viernes, 14 de febrero de 2020

A ORIXE DO ENTROIDO



Primavera-Giuseppe Arcinboldo

Cada ano, como preludio da chegada da Primavera, prodúcese en diferentes lugares do mundo unha eclosión popular que enche de colorido e ledicia as rúas dos pobos e cidades. Esta antiquísima celebración ten a súa orixe nas chamadas Festas de Ciclo Anual que nas primitivas comunidades agrarias conmemoraban os cambios estacionais que se experimentaban ao longo do ano.

A festa conserva en cada lugar as características propios da súa Historia, así en Venecia o luxo e boato propio dos burgueses renancentistas; en Brasil, a música, o erotismo e o colorido das comunidades de orixe afro e en Bolivia (Oruro) os elementos precolombinos e dos esclavos levados pola colonización.

As celebracións máis antigas  na honra da Nai Natureza e da Primavera atopámolas en Babilonia hai aproximadamente uns 4.000 anos e tamén en Exipto, en honor do Boi Apis, símbolo da virilidade que contiña o espíritu do señor da creación Ptaht. Posteriormente os ritos da chegada da estación das flores e o amor extendéronse por todo o Mediterráneo.

En todo o seu percorrido ao longo da Historia, o Carnaval foise impregnando das costumes e tradicións correspondentes a cada época e cultura. Así é clara a influencia de Grecia e Roma onde se vincula coa festa de Dionisio, deus do viño (Baco en Roma). Estas festas tumultuosas celebrábanse en Tebas no cumio do monte Citerón e na Tracia.

Bacanal-Massimo Stanzione

Según o poeta latino Ovidio tiñan lugar no mes de Marzo ( primeiro do primitivo calendario), o terceiro día despois das Idus, día 17, cando os campesinos ían a Roma para participar no festival que se lle adicaba a Baco (1). Chamábanse orgías ou Bacanales e as mulleres que participaban nelas bacantes ou ménades. Comenzaban cun desfile encabezado por unha carroza na que un mozo gordiño e xacarandeiro, con acios de uvas e unha copa, representaba ao deus, guiado por homes cubertos con pel de tigre e outros arredor, coas peles de macho cabrío, brincaban a modo de faunos e sátiros (Piliqueiros) .
A xente levaba a cara e o corpo pintado con sangue, viño ou zume de moras a modo de mascarada. O ancián que representaba a Sileno iba sentado nun burro ao final do cortexo, vestido de xeito grotesco para facer rir aos espectadores. Ese día tamén se depositaba nas imaxes do deus unha especie de filloas porque tamén el se alegraba coas cousas doces(2).
Nestas festas cun marcado carácter transguesor, bebíase viño ata perder a conciencia e as bacantes entregábanse a todo tipo de excesos.


Combate entre D.Carnal e Dna.Cuaresma.Fragmento. Pieter Brueghel o Vello 
Pero o compoñente máis destacable do noso Entroido procede da Idade Media que o impregnou dos seus elementos gastronómicos. Para a sociedade rural fortemente estruturada polo Cristianismo o tempo de carnestolendas ofrecía unhas características moi acusadas de raiz pagán e un tempo de permisividade que se opoñía ao rigor da Cuaresma, periodo de cuarenta días de penitencia, xaxún e vixilia ou prohibición de comer carne en determinados días, como moi ben recolle D. Juan Ruiz o Arcipreste de Hita en El libro del Buen Amor:

De mi doña Cuaresma, justicia de la mar,
alguacil de las almas que se habrán de salvar,
a ti, Carnal goloso, que nunca te has de hartar
el Ayuno en mi nombre, te va a desafiar.

É de agradecer  ao Carnaval as tradicións gastronómicas de Galicia que dende o medievo nos chegaron: as filloas, cociñadas sobre unha lousa de pedra ou unha plancha metálica candente ou o cocido de porco elaborado no caldo, plato tradicional dos labregos europeos durante a Idade Media e aínda despois, con distintas variedades de carnes que regados cun bo viño da Terra constitúen un elemento imprescindible desta festa.

Durante a pasada dictadura esta celebración (Fiestas de Primavera) quedou recluida nos bailes de disfraces dos casinos e organizacións de carácter privado, nas familias a festa gastronómica e na rúa nas mans dos rapaces que colgaban siluetas dun burro recortado en papel no lombo dos máis despistados e marcaban coa tiza sisada nos encerados das escolas o lombo dos compañeiros.
Ben me lembro dun domingo de Entroido diante do Cine Progreso de Negreira cando un numeroso grupo facía cola para ver unha película de Sara Montiel e uns rapazolos asexaban a unha moza cun fermoso abrigo bermello. Un dos máis espelidos  foise arrimando ata tizala de arriba abaixo. O paraguazo que lle caeu, entre as risas dos compañeiros, deixoulle o lombo quente para unha semana.


Peliqueiros de Laza

Coa chegada da democracia, de novo o estoupido popular, satírico e festivo do Entroido, sempre atento a modas e costumes, volveu a encher as rúas de barullo e ledicia co apoio das institucións municipais e escolares (garderías, colexios e institutos) que contribúen a espallar na conciencia popular a semente desta tradición milenaria.



                                                Comparsa Os de Gonte - Negreira 1984



  1. Ovidio-Fastos .715-735-780
  2. Mitología griega y romana . Juan Humbert.



sábado, 8 de febrero de 2020

AGARDANDO A PRIMAVERA



LIQUIDAMBAR


Cando se prantaron eran unhas árbores pequenas que só pretendían humanizar as novas rúas e prazas. Logo foron medrando ao compás das construcións e cada ano hai que sometelos a unha poda intensa para que, ó chegar a primavera, a súa copa teña un aspecto discreto.

O mes pasado, aproveitando que caeron as follas, desmochárono, para que en marzo saian de novo os brotes con forza e no verán teñamos unha árbore bizosa que logo no outono coas súas follas bermello-douradas sorprendan a todos os que paseamos polas rúas.

O liquidambar,vulgarmente coñecido co nome de ocozol é ,como indica o seu nome composto do vocablo latino liquid e o árabe ámbar, unha árbore que responde ás súas feridas botando unha resina chamada storax que dende os máis remotos tempos tivo aplicacións farmacéuticas. O historiador romano Gayo Plínio, na Historia Natural, destaca o seu uso como perfume e medicina e no século XII o farmacéutico e médico malagueño Ibn al-Baitar fala del como un importante remedio curandeiro; por iso é unha honra telo como veciño.

Agora, aínda que parece inerte, estendendo os seus brazos cara a noite, non dorme; malia non ter follas segue a respirar por uns pequenos poros ao longo do tronco, as lenticelas, e por dentro a súa actividade é frenética coa respiración, a fotosíntese e a producción de sustancias que van facer que na primavera rebenten os brotes e manifesten de novo o seu esplendor.

Así e todo pareceume fermoso e ao pasar pola súa beira, mentres agardamos que rebrote de novo, non resistín a tentación de tirarlle a foto, tan ergueito no medio da noite e desta humidade que nos envolve, como agasallo a todo aquelo que durante o ano nos ofrece.