martes, 22 de octubre de 2013

ENCHENTAS



SANTIAGO DE COMPOSTELA ( Foto El Correo Gallego)


De cando en vez o outono tráenos estas cousas, a terra verde vese asolagada por descargas esaxeradas de choiva e vento que inundan pobos, cidades e desbordan os ríos. A xente, ansiosa de rego para os campos logo dun verán seco responde sempre o mesmo: ¡ Nin tanto nin tan pouco!

O de onte foi curto pero abondoso e os sistemas de pluviais de A Coruña e Santiago de Compostela non deron abasto nalgúns lugares.

De setembro a decembro é cando se producen as maiores enchentas en Galicia, as masas de aire quente e húmido ascénden a velocidade e condensan todo o vapor de auga sobre nós, poñendo en apuros aos ríos que non dan acadado o seu cometido de carrexar a auga ao mar. Hai anos, Padrón e Caldas de Reis eran as estrelas fluviais destes acontecementos, polo desbordamento do Sar e o Umia. O Tambre, a partires de 1987, entrou tamén a formar parte do grupo de ríos mediáticos.

As máis importantes dos últimos anos foron :

A do 28 de decembro de 1978, en toda Galicia, pero que afectou especialmente ás localidades de Lugo, Pontevedra e Padrón.

O Tambre en Ponte Maceira-1989
A do 13 de outubro de 1987, unha desas que quedan na memoria, afectou aos ríos Sar e Umia pero especialmente ao Tambre, onde en 24 horas caeron 138 l/m2. As comportas do Embalse Barrié de la Maza non poideron abrirse por estar os motores desmontados para o seu mantemento e a auga pasou uns 50 cm por enriba da coroa da presa.

 Ao día seguinte, para aliviar a situación dos afectados, un camión grúa que veu dende Madrid, deprazouse lentamente pola presa desbordada xa nuns 20 cm, para enganchar as comportas e erguelas, pouco a pouco, vencendo a presión da auga, ante o temor dos que presenciábamos tan arriscada maniobra que, por momentos, ameazaba ao vehículo con sair voando dende o alto. A valentía, ou temeridade, do gruísta foi compensada con 500.000 pesetas por catro horas de risco.

 En Ponte Maceira non se produciu unha catástrofe grazas á actuación dun veciño que ás 5 da mañá observou como as augas do cauce subían de xeito anormal. Francisco Cancela Nimo avisou aos demáis moradores do lugar, pero María Yllodo Rodríguez e o seu home non conseguiron abandoar á súa casa, refuxiándose no teito, onde permaneceron 10 horas ata que os rescataron dous buceadores, pois a forza do vento impediulle facelo ao helicóptero de Protección Civil.

Consuelo Vieito comentaba no xornal La Voz de Galicia que a enchenta fora peor que a de 1916 que tamén tivera considerables dimensións. Os veciños perderon os seus mobles, electrodomésticos e outros enseres.

No concellos de Ames, Brión e Negreira as afeccións en infraestruturas, edificios e liñas eléctricas foron cuantiosas. En Negreira desapareceron sete pontes polas diferentes riadas e o exército tivo que poñer pontóns para comunicar algúns núcleos que quedaron illados.

O 17 de decembro de 1989 tamén afectou de xeito especial ao río Tambre, pero aínda que a subida foi espectacular os danos foron menores.

Son fenómenos naturais propios desta época ante os que debemos estar precavidos.


PONTE MACEIRA-1989

A Barquiña- 1987







2 comentarios:

  1. Bo recodo Manolo. Agora a ver si podes completalo coa historia e o perigo que houbo cos gruistas para levantar as comportas.

    ResponderEliminar
  2. Amigo Rubén : Xa puxen un pequeno párrafo coa historia da grúa. Nunca vin unha situación tan arriscada coma esa. Eu non o faría..penso que saiu ben debido á pericia do señor, porque a auga empurraba ao vehículo polo lateral e daba a sensación de que en calquera intre caería dende o alto..Sudaba só de velo. Mellor que estas cousas non se repitan.

    ResponderEliminar