Larario- Pompeia |
Hoxe, Día de Difuntos,
moita xente acude aos cemiterios para honrar e lembrar aos que nos
deixaron e que aínda seguen nos nosos corazóns. Desde o Neolítico o culto aos mortos está presente en todas as culturas e os pobos celtas
adicaban tamén un día a adorar o Samhain, que
significa o fin do verán.
Na relixión romana, no
mes de febreiro, celebraban as Parentalia para asegurar o
repouso dos seus difuntos. En maio, as Lemuria estaban
especialmente adicadas ao recordo dos pais. Tamén no culto
doméstico, aos Manes (espíritus dos defuntos), xunto cos
Lares ou Penates ( protectores do fogar e da familia ) facíanlles
ofrendas de viño, froita e perfumes e, a miudo, poñían
lampariñas ante o larario, altar que as casas dos patricios (domus)
tiñan no atrio ou patio principal. Os espíritus dos pais falecidos
tiñan a mesma consideración que os deuses.
Estela funeraria romana de Logrosa-Negreira: (Consagrado) aos Deuses Manes (aquí xaz) Aurelius Aurelianus de 36 anos.Museo do Pobo Galego
Como en outras culturas
en Galicia o espírito dos mortos formaba parte da vida da xentes,
ata hai relativamente poucos anos era difícil coñecer a alguén
que non se atopara de noite coa Compaña ou Estadea, nome das ánimas
en pena que vagaban polos camiños, ou algunha por libre, como
recolle Wenceslao Fernández Flórez en O Bosque Animado, cando Xan
de Malviz “Fendetestas”, ladrón de camiños, se atopou coa
ánima de Fiz de Cotovelo en peregrinación cara San Andrés de
Teixido (que vai de morto o que non vai de vivo). Arredor da lareira,
nas noites de inverno, a Santa Compaña e o lobo eran os
protagonistas das conversas.
A morte é agora unha
traxedia colectiva que entra nas vidas dos pobos sen esperalo,
mortes programadas polas guerras e as catástrofes naturais, pola fame, polo virus ou polas
bandas organizadas de delincuentes, dos que
fuxen polo mar e polos desertos ou se estrelan contra os arames
coroados de coitelas. Milleiros de mortos, homes, mulleres, rapaces e
rapazas, nas cidades queimadas polas bombas que forman
parte do espectáculo televisivo e que non importan porque son de
outros. Ou de aspirantes a mestres de escolas rurais, porque o espertar
conciencias é un perigo para os intereses escuros. Mortos todos que
non terán un lugar para que os vaian recordar, os mortos das fosas
comúns que, só de cando en vez, amosan a barbarie. Porque non se
trata do proceso natural ao que estamos abocados, é a actuación criminal dos roubavidas.
La Santa Muerte-México (Foto López Tuñas)
A desaparición dos 43
estudantes de Iguala no estado de Guerrero, un dos máis pobres de
México, fixo estremecer ao mundo; rapaces de familias pobres que
aspiraban a ser mestres. Os seus familiares,
amigos, compañeiros e miles de mexicanos están a reclamar que
llelos devolvan vivos. Ou do asasinato de mulleres en Ciudad Juárez, máis de 700 víctimas ata o 2012, a maioría de idades entre 15 e 25 anos.
É unha mostra da
barbarie que se vive nalgúns países de mortos sen tumbas nin
cemiterios, roteiro principal do tráfico de drogas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario