaba
nas filas do progesismo liberal e foi nomeado alcalde de Santiago en
xuño de 1835 pola raíña rexente María Cristina. Casou coa
aristócrata asturiana María Álvarez Builla e era coñecido como “O
avogado dos pobres”. En xullo de 1864 participou no Congreso
Agrícola Gallego, xunto co que logo sería o seu xenro Linares
Rivas, en contra da suspensión do sistema foral, propoñendo
retoques para modificar os sucesivos subforos que sometían
económicamente ao campesiñado galego, pero considerando inoportuno
suprimilo, como importante perceptor que era. O seu pai foi durante
42 anos secretario da corporación compostelana.
Aureliano Linares Rivas, pai de Sofía, era natural tamén de
Santiago de Compostela, Ministro de Xustiza durante o reinado de
Alfonso XII e de Fomento durante a rexencia de María Cristina de
Habsburgo. Licenciado en Dereito e deputado pola Coruña en 1872
e en 1876 ata 1898. Senador por “dereito propio”. Os outros
fillos Manuel e Emilio foron tamén avogados. Foi un dos políticos
de máis sona na provincia da Coruña, cidade na que se lle
erexiron varios monumentos.
Sofía Linares Astray recibiu sepultura no panteón da familia
Astray-Caneda que aínda se conserva no cemiterio parroquial de San
Julián de Negreira, deixando unha filla de curta idade, María de
las Dolores Rodríguez Linares, e en ningunha das biografías do seu
pai aparece citada xunto cos seus irmáns Manuel e Emilio, ben pola
súa morte prematura, por ser muller ou por calquera outro motivo que
se coñeza.
1-2. La Voz de Galicia 20-7-1892 e 3-4-1894
3. Rexistro Civil de Negreira 27-3-1894
No hay comentarios:
Publicar un comentario