miércoles, 1 de febrero de 2023

FLORES DE ONTE E HOXE

 

                                                                                   (J.M.L.T.)

Cando baixei do coche quedei abraiado vendo unha flor tan fermosa xurdindo do formigón, dun amarelo intenso que contrastaba co cemento pulido do chan. Cómo era posible que nun medio tan inhóspito poidera brotar tanta beleza, medrar e darlle un aire natural a aquela parte do aparcadoiro. Pecisábase moita enerxía e pulo para sair adiante dende un diminuto resquicio sen vida. Cantas sementes deberon podrecer cando as ía depositando o vento naquel pavimento, pero ti, flor fermosa eres hoxe un espello no que mirarse.

Por iso lembro cando nos contabas esas partes da túa infancia que non poderás esquencer mentres vivas. O tremendo esforzo dunha nena que día tras día carrexaba area do río empurrando a carretilla pola corredoira costenta para facer a masa que túa nai empregaba para cubrir as pedras loiras daquel casucho que, pouco a pouco, foi trasformando na vosa vivenda. A insistencia para aprenderes a ler coas páxinas do xornal que o teu veciño, o carteiro, guindaba de cando en vez na eira e que ti recollías. Coa axuda do teu tío ías deletrando o que decían.

Como os demáis sabías que terías que desprazarte a outro medio máis favorecedor que che permitira medrar como persoa. Por iso foches o xulgado do teu municipio na compaña de catro veciños dispostos a testificar que eras ti a rapaza que figuraba na partida de bautismo que conseguiches do cura da parroquia para que che inscribira no Rexistro Civil, aquel xuiz que non che entendía pero ti si a el cando co seu acento andaluz che dixo: Es que yo no tengo culpa que usted sea hija de una cabra.

Logo, cando os invitaches a xantar no bar da Carreira tamén pagaches o del, que estaba noutra dependencia, porque daquela sabíades que era así, cando querías algo dalgunha oficina nada podías conseguir se antes non soltabas o carto.

Foron anos de intenso traballo e aforro no estranxeiro para poder voltar sendo xa a persoa adulta que hoxe es, amable e culta, con ese coñecemento que da a experiencia e que non se pode conquerir se non é co paso do tempo. Ti es esa flor xurdida da emigración e túa nai unha muller valente que te trouxo a este mundo.

Hoxe moitos seguen marchando, agora ben preparados e con currículos académicos envexables, outros veñen fuxindo da fame, dun medio social hostil, na procura dunha vida digna ou da persecución política. As migracións son o resultado das desigualdades e do abandono no que fican as poboacións de moitos países, fenómeno social que medra pola necesidade humana de mellorar a vida persoal e familiar, polos conflitos que non deixan de ameazar a supervivencia de grandes cantidades de persoas en todo o mundo.Tamén os descendentes dos nosos emigrantes que voltan á terra dos seus ancestros despois dunha longa vida nos lugares que os acolleron: Cuba,Venezuela, Brasil ou Arxentina.

Según o Instituto Nacional de Estadística no pasado ano eran 41, 151, 119 e 53 respectivamente os que naceron en cada un destes países e acabaron voltando ao Concello de Negreira..

Hai uns días informaba a Emisora Municipal que un grupo de mulleres inmigrantes acababan de crear unha asociación de axuda aos que chegaban ao concello, o mesmo que fixeron os nosos en distintas nacións de América hai máis de cen anos e que tanto contribuìron a mellorar as súas vidas. 

É o que se chama Solidariedade.




No hay comentarios:

Publicar un comentario