domingo, 26 de febrero de 2017

O ENTROIDO EN GALICIA





XABI LÓPEZ PICADO
CEIP Pedrouzos-Brión
 6º Curso


O Entroido é unha das festas máis importantes en Galicia, ademáis participa moitísima xente, tanto nos pobos coma nas cidades, varios destes carnavales contan coa cualificación de "Festa de Interese Turístico".

Viana do Bolo ( Ourense)

Aquí celébrase un dos Entroidos máis antigos de Galicia.
En Viana do Bolo os protagonistas son os Boteiros e Folións. Os Boteiros, como podedes ver nas fotos, son éstes que van vestidos con traxes coloridos, mascaras e  "penachos" encima da cabeza. Éstes traxes teñen un toque étnico moi interesante . Os Folións son comparsas de varias parroquias da zona que van tocando sobre todo instrumentos que son ferramentas agrícolas, como azadas, e tamén tambores, a tradición di que é para espantar a malos espíritos.




Verín ( Ourense)

Os Cigarróns, que son os personaxes principais destes carnavales, como podedes ver, levan uns traxes espectaculares, que pesan ao redor de 20 quilos, así que hai que estar moi en forma.
No Val de Verín lucen a máscara máis característica da Comarca de Monterrey , consta esta máscara dunha careta traballada en madeira e pintada de xeito que nela resáltense as cellas, as súas sonrosadas fazulas, amplo bigote, e o seu cínico sorriso mostrando a dentadura e unha falsa barba. Resaltar as grandes follalatas, tapando a cabeza, pintadas con motivos diversos, predominando os vegetales e os animais, sendo moi frecuente, tamén a representación do Sol e da Lúa.
Na cintura, faixa de varias voltas e por arriba dela o cinto de coiro do que colgan por detrás, seis grandes chocas. Estas chocas de cobre altérnanse segundo sexa o seu son, grave ou agudo. Ademáis de ir alternadas, deben tamén estar concertadas para que produzan o seu son característico. A arte dos Cigarrones consiste precisamente en mover con soltura chócalas, usando o propio movemento do corpo. Na man levan un látigo do que pende un pelexo.


Aínda que non hai nada demostrado, moitos investigadores remontan a súa orixe ao nacemento do ser humano.

Laza (Ourense)

Laza é outro dos lugares que debes visitar no Carnaval. Aquí entre as celebracións principais está a Farrapada e a Baixada da Morena. A farrapada consiste nunha batalla ao grande con trapos cheos de barro, faise pola mañá o Luns de Carnaval e pola tarde a Baixada da Morena, que se acaba con outra batalla campal de fariña, formigas e festa tola.

Ademais destas dúas festas, os personaxes principais aquí son os Peliqueiros, na seguinte foto poderedes velos cos seus impresionantes traxes, van correndo polo pobo, e se non apartas do seu camiño, pois danche coa "zamarra" que é como unha fusta que levan, é un símbolo de autoridade, de feito eles son a máxima autoridade do pobo durante eses días.




A súa orixe non está claro, o que si se coñece é que o seu nome vén da pel que levan detrás da careta.

Cobres -Vilaboa (Pontevedra)

Esta considerado un dos carnavais máis elegantes de Galicia. Madamas e Galáns van vestidos con disfraces moi coloridos, colares, plumas, moi vistosos. O día principal é o Martes, e van percorrendo o pobo bailando de casa en casa, onde lles dan donativos. Pola tarde celébranse xogos como "A Corrida do Galo" ou "Galo na vara".




Xinzo de Limia (Ourense)

Diversión e música son os grandes protagonistas do carnaval xunto  “As Pantallas” e a súa duración fan desta celebración un evento especial. As Pantallas son uns personaxes con traxe branco, máscara de cores, capa vermella con cintas de cores. Levan tamén campanillas. Dedícanse a perseguir vexiga en man, aos coñecidos varóns adultos que non van disfrazados, nunca a mulleres. Unha vez que lles colleron deben levalos en volandas ata o bar onde pagarán con cuncas de viño branco (Ribeiro).
Todo comeza tres semanas antes do martes de carnaval, co Sábado de Petardazo; séguelle o Domingo Faraleiro; Sábado seguinte co Desfile e Colgamento de Meco; despois o Domingo Oleiro para continuar o Sábado de Mulleres e o Domingo do Corredoiro.
Continúa a semana seguinte coa recta final do Entroido: Venres, Sábado, Domingo, Luns do Entroido e o Martes, día máis importante co Gran Desfile do Entroido para continuar o Mércores co Enterro da Sardina e acabar co Domingo de Piñata.
Como dato curioso o entroido de Xinzo de Limia ten o mérito de ser o Carnaval máis longo de España. As Pantallas son os encargados de manter a orde, alegrar a festa ademais de xerar un son peculiar co son das campaniñas.






Barrio de Eiroas.- Ourense cidade

No barrio das Eiroas, lévase a cabo o entroido coa saída das pitas, un dos personaxes, recuperado fai uns 10 anos por un colectivo veciñal para participar no "Domingo Oleiro", no que veciños e algunha galiña inqueda, lanzáronse vaixelas de barro recreando unha tradición similar á de Xinzo, pola cal aquel a quen lle caia ao chan a "ola" e a rompa, terá que pagar unha rolda de desagravio.
A figura deste carnaval, a pita, toma o seu nome da "Voda dá Pita", que realiza cada Martes de Carnaval unha recreación irónica e a voda celebrada fai lustros na zona, por un viudo e unha viuda, chamada esta última como A Pita. 









domingo, 19 de febrero de 2017

DE XÚBILO




Suso Andrade cos presidentes das federacións española e galega (Tino Castro)- Campionato de España de Futbol Sala de Seleccións Autonómicas. Categoría Infantil


Á idade en que os rapaces entrabamos na adolescencia e só pensabamos en divertirnos comenzou a súa vida laboral. Un tempo inxente de traballo arreo que rematou hai uns días logo de máis de cincuenta anos, fins de semana inscluidos e ás veces en xornada nocturna. Sempre cordial e con bo talante cara os demáis. O tempo de ocio dedicábao ás aficións e aos amigos. Tamén á práctica e ó apoio do Deporte. Na Sociedade Deportiva Negreira sabían ben do  bo facer de Suso, pois os domingos nos que libraba tamén os destinaba a promocionar o fútbol, a única actividade deportiva que daquela era asequible.

O ano 1987 cando un grupo de veciños acordou organizar unha nova candidatura para as eleccións municipais pensamos nel. Tocoume a min facerlle a proposta e a súa resposta foi que tiña que pensalo. Unhas semanas máis tarde volvemos falar e non me preguntou cal sería o posto que ocuparía na lista, só me dixo que en Pedra Mámoa había uns terreos municipais que eran axeitados para unhas instalacións destinadas á promoción deportiva para os mozos e os maiores.

-Ben, pero habería que facer un anteproxecto e pensar o que se pode ubicar nese lugar, comenteille.
-Non hai problema, respostoume, falo con Pancho Leis e fainos un deseño coas instalacións que precisemos. Aos dous meses estaba exposto nun escaparate da Vila.

1989- Presentación das Escolas deportivas Municipais . Suso con Eliseo Ferreño e o Delegado Provincial de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, Jano Leis

Cando o presidente da Deputación asistiu ao mitin no Bar Mezquita para presentar a candidatura, ao entrar veu nun trípode o plano a cores e preguntou estrañado : Que fermoso.., pero quen vai pagar todo isto? A miña resposta foi instantánea: Vós!.. A cara de asombro fixo que Suso e os demáis compañeiros ríran cara a min. Cando se inaugurou o novo campo de fútbol, a terceira das novas instalacións, Salvador comentaba esta anécdota aos asistentes.

Que satisfactorio é, cando se ten a responsabilidade dun cargo público, rodearse de persoas eficientes nas distintas áreas de goberno, pensaba estes días ao presenciar algunha actuación dos protagonistas do que agora chaman nova política, que xa comezan a vida orgánica non dubidando en apartar aos que poideran poñer en perigo o seu posto. Suso facía propostas, revisaba proxectos e rodeouse na súa área de persoas como Eliseo Ferreño, un mestre con gran experiencia no eido deportivo.

A Suso débese a creación e posta en marcha das Escolas Deportivas Municipais que hoxe acollen a centos de persoas de todas as idades, a promoción da Carreira Popular e tanto organizaba campionatos de España no novo Pavillón como impulsaba outras actividades. Tamén novas instalacións deportivas e mellora das xa existentes. Sempre co seu traballo a punto e nos momentos difíciles, que non faltan en toda xestión pública, sabía prantarse e resolver dun xeito discreto.

Comenzo da Zona Deportiva de Pedra Mámoa


Suso Andrade foi sempre un home pragmático, unha persoa de firmes conviccións sociais, un destes amigos cos que gusta compartir as horas e disfrutar de momentos agradables. Onte  erguemos as nosas copas para desexarlle unha feliz prolongación do acontecer diario, agora sí con tempo  para dedicarse ó que lle gusta, porque a xubilación non é máis que prescindir do horario laboral para que a vida siga fluíndo.





miércoles, 8 de febrero de 2017

O OLLO DEREITO DE BRIGITTE BARDOT


B.B.


Quen dos que fomos mozos alá polos anos setenta non se acorda das películas e das cancións de Brigitte Bardot? Ademáis de actriz e cantante foi un mito erótico e unha icona sexual do mundo do espectáculo. Esta moza francesa nacida nunha familia burguesa foi educada dende pequena como correspondía á clase social á que pertencía, estudou música e danza e de contado trunfou no mundo do cine da man do seu primeiro marido, o director Roger Vadin.

Na súa carreira artísitica protagonizou máis de corenta películas, todas elas un éxito, e foron poucos os calendarios da época que non tiveron unha imaxe da actriz máis ou menos espida. Foi das poucas artistas europeas que veneraban nos Estados Uniodos, a súa chegada alí era toda unha festa.

Brigitte tamén destacou pola defensa dos dereitos dos animais. Foi famosa pola súa oposición ao sacrificio das focas do Ártico, onde máis de quince mil familias anuits vivían da pel, carne e grasa destes animais. Na férrea campaña que protagonizou chegou a tratar aos canadienses de criminais e conseguiu que en Francia se prohibira a importación de peles de foca. Tamén foi moi popular a batalla que mantivo para que non se mataran dous elefantes que padecían unha grave enfermidade. Recibiu as máis importantes condecoracións do goberno francés.

Pero ademáis foi unha férrea loitadora en contra dos inmigrantes e firme partidaria da imposición da pena de morte. Multárona cinco veces por incitar ao odio racial.

De pequena padeciu unha enfermidade chamada ambiopía que lle provocou a perda de visión do ollo esquerdo.






miércoles, 1 de febrero de 2017

A ORIXE DE BARCALA



                                             Val de Barcala               ( Foto Xurde Morán)

A comarca de Barcala constitúe unha unidade xeográfica formada polos concellos de A Baña e Negreira, así o decretou a Xunta de Galicia no seu plan de comarcalización, co artigo feminino diante. Durante séculos, as augas dun afluente do Tambre estiveron agardando que viñera alguén que as bautizara, mirando de cando en vez darredor e pensando que aínda non chegaran, pero un bo día, de súpeto, acadaron o nome do val que atravesaban.

Pero dende cando Barcala foi Barcala?


MOITO ANTES

De Gayo Plinio Segundo, escritor, científico, militar e naturalista romano dicía o seu sobriño (Plinio O Novo) que lía e estudiaba todo o día, facía resúmenes de todos os libros e cando viaxaba adicábase a observar e estudar as terras que visitaba, por iso é unha importantísima fonte de información da que hai que botar man para coñecer o noso pasado. Foi procurador na Tarraconiense no ano 73 e finou o 24 de agosto do 79 na erupción do Vesubio pois dende Miseno, pola curiosidade por ver de cerca aquel fenómeno, saiu coas súas naves para  conseguir tamén rescatar a uns amigos que estaban en perigo na bahía de Nápoles. Finou asfixiado polos gases do volcán.

