jueves, 19 de mayo de 2022

UNHA VIAXE AO PASADO

 


A chegada do galeón Andalucía ao porto de A Coruña é todo un acontecemento. Poucas veces se ten ocasión de camiñar de vagar e de xeito tan didáctico por un barco empregado polos españois durante os séculos XVI ao XVIII, nas expedicións interoceánicas entre España, América e Asia formando parte da chamada flota das Indias e que tamén foi protagonista da primeira volta ao Mundo (1519-1522).

O galeón era un mercante armado de entre 40 ou 60 metros de eslora deseñado para cruzar os grandes océanos coa máxima eficiencia.


Estes barcos estableceron as relacións comerciais e culturais entre Europa, América e Asia durante trescentos anos. Dende Sevilla cruzaban anualmente o Atlántico para voltar logo dende o porto da Habana, aproveitando a Corrente do Golfo, coas súas bodegas cargadas de mercancías. No Pacífico o galeón de Manila transportaba tamén fabulosos e exóticos produtos asiáticos.

Unha tripulación composta por mozos e mozas andaluces que percorren o mundo nesta embarcación axudan a entender como era a vida dos mariñeiros que convivían dentro destas estruturas de madeira, o traballo cotiá para manipular as enormes velas dos tres paus coas imnumerabeis cordas, as técnicas de navegación para poder situarse no océano; dende o reloxo de area que manexaba o grumete para calcular a lonxitude xeográfica comparando a hora solar coa do porto de saída ata o uso da corda con “nudos” que amarrada a unha táboa ían soltando pola popa para xunto co reloxo calcular a velocidade de navegación do barco.


PAN E VIÑO : “Táboa posta, vianda presta”


Os principais alimentos a bordo eran o pan e o biscoito, tamén arroz, peixe e carne salgada, queixo e froitos secos. Cociñabase nun fogón con leña na cuberta principal, con moito tino para que non se producira un incendio.

Pero os mariñeiros convivían con moita dificultade, carentes de todo tipo de medidas hixiénicas, con piollos, pulgas e ratas. Con falta de auga e padecendo múltiples enfermidades, algunhas mortais como o escorbuto.



Os cinco canóns por cada banda disparaban bolas de ferro fundido de oito libras (3,91 Kg) con un alcánce máximo de 150 metros. Estes barcos mercantes navegaban en convois escoltados por barcos da armada, pero aínda así levaban canóns para a sua propia defensa.


O Galeón Andalucía, réplica dun do século XVII, foi construído en 2009-2010 pola Fundación Nao Victoria nos estaleiros de Punta Umbría (Huelva). Entre o 2010 e o 2013 navegou máis de 35.000 millas náuticas polos grandes océanos e mares do mundo facendo escala en portos dos catro continentes. Surcou o Pacífico e o Índico, cruzou o Atlántico e navegou polo Mediterráneo, Mar Roxo, Mar da China, Mar Exeo e o Caribe. Visitou cerca de cincuenta portos abrindo as súas cubertas ao público.


O domingo desplegará de novo as velas para cruzar o Cantábrico rumbo aos máis importantes portos franceses e ofrecer a súa testemuña histórica a todos aqueles que queiran disfrutar deste privilexio.