SANTIAGO DE COMPOSTELA ( Foto El Correo Gallego) |
De cando en vez o outono
tráenos estas cousas, a terra verde vese asolagada por descargas
esaxeradas de choiva e vento que inundan pobos, cidades e desbordan
os ríos. A xente, ansiosa de rego para os campos logo dun verán
seco responde sempre o mesmo: ¡ Nin tanto nin tan pouco!
A da foto foi curta pero
abondosa e os sistemas de pluviais de A Coruña e Santiago de
Compostela non deron abasto nalgúns lugares.
De setembro a decembro é
cando se producen as maiores enchentas en Galicia, as masas de aire
quente e húmido ascénden a velocidade e condensan todo o vapor de
auga sobre nós, poñendo en apuros aos ríos que non dan acadado o
seu cometido de carrexar a auga ao mar. Hai anos, Padrón e Caldas de
Reis eran as estrelas fluviais destes acontecementos, polo
desbordamento do Sar e o Umia. O Tambre, a partires de 1987, entrou
tamén a formar parte do grupo de ríos mediáticos.
As máis importantes dos últimos anos
foron :
A do 28 de decembro de 1978,
en toda Galicia, pero que afectou especialmente ás localidades de
Lugo, Pontevedra e Padrón.
A do 13 de outubro
de 1987, unha desas que quedan na memoria, afectou aos ríos
Sar e Umia pero especialmente ao Tambre, onde en 24 horas caeron 138
l/m2. As comportas do Embalse Barrié de la Maza non poideron
abrirse por estar os motores desmontados para o seu mantemento e a
auga pasou uns 50 cm por enriba da coroa da presa.
Ao día seguinte, para aliviar a situación dos afectados, un camión grúa que veu dende Madrid, deprazouse lentamente pola presa desbordada xa nuns 20 cm, para enganchar as comportas e erguelas, pouco a pouco, vencendo a presión da auga, ante o temor dos que presenciábamos tan arriscada maniobra que, por momentos, ameazaba ao vehículo con sair voando dende o alto. A valentía, ou temeridade, do gruísta foi compensada con 500.000 pesetas por catro horas de risco.
En Ponte Maceira non se produciu unha catástrofe grazas á actuación dun veciño que ás 5 da mañá observou como as augas do cauce subían de xeito anormal. Francisco Cancela Nimo avisou aos demáis moradores do lugar, pero María Yllodo Rodríguez e o seu home non conseguiron abandoar á súa casa, refuxiándose no teito, onde permaneceron 10 horas ata que os rescataron dous buceadores, pois a forza do vento impediulle facelo ao helicóptero de Protección Civil.
Consuelo Vieito
comentaba no xornal La Voz de Galicia que a enchenta fora peor que a
de 1916 que tamén tivera considerables dimensións. Os
veciños perderon os seus mobles, electrodomésticos e outros
enseres.
No concellos de Ames,
Brión e Negreira as afeccións en infraestruturas, edificios e
liñas eléctricas foron cuantiosas. En Negreira desapareceron sete
pontes polas diferentes riadas e o exército tivo que poñer pontóns
para comunicar algúns núcleos que quedaron illados.
O 17 de decembro de
1989 tamén afectou de xeito especial ao río Tambre, pero aínda
que a subida foi espectacular os danos foron menores.