Foron os romanos os que fixeron as primeiras divisións administrativas en Hispania. No 179 a. C. as dúas primeiras provincias, a Ulterior e a Citerior. Augusto dividiu a Ulterior, segundo ían conquistando as terras e sometendo á poboación, entre a Bética e a Lusitania e, posteriormente, Diocleciano  separou da Tarraconiense a Gallaecia. Logo fixéronse outras novas divisións ata completar un total de sete provincias.

Dos habitantes prerromanos desta nova provincia, conta Plinio e tamén Estrabón que tiñan un xeito de vida bastante primitivo, practicaban unha agricultura moi rudimentaria, vivían nos castros fundamentalmente da recolección de froitos, especialmente as landras dos carballos que secaban e logo facían unha fariña coa que amasaban o pan, a gandeiría de cabras e porcos e adicábanse principalmente á guerra e á rapiña e a súa incorporación á cultura romana e a súa administración foi máis lenta que os habitantes do Sur.

PERO...

Coa desaparición do imperio romano e a chegada dunha serie de grupos humanos, na maioría pertencentes aos pobos xermánicos, a terra foi o centro da vida das persoas, as cidades desapareceron e os reinos cristiáns que ían xurdindo dividíanse en feudos sendo o castelo o centro de poder e a maioría da poboación campesiña vivía en pequenas aldeas. Tempos aqueles nos que os catro xinetes do Apocalipsis: a fame, a peste, a guerra e a morte, campaban polos territorios. O señorío máis importante de Galicia chegou a ser o de Compostela, pola súa extensión e polo poder acadado polos arcebispos.

As terras comprendidas entre os ríos Támara (Tambre) e Ezar (Xallas) chamouse CÉLTIGOS polo nome que se lles daba aos seus habitantes. Alá polo século X este territorio perdeu a súa franxa costeira e xurdiron dúas novas circunscripcións: GENTINES a que estaba situada cara o Tambre e CARNOTA e no ano 1024 o rei Alfonso V, según se recolle no Tumbo A (64), doou a Santiago na franxa Sur a parroquia de Negreira: “in territorio célticos ripa Tamaris, Sanctum Iulianum de Nigraria cum suo debito, suis ecclesis et suis hominibus et suis adiacenciis”.


Alfonso IX - Tumbo A

Pero foi no ano 1127, cando aparece a primeira referencia a Barcala : Alfonso VII concede a Diego Gelmírez as terras de Gentines, Célticos, BARCHALA e Carnota dependentes do castelo de San Xurxo, na serra do monte Pindo e case un século despois (1209) Afonso IX concede novamente a Santiago as terras anteriores sinalando que o arcebispo terá baixo o seu control ademáis das citadas dúas novas Avania ( A Baña) e Iallas ( Xallas) que logo pasaron a depender, segundo o profesor Baudilio Barreiro Mallón, do Conde de Altamira.(1)

Xa no século XIX Barcala tamén foi concello (1821) formando parte do partido xudicial de Outes e estaba formado pola maioría das parroquias dos actuais concellos de  A Baña e Negreira que se separaron na reforma de 1836.(2)

Malia as divisións administrativas a sociedade barcalesa é unha unidade social cun medio natural e patrimonial dignos de ser protexidos, os fermosos pazos de Cores e O Barro ( A Baña) e os de O Cotón e Albariña ( Negreira), antigos receptores das rendas agrarias, xunto coas igrexas e demáis construccións populares forman un conxunto único.


Río Barcala




(1) Ana Framiñán Santas e Xavier Rey Souto - Historia de Santa Comba de Xallas- Concello de Santa Comba.2003

(2) Xosé Fariña Jamardo. Os concellos galegos. Tomo VI.Fundación Barrié, 1991