lunes, 29 de agosto de 2022

EU PASEI POR CAMARIÑAS...!


Eu pasei por Camariñas,

por Camariñas pasei cantando...!
 

Sentados na proa do restaurante gorentando as lambiscadas con que a ría nos agasalla pensaba que si de min dependera mudaríalle o nome a esta costa que quedou marcada polos naufraxios que no  pasado tiveron lugar, coma o do navío da armada británica Serpent en 1890. O seu símbolo, o Faro que dende os 100,5 metros sobre o bravo mar, axudou a salvar milleiros de vidas, foi o primeiro en utilizar enerxía eléctrica seis anos despois desa traxedia.

O Faro Vilán, o maior de España e un dos máis altos de Europa, foi o meu primeiro amigo camariñán. Polas noites entraban as súas lampadas de xeito silandeiro polos cristais da galería da miña habitación en Muxía, no outro lado da ría, reflectíase nos espellos do armario aos pés da cama e acariñábame a faciana todas as noites, sempre do mesmo xeito: Un dous e logo contar ata quince, un dous e outra vez ata quince, todo de seguido ata que espertaba pola mañán e xa se fora.

Polo inverno cando volvía para durmir, cos meus compañeiros mestres Antonio e Amando, logo de tomar uns grolos na Taberna de Maruja, que se fora a luz era algo habitual naqueles tempos, por iso tíñamos que agardar arrimados ás paredes e ao pasar os lóstregos do faro cada quince segundos ir avanzando pouco a pouco ata chegar a Casa Isolina, onde vivíamos. E foi Zora, unha veciña, quen un día nos dixo aquel cantar : O faro de Camariñas alumea ás muxianas e as muxianas din “Vivan as caramiñanas”!...

Logo foi un novo amigo de Xaviña, no Colexio Público de Santa Comba, bo mestre como a súa dona, ledo e solidario,que tantas veces axudou a chegar a fin de mes a algunhas familias sempre co mesmo dicir : Carril non toca fondo!

E os amigos seguiron chegando, Alonso, fareiro ao igual que a súa dona, compañeiro na Deputación Provincial que un día levoume á súa casa, que era o Vilán, e subiume ao alto da torre onde quedei impresionado pola vista do mar bravío que mallaba unha e outra vez nos acantilados con virulencia. Os compañeiros alcaldes Bautista e Pichurri cos que compartimos tantas vivencias, toda ela xente excepcional coma tantos outros.

                                                                      (Foto: Vito Diéguez)
 

Onte, logo de disfrutar do fermoso paseo marítimo, camiño do Vilán, a néboa non deixaba ver nin a torre mais tivemos a ocasión de gozar da fermosa exposición de fotografías de Vito Diéguez e dos antigos compoñentes deste faro que son unha historia dos cambios técnicos que dende a súa construcción axudaron a salvar tantas vidas.

Cando partimos non poiden evitar lembrar aquela frase que o escritor e premio Nóbel de Literatura José Saramago lle adicou á illa na que pasou os derradeiros anos da súa vida : Lanzarote non é a miña terra, pero é terra miña.

Por iso dicía ao comenzo que se de min dependera á Costa da Morte mudaríalle o nome por Costa da Vida




 

No hay comentarios:

Publicar un comentario