Suso Andrade cos presidentes das federacións española e galega (Tino Castro)- Campionato de España de Futbol Sala de Seleccións Autonómicas. Categoría Infantil |
Á idade en que os
rapaces entrabamos na adolescencia e só pensabamos en divertirnos
comenzou a súa vida laboral. Un tempo inxente de traballo arreo que
rematou hai uns días logo de máis de cincuenta anos, fins de
semana inscluidos e ás veces en xornada nocturna. Sempre cordial e
con bo talante cara os demáis. O tempo de ocio dedicábao ás
aficións e aos amigos. Tamén á práctica e ó apoio do Deporte. Na
Sociedade Deportiva Negreira sabían ben do bo facer de Suso, pois os
domingos nos que libraba tamén os destinaba a promocionar o fútbol,
a única actividade deportiva que daquela era asequible.
O ano 1987 cando un grupo
de veciños acordou organizar unha nova candidatura para as eleccións
municipais pensamos nel. Tocoume a min facerlle a proposta e a súa
resposta foi que tiña que pensalo. Unhas semanas máis tarde
volvemos falar e non me preguntou cal sería o posto que ocuparía na
lista, só me dixo que en Pedra Mámoa había uns terreos municipais
que eran axeitados para unhas instalacións destinadas á promoción
deportiva para os mozos e os maiores.
-Ben, pero habería
que facer un anteproxecto e pensar o que se pode ubicar nese lugar,
comenteille.
-Non hai problema,
respostoume, falo con Pancho Leis e fainos un deseño coas
instalacións que precisemos. Aos dous meses estaba exposto nun
escaparate da Vila.
1989- Presentación das Escolas deportivas Municipais . Suso con Eliseo Ferreño e o Delegado Provincial de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, Jano Leis |
Cando o presidente da
Deputación asistiu ao mitin no Bar Mezquita para presentar a
candidatura, ao entrar veu nun trípode o plano a cores e preguntou
estrañado : Que fermoso.., pero quen vai pagar todo isto? A
miña resposta foi instantánea: Vós!.. A cara de asombro
fixo que Suso e os demáis compañeiros ríran cara a min. Cando se
inaugurou o novo campo de fútbol, a terceira das novas instalacións,
Salvador comentaba esta anécdota aos asistentes.
Que satisfactorio é,
cando se ten a responsabilidade dun cargo público, rodearse de
persoas eficientes nas distintas áreas de goberno, pensaba estes
días ao presenciar algunha actuación dos protagonistas do que
agora chaman nova política, que xa comezan a vida orgánica non
dubidando en apartar aos que poideran poñer en perigo o seu posto.
Suso facía propostas, revisaba proxectos e rodeouse na súa área
de persoas como Eliseo Ferreño, un mestre con gran experiencia no
eido deportivo.
A Suso débese a creación
e posta en marcha das Escolas Deportivas Municipais que hoxe acollen
a centos de persoas de todas as idades, a promoción da Carreira
Popular e tanto organizaba campionatos de España no novo Pavillón
como impulsaba outras actividades. Tamén novas
instalacións deportivas e mellora das xa existentes. Sempre co seu
traballo a punto e nos momentos difíciles, que non faltan en toda
xestión pública, sabía prantarse e resolver dun xeito discreto.
Comenzo da Zona Deportiva de Pedra Mámoa |
Suso Andrade foi sempre
un home pragmático, unha persoa de firmes conviccións sociais, un
destes amigos cos que gusta compartir as horas e disfrutar de
momentos agradables. Onte erguemos as nosas copas para desexarlle unha feliz prolongación do
acontecer diario, agora sí con tempo para dedicarse ó
que lle gusta, porque a xubilación non é máis que prescindir do
horario laboral para que a vida siga fluíndo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario